Soiuz 11 foi o nome da segunda misión espacial tripulada enviada cara a estación espacial Saliut 1. Foi lanzada o 6 de xuño de 1971 mediante un foguete Soiuz 11A511 desde o cosmódromo de Baikonur e tras unha misión exitosa os tres cosmonautas morreron durante a reentrada atmosférica.

Características A misión de Soiuz 11 foi acoplarse coa primeira estación espacial da Historia, a Saliut 1, despois do intento errado da Soiuz 10. A bordo da cápsula ían o comandante Georgi Dobrovolski, o enxeñeiro de voo Vladislav Volkov e o enxeñeiro de investigación Viktor Patsaiev. A que era a tripulación de reserva pasou a ser a principal despois da indisposición de Kubasov, membro da primeira tripulación, xunto con Kolodin e Leonov. A nave era unha Soiuz 7KT-OK.

Despois do lanzamento a Soiuz 11 manobrou durante o primeiro día de voo para igualar a súa órbita coa da Saliut 1. Os controis automáticos para o acoplamento foron activados a unha distancia de entre 6 e 7 km da Saliut. O sistema Igla levou ambas naves a uns 100 m de distancia, momento no cal os cosmonautas tomaron o control. O acoplamento en si durou algo máis de tres horas, dende o contacto físico, o aseguramento das conexións mecánicas, hidráulicas e eléctricas até o igualamento de presión entre as naves. Rematadas as manobras, a tripulación pasou ao interior da estación. O primeiro en entrar, Patsaiev, informou de olor a queimado e incomodidade na atmosfera da estación. A atmosfera tardou 20 horas en ser reciclada e limpada, polo que os cosmonautas pasaron a primeira noite na Soiuz.

A estación dispoñía, entre outros, dun telescopio (que non funcionaba debido a que o seu cobertor non foi exectado despois de entrar en órbita), un espectrómetro, un electrofotómetro e cámaras de televisión. Durante a estancia tivo lugar un pequeno incendio que a tripulación logrou controlar.

Alén diso, déronse outros pequenos incidentes e incomodidades, así como o feito de que a tripulación non puido seguir o plan de exercicio físico necesario para manterse en forma en gravidade cero. Ante isto, o control de terra decidiu que os cosmonautas regresaran aos 22 días de misión en lugar de aos 30 planeados, durante os cales fixeron diversos experimentos e probas.

O 29 de xuño a tripulación cargou os diversos espécimes con que fixeron experimentos, as películas fotográficas, as cintas e o resto do material na cápsula Soiuz e subiron a bordo para abandonar a estación. A reentrada foi normal, aínda que a comunicación coa tripulación non se deu restablecido. A aterraxe foi levada a cabo polos sistemas automáticos. Cando o equipo de rescate chegou ata a cápsula atopou os tres cosmonautas mortos nos seus asentos. A investigación posterior revelou que morreron durante a reentrada por embolia pulmonar debida á descompresión a grande altura producida por un escape de aire na cápsula a través dunha válvula aberta por accidente durante a separación entre a cápsula e o módulo orbital. A válvula debía abrirse aos 4 km de altura e non pouco antes da reentrada. Os cosmonautas non levaban ningún tipo de traxe de presión, polo que faleceron en segundos.

En misións posteriores fíxose obrigatorio o uso de traxes durante a reentrada.

Véxase tamén

Outros artigos Soiuz 11A511 Soiuz 10 Saliut 1

Notas

Categoría:Programa Soiuz