Un espazo natural protexido, área protexida ou espazo de conservación, é unha paraxe terrestre ou mariña definida xeograficamente e que se protexe coa finalidade de conservar a súa biodiversidade e os seus hábitats. Préstaselles atención pola súa importancia no ecosistema ou o seu valor engadido de importancia cultural.
Nestes espazos, ben por interese gobernamental ben asociativo, aplícanse accións de preservación do ecosistema para manter os seus servizos ou melloralos, se é que teñen zonas degradadas por actividade humana. A finalidade da protección adoita ser a de paliar o impacto humano nos procesos do ecosistema, que provocan unha redución da biodiversidade, e a de garantir que os ecosistemas se conserven para as futuras xeracións.
Hai diferentes tipos de espazos naturais protexidos segundo a categoría que as leis de cada país lle outorguen ou a regulación de convenios de organizacións internacionais, como a Rede Natura 2000 da Unión Europea ou as Reservas da biosfera da UNESCO. Moitos dos espazos mariños protexidos adoitan incluír áreas mariñas extensas e ser transfronteirizos, polo que a súa conservación é un compromiso internacional.
En 2016 só o 14,8% (161 millóns km2) da superficie terrestre e as augas continentais, o 12,7% (3,6 millóns de km2) da costa e o 5,1% (3,6 millóns de km2) das augas oceánicas estaba protexidas por algunha categoría de espazo natural.
Definición As áreas protexidas enténdense como aquelas nas que a ocupación do espazo natural pola humanidade ou dos recursos do ecosistema é limitado. As definicións que máis se aceptan nos marcos de desenvolvemento rexional e nas lexislacións estatais son as da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). As súas definición foron:
Categorías de xestión das áreas protexidas da IUCN miniatura| Mapa do planeta coa porcentaxe de espazos protexidos en cada país de 2005.
A IUCN, a través da súa "Comisión Mundial para os Espazos Protexidos" (WCPA) definiu unha táboa de clasificación de seis categorías dos espazos naturais segundo os obxectivos de conservación. Esta táboa é aceptada por varios gobernos e polas Nacións Unidas. Permite definir e catalogar as áreas protexidas e iniciar os seus planos de conservación, segundo as necesidades de conservación.
As categorías dos espazos protexidos segundo a IUCN son: Categoría Ia — Reserva natural estrita Categoría Ib — Área salvaxe Categoría II — Parque nacional Categoría III — Monumento natural Categoría IV — Área de hábitats ou xestión de especies Categoría V — Área terrestre ou marítima protexida Categoría VI – Área protexida cun uso sostible dos recursos naturais
Os elementos aos que se lle presta atención para definir como de interese de preservación unha área son a cantidade de especies en risco de extinción, as especies limitadas xeograficamente, as ensamblaxes de especies e o número de especies en risco e que coexisten e os tipos de ecosistema en perigo de desaparición e a súa integridade. As agregacións demográficas de especies, os refuxios ecolóxicos e as fontes de recursos, como alimentos ou puntos de reprodución serven para determinar as áreas tamén. A biodiversidade dos ecosistemas avalíase ao nivel da riqueza taxonómica e da variabilidade xenética das especies.
Espazos naturais por rexións África: 14.7 % terrestre, 2,4 %mariñaAmérica Central: 28,2 % terrestre, 2,1 % mariñaAmérica do Norte: 14,4 % terrestre, 6,9 % mariñaAmérica do Sur: 25,0 % terrestre, 3,9 % mariñaAsia: 12,4 % terrestre, 4,5 % mariñaCaribe: 14,6 % terrestre, 1,2 % mariñaEuropa: 13,6 % terrestre, 3,9 % mariñaOceanía: 14,2 % terrestre, 15,6 % mariñaOcéanos do sur: 18,6 % terrestre, 17,7 % mariñaOriente Medio: 15,2 % terrestre, 1 % mariña Fracción de área mariña ou terrestre. Fonte: UNEP-WCMC 2014 Europa
Na Unión Europea creouse a Rede Natura 2000 entre todos os estados membros coa finalidade de garantir a supervivencia das especies de maior interese e en maior risco de extinción da Unión Europea. Esta rede de espazos protexidos componse de zonas especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA). Os lugares de importancia comunitaria (LIC) son a primeira fase de declaración dun espazo, por parte dun estado membro, antes da súa catalogación como zonas especial de conservación (ZEC) na Unión. Desígnase baixo a lexislación da Directiva de Hábitats (Directiva 92/43/CE de 1992 coa que se crea a rede) e a Directiva de Aves.
