Manuel María Pardo Argüeso, coñecido como Trelles, nado en Cortes (Bergondo) o 1 de abril de 1920 e finado en Oroso o 9 de xaneiro de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria Irmán de Andrés Pardo Argüeso, morto na fuga do Forte de San Cristovo o 22 de maio de 1938. Guerrilleiro ferido na taberna de Domingo Bermúdez no lugar da Igrexa de Oroso o 8 de xaneiro de 1948, logo de disparar e matar ao brigada de Artillaría Juan Raña Martínez. Faleceu unhas horas despois do tiroteo e o seu corpo foi abandonado nun monte próximo polos seus compañeiros.
No monte Puzos, da mesma parroquia de Oroso, apareceu morto un home duns 25 a 30 anos, de pelo castaño, ollos verdes azul claro, nariz pequena, e dun talle aproximado de 1,70 metros, vestido cun xersei de punto cor granate, camisa a raias azuis, camisola de punto, pantalón gris de pano e calcetíns negros novos, calzón curto e de complexión forte. Co cadáver a Garda Civil entregou ao xuíz instrutor unha pistola marca “Llama” 9 m/m curto nº 44359, un cargador, tres cartuchos e varias vaíñas, unha gabardina, unha boina negra e dous cartuchos do 9 longo. O corpo foi enterrado no cemiterio de Oroso sen identificar. Días despois o xulgado militar comunicou que o cadáver fora identificado como Manuel Pardo Argüeso.
En represalia pola morte do militar Juan Raña Martínez, o 2 de marzo foi asasinada en Bergondo Celsa Argüeso, nai de Manuel Pardo Argüeso.
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Bergondo Categoría:Nados en 1920 Categoría:Finados en 1948 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes