miniatura|250px|A lira é, como ocorre con outras moitas asociacións e sociedades musicais, o símbolo da Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos. A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos é unha asociación cultural da cidade de Monforte de Lemos (Lugo) fundada en 1950 e que ten como obxectivo a divulgación musical. Ten a súa sede na Casa da Cultura Lois Pereiro, na Praza de España da capital do val de Lemos. Conta cuns 190 socios e está presidida por Antonio Prado Cortiñas.

Historia A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos naceu en 1950 e ese mesmo ano realizou o seu primeiro concerto. A presentación da asociación tivo lugar no salón de actos da Casa do Concello monfortina, na que o daquela alcalde da cidade, Luis Rey Mariño, deu posesión dos seus cargos aos integrantes da xunta directiva da que foi a oitava Sociedade Filharmónica fundada en Galicia. O 16 de maio do mesmo ano ás once da noite celebrouse o primeiro concerto organizado pola institución, no que a Orquestra Sinfónica Municipal de Bilbao interpretou a Sexta Sinfonía de Ludwig van Beethoven, La procesión del Rocío de Joaquín Turina e a "Pantomima" da zarzuela de José María Usandizaga Las golondrinas.Programa do concerto, dispoñible no sitio web da Sociedade Filharmónica.

Nos anos seguinte á súa formación, a Filharmónica mantivo unha intensa actividade de concertos que levaron á cidade do Cabe á Coral Polifónica Pontevedresa (1951), o barítono bonaerense Hammelet Fernández (1955), o arpista donostiarra Nicanor Zabaleta (1956), ou o violonchelista barcelonés Gaspar Cassadó (1956). Tamén visitaron a cidade na década de 1950 agrupacións intenrnacionais como a alemá Orquestra de Cámara de Múnic dirixida por Christoph Stepp, que actuou no desaparecido Teatro Lemos en 1954. A Filharmónica levou á cidade tamén a personalidades destacadas da música do momento, como o compositor español Joaquín Rodrigo, que o día 12 de xaneiro de 1956 ofreceu unha conferencia no Círculo Victoria de Monforte na que falou da súa música e interpretou fragmentos da mesma ao piano.

Xornais da época como La Noche recollen a rivalidade que apareceu entre a sociedade monfortina e a Sociedade Filharmónica de Pontevedra, xa que moitas veces ambas contrataban aos mesmos artistas ou agrupacións.

O 10 de maio de 2017, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos programou o primeiro concerto gospel na historia da cidade. O concerto foi ofrecido polo grupo ugandés Aba Taano, que cantou cancións gospel dos Estados Unidos, Suráfrica, Zimbabwe e Kenya na igrexa do Colexio de Nosa Señora da Antiga.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web da Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos

Categoría:Monforte de Lemos Categoría:Sociedades filharmónicas de Galicia