miniatura|Unha das máis importantes reivindicacións do movemento nacionalista é a lingüística, incluíndo a oficialidade da toponimia corsa. O nacionalismo corso é unha corrente social, cultural e política que esixe máis autonomía ou a independencia para Córsega respecto a Francia.
Apoio social Segundo unha enquisa de 2008, o 10% da poboación corsa quere a independencia e un 51% máis autonomía 89% des Corses contre l'indépendance.. A nivel electoral, Pè a Corsica, a coalición de autonomistas e independentistas liderada por Gilles Simeoni, gañou por primeira vez as eleccións á Asemblea de Córsega en 2015, facéndose co goberno insular. Nas lexislativas francesas de 2017 o nacionalismo conseguiu unha nova vitoria gañando 3 dos 4 deputados corsos na Asemblea Nacional de Francia.
Historia Antecedentes históricos miniatura|Bandeira de Córsega. Córsega obtivo a independencia da República de Xénova en 1729 da man dos primados Carlo Francesco Raffaelli (nomeado xeneralísimo), Andrea Colonna, Luigi Giafferi (1663-1748), Ghjacintu Paoli (1690-1768) e Andria Ceccaldi. En 1736, o aventureiro alemán Theodor von Neuhoff autoproclamouse Rei de Córsega, promulgou unha Constitución e adoptou como himno nacional a canción Diu vi Salvi Regina. Porén, o novo Estado corso non se consolidou até a toma do poder por parte de Pasquale Paoli en 1755, que proclama a República Corsa. Paoli, entre outras medidas, fixo redactar unha nova Constitución, unha Cunsulta (poder lexislativo) escollida por sufraxio universal. Era un órgano soberano que controla ao xefe de estado, elaboraba as leis, o orzamento e escollía o goberno por maioría de dous terzos). En 1762 tamén se edita o primeiro xornal en lingua corsa, Ragguagli dell'Isola di Corsica. En 1765, créase unha universidade en Corte, adóptase o himno de Neuhoff e a bandeira da "cabeza do mouro".
En 1768 a illa é invadida e anexionada por Francia, aínda que entre 1794 e 1796 recupera a independencia como Reino da Córsega.
Despois da segunda anexión en 1796, hai varios intentos de recuperar a independencia por parte dos exiliados. En 1799, os irmás Buttafoco e Mario Beraldi, adversarios de Napoleón Bonaparte, co apoio do tsar Alexandre I de Rusia, intentaron facer un desembarco na illa. En outubro de 1800 hai un novo desembarco independentista, que chega a ocupar a cidade de Portivechju e a sitiar Sartène. Este novo intento infrutuoso provoca unha brutal represión que duraría até 1811.
Durante o século XIX, a política local estivo dominada e controlada polos chamados clans das grandes familias. Esta época tamén estivo marcada por varios problemas endémicos da illa, coma a banditaxe ou as vinganzas (vindettas en corso).
O "primeiro nacionalismo" En 1896 Santu Casanova funda a revista "A Tramuntana", de carácter teoricamente cultural, aínda que tamén cun forte compoñente político corsista e anti-clánico. Moitos corsos emigrados en Marsella editan publicacións en lingua corsa e fanse eco das primeiras reivindicacións nacionalistas contemporáneas. En 1909 intentaron, sen éxito, convocar un Congreso corso na cidade de Corte. En setembro de 1920 os irmáns Mattei e Petru Rocca fundaron a revista "A Muvra", xa cun carácter puramente político e nacionalista, que pretendía tamén servir de apoio para outros movementos nacionalistas (coma os de Alsacia e a Bretaña). En 1922 nace o Partido Corso de Acción, claramente inspirado polo Partido Sardo de Acción, co que mantiña unha relación moi estreita. Este primeiro partido nacionalista estaba formado maioritariamente por xornalistas, literatos de clase media, curas, funcionarios e profesionais liberais. A súa ideoloxía era un tanto imprecisa, sendo partidarios dunha autonomía administrativa dentro de Francia seguindo a estratexia dos nacionalistas alsacianos. En 1927 tiña 17 seccións locais, 13 delas en Córsega. Ese mesmo ano refundouse como Partido Corso Autonomista (PCA), cunha ideoloxía mellor definida: Córsega é unha nación cun pasado glorioso (nacionalidade definida pola lingua, historia e raza) que entra en decadencia pola invasión francesa, pero que podía renacer coa aplicación dos 14 puntos de Woodrow Wilson, e mediante a autonomía política. Dende 1932, o PCA foi infiltrado por sectores irredentistas pro-italianos, financiados pola ditadura fascista de Benito Mussolini.
O PCA intentou mostrarse neutral fronte ao irredentismo e celebrou en 1934 uns Estados Xerais de Córsega en Aiacciu, que repetirían no ano seguinte na cidade de Bastia. Estes actos tiñan coma principal intención recuperar as antigas asembleas da época xenovesa ou das "cunsulte" do século XVIII. No marco dos Estados Xerais, Petru Rocca propuxo a elaboración dunha Constitución corsa e a declaración da "resistencia fiscal" contra Francia. Porén, cando Italia fixo oficial a súa reclamación territorial sobre Córsega a partir de 1936, o PCA comezou a apoiar o irredentismo. Isto provocaría a súa ilegalización e o peche de "A Muvra" en 1939.
Na segunda guerra mundial a illa pasou a estar administrada por Italia en 1942. Debido á pasividade dos nacionalistas o movemento foi perdendo prestixio e importancia. Ao rematar a guerra, todos os nacionalistas foron xulgados e depurados, a pesar de que a maioría se mantiveran á marxe da política durante a ocupación. Finalmente, só foron xulgados por colaboración 40 corsos, e deles só 14 irredentistas, entre eles Petru Rocca, condenado a 15 anos de prisión pola acusación de ser "admirador e colaborador de Mussolini".
Continuación (1945-1974) O nacionalismo corso da posguerra tivo que enfrontarse ao estigma do profascismo colaboracionista. Porén, até a década de 1960 continuaría coas reivindicacións culturais e lingüísticas. A identidade colectiva corsa mantense con moita forza durante estes anos, facilitada pola insularidade, aínda que compatible coa cidadanía francesa e o sistema de clans, que permitía manter a representación dos intereses corsos en Francia por vías clientelistas, penetrando na estrutura dos partidos franceses na illa e favorecendo a captación dos membros da elite corsa na administración francesa. Intentouse revivir a economía mediante o desenvolvemento do turismo e a mellora da agricultura a través da modernización. Con esta finalidade foi creada a Societè d'Economie Mixte peur la Mise en Valeur Agricole de la Corse (SOMIVAC), grazas a cal se puideron cultivar novas terras e se concederon terreos a terratenentes franceses expulsados de Alxeria (os Pieds-noirs).
En 1959 formase o primeiro movemento anticolonialista, o Movemento 29 de Novembro, con base en Aiacciu, que pretende a modernización da illa sen cuestionar a unidade do Estado francés. En 1960 un grupo de estudantes corsos en París fundan a Unión Corsa, que en 1963 tomaría o novo nome de Union Corse-L'Avenir. Ao mesmo tempo celebrase en Corte o I Congreso da Unión Nacional de Estudantes Corsos, e en 1962 convócase unha manifestación en París para pedir unha universidade corsa. En 1964 fúndase o Comité de Estudos pola Defensa e os Intereses da Córsega (CEDIC), da man dos irmáns Max e Edmond Simeoni, mozos burgueses orixinarios da cidade de Bastia e moi influídos pola teoría sobre o colonialismo interno de Robèrt Lafont. Este grupo critica as consecuencias negativas da "balearización" de Córsega. Reclamaban, como programa de mínimos, a descentralización administrativa, pero dende unha perspectiva conservadora. Tamén nesta época aparece o grupo Ghjuvine Corsica-Jeune Corse.
En 1966, Unión Corsa únese ao CEDIC e a Ghjuvine Corsica para formar a Fronte Rexionalista Corso (FRC), dirixida polo independentista Sanguinetti. En 1967, escíndese a Acción Rexionalista Corsa (ARC), dirixida polos irmáns Simeoni, que reclamaron máis autonomía na xestión de recursos. En 1969 colócanse varias bombas nas dependencias do SOMIVAC e o nacionalismo corso obtén un certo apoio nas eleccións cantonais de 1970. En 1971 aparece o manifesto "Main basse sur une île..." e en 1973 a ARC cambia o seu nome por Acción polo Renacemento Corso. Unha parte da organización, dirixida por Dominique Alfonsi, escíndese e funda o Partido do Pobo Corso, con postulados máis nacionalistas. O sector independentista crea a Unione di a Patria, que o 7 de xaneiro de 1973 lanzou a coñecida como "Chjama di Castellare", onde se afirma que debían desaparecer as diferenzas entre os diversos clans corsos para conseguir a unidade de acción, xa que o inimigo a bater era Francia.
