A doenza arterial coronaria é un grupo de doenzas que inclúe anxina estable, anxina inestable, infarto do miocardio e parada cardiorrespiratoria. Este grupo fai parte dun grupo maior de doenzas, denominado doenzas cardiovasculares, do cal é o tipo máis común. O síntoma máis común é dor ou molestia no peito que pódese desprazar cara ao ombreiro, brazo, costas, pescozo ou maxilar. De cando en vez os síntomas poden ser similares a azia. Xeralmente os síntomas maniféstanse durante o exercicio ou en situacións de estrés, duran poucos minutos e melloran co repouso. Tamén pode causar falta de aire. Nalgúns casos non se manifestan síntomas. Ás veces, o primeiro sinal é un ataque cardíaco. Entre outras complicacións están insuficiencia cardíaca ou arritmia cardíaca.

Entre os factores de risco están a hipertensión arterial, tabaquismo, diabetes, falta de exercicio, obesidade, colesterol alto, dieta inadecuada, consumo excesivo de bebidas alcohólicas e depresión. O mecanismo subxacente implica a aterosclerose das arterias do corazón. Hai varios exames que poden auxiliar o diagnóstico, incluíndo electrocardiogramas, probas de esforzo, coronariografia por tomografía computerizada e anxiografia coronaria por cateterismo etc.

A prevención consiste en manter unha dieta saudable, practicar exercicio físico regularmente, manter un peso saudable e non fumar. Por veces son tamén usados medicamentos para controlar a diabetes, o colesterol alto ou a hipertensión arterial. As evidencias dos beneficios do cribado en persoas de baixo risco e sen síntomas son limitadas. O tratamento consiste nas mesmas medidas de prevención, podendo tamén ser recomendados outros medicamentos, incluíndo antiagregantes plaquetarios como a aspirina, betabloqueadores ou nitroglicerina. Nos casos graves poden ser consideradas intervencións como anxioplastia coronaria ou cirurxía de bypass coronarios. Con todo, en persoas con doenza estable non está claro se estas intervencións aumentan a esperanza de vida ou diminúen o risco de ataques cardíacos en relación cos restantes tratamentos.

En 2013 as doenzas arteriais coronarias foron a principal causa de morte en todo o mundo, sendo a causa de 8,14 millóns de mortes (16,8%), un aumento en ralación ás 5,74 millóns de mortes (12%) en 1990. Con todo, o risco de morte por enfermidades coronarias en determinada idade ten vindo a diminuír entre 1980 e 2010, sobre todo nos países desenvolvidos. O número de casos de doenzas coronarias en determinada idade tamén ten vindo a diminuír entre 1990 e 2010. En 2010, nos Estados Unidos, preto de 20% das persoas con máis de 65 anos presentaban doenzas arteriais coronarias, mentres que entre os 45 e 64 anos a porcentaxe era de soamente 7% e entre os 18 e 45 anos de 1,3%. En determinada idade, a prevalencia da doenza é maior entre homes que en mulleres.

Notas

Categoría:Doenzas do sistema circulatorio