En 2017 estaban catalogados dentro da Rede Natura 2000 europea máis do 18% do territorio terrestre e o 6% do mariño da Unión. Así é que é a maior rede de conservación de espazos naturais do planeta.
A rede ten por obxectivos protexer a especies e hábitats, manter e restaurar ecosistemas, conseguir unha agricultura, explotación forestal e pesca sostibles, combater as especies invasoras, reducir a perda de biodiversidade global.
España Os espazos protexidos terrestres e marítimos dentro da soberanía do estado español réxense pola Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade. A lei ten por obxectivo a conservación e protección da diversidade biolóxica, a riqueza xeolóxica e a tradución cultural asociada a estes espazos. Na lei considéranse de interese de protección espazos naturais en risco ou con posibilidade de ameaza, ou espazos de interese ecolóxico, xeolóxico, paisaxístico ou outros.
A lei recolle cinco categorías de clasificación para os espazos: Parques: son lugares con ecosistemas, formacións xeomorfolóxicas ou outros valores que merecen a máxima atención. Inclúe a rede de parques nacionais. Reservas naturais: son lugares con ecosistemas con interese de preservación ben por estar baixo risco de preservación ben por ter elementos raros ou de interese xeral. Áreas mariñas protexidas: son áreas intermareais e submareais que singulares, con risco ou importancia de conservación. Monumentos naturais: son formacións peculiares que pola súa rareza ou beleza se lles outorga dereito de preservación. Paisaxes protexidos: son espazos do territorio que por elementos estéticos ou culturais, e segundo as regras do convenio europeo da paisaxe do Consello Europeo, merecen ser protexidos.
As comunidades autónomas do estado desenvolveron as súas propias lexislacións sobre dos espazos protexidos e en 2017 chegaban a ser máis de 40 figuras de proteccións. Segundo o seu marco xurídico, estes espazos están agrúpanse dentro de: Espazos naturais protexidos, que é un inventario nacional Espazos protexidos pola Rede Natura 2000 Espazos protexidos por instrumentos internacionais, como as zonas húmidas de importancia internacional, a lista de patrimonio natural, áreas protexidas do convenio de protección do ambiente mariño do Atlántico do noroeste OSPAR, os xeoparques e reservas da biosfera da UNESCO e as reservas bioxenéticas do Consello de Europa.
A Lei 42/2007 recoñeceu a figura e importancia dos lugares de interese xeolóxico; definindo a xeodiversidade, o patrimonio xeolóxico e os xeoparques.
En España en 2017 os espazos naturais declarados supoñen o 28,03% (142 mil km2) da superficie terrestre e o 8,37% (84 mil km2) de superficie mariña. Seguindo a clasificación da IUCN, das 4,040 áreas protexidas só 13 espazos naturais son da categoría Ia e 61 da Ib.
