miniatura|Retrato de Mozart aos trece anos, nun óleo pintado en xaneiro de 1770 por Saverio dalla Rosa. As sinfonías espurias ou de dubidosa autoría de Wolfgang Amadeus Mozart, son un conxunto de trinta e nove obras sinfónicas atribuídas nun principio ao compositor austríaco, e posteriormente probadas como espurias ou sobre cuxa autenticidade se teñen continuas dúbidas. Non se coñece con precisión o número real de sinfonías escritas por Wolfgang Amadeus Mozart; das corenta e unha formalmente numeradas, hai tres (números 2, 3 e 37) das que se sabe sen ningunha dúbida que pertencen a outros compositores; por outra banda, os especialistas non están seguros da autoría da n.º 11. Con todo, á parte da secuencia aceptada de sinfonías números 1-41, existen outras vinte sinfonías auténticas de Mozart e, amais destas, unha longa lista de composicións problemáticas que non foron autenticadas como obras de Mozart. Algunhas destas composicións poden ser auténticas; de feito, as obras dubidosas son tratadas con frecuencia como auténticas polos que elaboran edicións recompilatorias. Non obstante, algunhas foron aceptadas durante moito tempo como obras doutros compositores, os cales foron identificados en moitos casos.
Moitas das dificultades de autenticación xorden coas sinfonías temperás de Mozart, das que se perderon as partituras autógrafas. Nalgunhas desapareceu completamente o corpo principal da obra, e só sabemos da súa existencia a raíz de que se conservou o incipit (anotación dos primeiros compases) catalogado por Breitkopf und Härtel, que publicou a Alte Mozart-Ausgabe (AMA) en 1883. Os informais métodos de publicación e distribución de obras musicais do século XVIII é, do mesmo xeito, causa de confusión. Os erros de catalogación, baseados en información desaxeitada, e en ocasións unha impaciencia excesiva por atribuír novos descubrimentos a Mozart, agravaron o problema. Con todo, a lista de sinfonías «espurias e dubidosas» non é fixa, en tanto que poden xurdir novas evidencias que leven á autenticación das obras dubidosas, do mesmo xeito que, nun futuro, sinfonías xeralmente aceptadas como da autoría de Mozart poderían ser cualificadas como dubidosas ou mesmo ser consideradas espurias.
Causas das malas atribucións miniatura|Leopold Mozart, cuxas sinfonías en ocasións teñen sido atribuídas erroneamente ao seu fillo Wolfgang. Existen numerosas causas polas que as obras sinfónicas foron incorrectamente atribuídas a Mozart. Entre elas, pódense mencionar as seguintes:
Un costume do mozo Mozart era copiar parte da música doutros compositores, coa intención de destinala ao propio estudo. Os últimos descubrimentos de partituras musicais, ou fragmentos, con letra de Mozart ás veces levan a pensar que a obra era súa. Este factor en concreto ten provocado confusión entre as primeiras sinfonías de Wolfgang e as de seu pai Leopold, e tamén as de compositores situados no círculo de Mozart, como Michael Haydn. Mozart, sendo xa un compositor e intérprete maduro, incluiría en ocasións a obra doutro compositor (con frecuencia novo e loitador) no programa dun dos seus habituais concertos sinfónicos. Aínda que no momento presentaría á audiencia o verdadeiro compositor, a feble asociación da obra con Mozart levaría en moitos casos a pensar continuamente que el era o autor. Os métodos de publicación e distribución musical eran moi laxos na Europa do século XVIII, con versións manuscritas de música circulando libremente. Isto podería facilmente levar a confusión sobre a autoría das composicións, conducindo con frecuencia á falsa atribución. As imprecisións temperás á hora de identificar as obras de Mozart, como lle ocorreu, por exemplo, ao comerciante musical de Hamburgo Johann Christoph Westphal, foron arrastradas pola posterior catalogación formal de Breitkopf und Hãrtel e Ludwig von Köchel, e teñen tendencia a persistir. Perdeuse un número descoñecido de obras de Mozart. Os «descubrimentos» ocasionais de finais do século XVIII, particularmente en lugares que tiveran relación con Mozart a través de visitas persoais ou de interpretacións en concerto, fóronlle atribuídos en ocasións máis ben precipitadamente, sendo descualificados unicamente ao achar probas que demostrasen o contrario.
Catálogo Köchel
O catálogo Köchel, xeralmente aceptado como a relación definitiva das obras de Mozart, foi publicado por Ludwig von Köchel en 1862, tendo sido revisado e actualizado en varias ocasións posteriores. O catálogo orixinal, coñecido como K1, clasifica as obras incompletas ou perdidas nun apéndice ou Anhang, sen seguir unha orde cronolóxica. Estas obras foron identificadas como Anh. seguido de letras e cifras, en lugar de por un número de KV (Köchel-Verzeichnis). Na última gran revisión do catálogo (1964, K6), o Anhang estendeuse para incluír as obras dubidosas ou espurias. Tomando como base as máis recentes investigacións e achados, algunhas das obras que no K1 estaban incluídas no Anhang foron ascendidas a status de KV, mentres que outras foron relegadas do catálogo principal ao Anhang. Non obstante, e como sinala Neal Zaslaw, as distribucións do catálogo Köchel entre a relación principal e o Anhang non son indicadores de confianza de autenticidade ou do contrario. Zaslaw estima como arbitrarias algunhas das divisións e pide «categorías máis claras e honestas» para as obras problemáticas.A Brief History of the Köchel Catalogue, Zaslaw, págs. 558–561.
Lista de sinfonías espurias ou de dubidosa autoría de Mozart O termo latino Deest emprégase para identificar aquelas obras que non se incluíron en ningunha das versións do catálogo Köchel, mais que nalgunha medida foron consideradas no pasado composicións de Mozart.