Aksel Vilhelmsson Johannesen, nado en Klaksvík o 8 de novembro de 1972 é un avogado e político feroés do partido socialdemócrata Javnaðarflokkurin. É o primeiro ministro das Illas Feroe dende decembro de 2022. Anteriormente foi primeiro ministro dende setembro de 2015 até setembro de 2019. Comezou a súa carreira política sendo membro do Løgting e chegou a ocupar os cargos de Ministro de Sanidade, Ministro de Facenda e Vice-Primeiro Ministro.
Traxectoria Naceu en Klaksvík, segunda meirande cidade das Illas Feroe, o día 8 de novembro de 1972, fillo do político Vilhelm Johannesen, que foi ministro das illas. Durante a súa xuventude, xogaba no club de fútbol KÍ Klaksvík (38 partidos e 3 goles na liga das Feroe, campión nacional en 1991, gañador da Copa 1994), do cal chegou a ser o presidente.
No ano 2004, obtivo unha mestría en dereito pola Universidade de Copenhague e despois trasladouse á cidade de Tórshavn, onde exerceu como avogado até o 2007, ano no que iniciou a súa carreira política. Entrou no mundo da política, ingresando no Javnaðarflokkurin (Partido da Igualdade), co que se presentou ás Eleccións xerais de 2008 das Illas Feroe, acadando o escano como membro do Løgting ("Parlamento"). Durante esa lexislatura, o 16 de xullo de 2009, trala renuncia do político Hans Pauli Strøm, converteuse en Ministro de Sanidade, até que dimitiu do cargo e o 21 de febreiro de 2011 pasou a ser o Ministro de Facenda. O día 5 de marzo do mesmo ano, foi elixido como presidente do partido, e o 6 de abril deixou o seu cargo de ministro e foi nomeado Vice-Primeiro Ministro.
Nas eleccións xerais de 2011, presentouse como principal candidato mais non logrou a vitoria, quedando como cuarta forza política máis votada. Tralas eleccións xerais de 2015, volveuse presentar como principal candidato e desta volta si logrou a vitoria electoral cun total do 25,1% dos votos, conseguindo que o seu partido fose como forza máis votada. O día 15 de setembro dese ano, foi investido como o 13º Primeiro Ministro das Illas Feroe, sucedendo a Kaj Leo Johannesen.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Proxecto de referendo constitucional das Illas Feroe
Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Klaksvík