Galicia
Dentro do marco estatal, a lexislación galega rexe que existen as seguintes figuras de espazos naturais: Reserva natural: en 2021 en Galicia non existía ningunha reserva natural declarada. Parque: Os Parques nacionais, que son declarados polas Cortes do estado e xestionados polo goberno autonómico de Galicia. Só existe un parque nacional galego, que é o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Os Parques naturais, os declarados e xestionados polo goberno de Galicia. Existen declarados como tal a Baixa Limia - Serra do Xurés, o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, as Fragas do Eume, o Monte Aloia, o Invernadeiro e a Serra da Enciña da Lastra. Monumento natural: existen declarados como tal a praia das Catedrais, Carballa da Rocha, Costa de Dexo, Fraga de Catasós, Serra de Pena Corneira, Souto da Retorta, Souto de Rozabales, e o dobramento xeolóxico de Campodola-Leixazós. Zona húmida protexida: existen declaradas como tal (e dentro da Convención de Ramsar) o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, o complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, a lagoa e areal de Valdoviño, a ría de Ortigueira e Ladrido, a ría de Ribadeo. Paisaxe protexida: están declarados como tal os Penedos de Pasarela e Traba e o Val do río Navea. É un espazo natural que polo seu valor estético, ou singularidade no aproveitamento humano do medio natural, se lle outorga unha protección. Esta figura e protección pretende conservar a paisaxe e os elementos socio-económicos que a orixinaron e a mantiveron.
O marco lexislativo galego recoñece esta categoría seguindo a Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade española e o Convenio da paisaxe do Consello de Europa.
Espazo protexido da Rede Natura 2000A Rede Natura 2000 estivo integrada dentro da figura de Zonas de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) ata o 2019, cando se derrogou esta figura lexislativa. Desde ese momento as categorías da rede intégranse como tales dentro das entidades galegas de protección.: Zonas especial de conservación (ZEC), composto por 59 espazos naturais. Lugares de importancia comunitaria (LIC), 25 novos espazos propostos desde decembro 2011 para ascender á categoría de ZEC. Zonas de especial protección para as aves (ZEPA), composto por 16 espazos naturais. Outras figuras locais: Espazos naturais de interese local, compostos por 7 lugares. Espazos privados de interese natural, composto por só un lugar.
A costa galega ten áreas mariñas catalogadas como zonas de especial protección dos valores naturais, mais que son de competencia do estado polo réxime xurídico de costas vixente. Este é o caso das ZEPA e LIC Banco de Galicia e ZEPAs das Rías Baixas de Galicia, da Punta de Candelaria - Ría de Ortigueira - Estaca de Bares, da Costa de Ferrolterra - Valdoviño, da Costa da Morte e a das Rías Baixas de Galicia.
Así mesmo as outras figuras de orde internacional que existen no territorio galego son: As Zonas húmidas internacionais protexidas, froito do Convenio de Ramsar, e que están todos catalogados como zonas húmidas protexidas na lexislación galega. As Reservas da Biosfera que foron declaradas pola UNESCO. Arestora son Área de Allariz, As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Gerês-Xurés, Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Ribeira Sacra, Serras do Oribio e Courel, Río Eo, Oscos e Terras de Burón e a Terras do Miño. As Áreas protexidas da Convención para a protección ambiental mariña do Atlántico Nordeste (OSPAR), que inclúe as augas galegas dentro da "rexión IV da Baía de Biscaia e Costa Ibérica". Os Xeoparques da rede mundial da UNESCO, que son áreas únicas e características no mundo en termos xeolóxicos polas súas formacións ou paisaxes e que se declaran cunha finalidade educativa e de protección. Nesta liña, Galicia tiña no 2019 16 lugares de interese xeolóxico de relevancia internacional, Global geosites, declarados pola Unión Internacional das Ciencias Xeolóxicas e a UNESCO, así como outros 75 lugares de interese xeolóxico.
Portugal
A lexislación portuguesa declara aos espazos naturais protexidos como áreas protexidas e establece para cada tipo unha regulación específica. A lei para este fin foi o decreto-lei 19/93 do 23 de xaneiro de 1993 e o posterior decreto-lei 142/2008, e nelas declaráronse as seguintes categorías de áreas protexidas: De ámbito nacional: Parque nacional Parque natural Reserva natural Monumento natural Paisaxe protexida Lugares de interese biolóxico De ámbito rexional ou local: Parque natural rexional Reserva natural local Paisaxe protexida local Área protexida privada