Nacemento do FLNC
O 3 de xaneiro de 1974 dase a coñecer por medio de 9 explosións a Fronte Paisanu Corsu de Liberazione (FPLC), grupo armado fundado en outubro de 1973, con poucos militantes e que busca a creación dun Estado corso e a retirada dos granxeiros franceses chegados nos 60 á illa. O 22 de marzo do mesmo ano aparecería outro grupo, chamado Ghjustizia Paolina (GP), que fixo estoupar un avión de Air France en Bastia. Estas acciones provocarían, por un lado, a radicalización da ARC, e por outro, a aparición de grupos parapoliciais coma o Front d'Action Nouvelle Contre l'Independance et l'Autonomie (FRANCIA) como maneira de levar a cabo unha guerra sucia contra os nacionalistas corsos.
En 1975 teñen lugar os determinantes "Feitos de Aléria", cando 20 membros de ARC ocupan armados con fusís unha leira vitícola duns pied-noirs. O ministerio do interior envía 2.000 xendarmes para desaloxalos, causando os enfrontamentos a morte de dous deles. Despois deste suceso a ARC é ilegalizada.
O 4 de maio de 1976 aparece a Fronte de Liberación Nacional de Córsega (FLNC), que reagrupa a FPLC e a GP, e que aspiraban a unha coalición interclasista para a consecución do dereito de autodeterminación. O FLNC utilizara como táctica principal a chamada "propaganda armada", financiándose polo chamado "imposto revolucionario". O primeiro líder do FLNC foi o ex-lexionario Ghjuvan-Paolo Roeschm, detido en 1979. O FLNC edita o xornal U Rebellu ("O Rebelde" en lingua corsa) e populariza o slogan A Poppulu fattu bisogna à marchja. Así mesmo, a fronte crea organización satélites coma Donne Corse (mulleres) ou A Riscossa (apoio aos presos). A partir de 1977, o FLNC intenta internacionalizar o conflito, pero os contactos con outros grupos similares en Europa (Euskadi Ta Askatasuna, IRA Provisional e a Fronte de Liberación da Bretaña) foron infrutíferas.
A finais de 1980, 119 militantes do FLNC foron xulgados. Destes 52 serían liberados provisionalmente, 27 foron condenados a longas penas de prisión e outros 34 foron encarcerados mentres agardaban un novo xuízo. Estas condenas a prisión non diminuiron a intensidade dos ataques armados nos principais centros de actividade do FLNC: Córsega en si e a cidade de Niza. En 1980, o FLNC colocou arredor de 463 bombas, incluíndo unha no Hôtel de Ville de París; e preto de 30.000 nacionalistas manifestáronse en Aiacciu exixindo a liberación dos militantes presos. O 2 de abril de 1981 o FLNC realiza un ataque no Aeroporto de Aiacciu só 10 minutos despois de que aterrara o avión do entón presidente francés Valéry Giscard d'Estaing, causando un morto e oito feridos. Pouco despois deste incidente o FLNC declarou unha tregua á espera de negociar co novo goberno de François Mitterrand (que prometera a amnistía para os presos corsos).
O camiño cara ao autogoberno En 1977, a través dos restos da ARC, fúndase a Unión do Pobo Corso (UPC). A pesar da fúndación da UPC, o FLNC decide crear un brazo político propio en 1981, a Cuncolta di i Cumitati Nazionalisti (CCN), de carácter asembleario e independentista. Ese mesmo ano créase o Sindicato dos Traballadores Corsos (STC), que gaña o 17% dos votos nas eleccións sindicais de Córsega, sendo o segundo sindicato máis votado. O STC tiña moita forza nos sectores turístico e comercial. Tamén se funda unha asociación de pais e nais de alumnos, a Assoziu di i Parenti Corsi. Esta gaña 10 representantes escolares en 1984 e 140 en 1988. O gran logro do nacionalismo nesta época é a refundación da Universidade de Corte, que levará o nome de Universidade Pasquale Paoli.