Claude Gellée (alcumado le Lorrain ou simplemente Lorrain), nado en Chamagne, Vosgos, Lorena, entre o ano 1600 e o 1605, e finado en Roma, Estados Pontificios, o 23 de novembro de 1682, foi un pintor francés establecido en Italia.<ref group="nota">Non se sabe con certeza a data de nacemento de Lorrain, establecida tradicionalmente ó redor do 1600, aínda que segundo outros historiadores podería ser 1604 ou 1605, tese respaldada principalmente por Michael Kitson no seu estudo Claude Lorrain 'Liber Veritatis (1978). A referencia ó ano 1600 provén do epitafio do artista na igrexa da Trinità dei Monti: «A Claude Gellée lorenés, nado en Chamagne, pintor eximio que pintou marabillosamente os raios do sol nacente e poñente na campiña, que dende a cidade onde practicou a súa arte obtivo as maiores louvanzas entre os grandes, e que morreu o IX de calendas de decembro de 1682 á idade de LXXXII anos. Para o seu queridísimo tío, Jean e Joseph Gellée fixeron colocar este monumento, que será tamén para os seus sucesores». En cambio, diversos documentos do ano 1635 indicaban unha idade de 30 anos, polo que cabería supoñer que naceu en 1604 ou 1605. </ref> Pertencente ao período da arte barroca, enmárcase na corrente denominada clasicismo, dentro da cal destacou no paisaxismo. Da súa extensa produción subsisten hoxe en día 51 gravados, 1.200 debuxos e uns 300 cadros.

Xeralmente descrito polos seus contemporáneos como unha persoa de carácter apracible, era reservado e totalmente dedicado ao seu oficio. Case desprovisto de educación, dedicouse ao estudo de temas clásicos, e labrou por si mesmo a súa fortuna, desde unha orixe humilde até alcanzar a cima do éxito persoal. Abriuse camiño nun ambiente de gran rivalidade profesional, e que o levou a tratar con nobres, cardeais, papas e reis. A súa posición dentro da pintura de paisaxe é de primeira orde, feito remarcable pola circunstancia de que no ámbito anglosaxón —onde a súa obra foi moi valorada e mesmo influíu na xardinaría inglesa— sexa unicamente coñecido polo seu nome de pía, Claude''', do mesmo xeito que artistas como Michelangelo, Rafael ou Rembrandt. Grande innovador dentro do xénero paisaxístico, foi cualificado como o «primeiro paisaxista puro».

Lorrain reflectiu na súa obra un novo concepto na elaboración da paisaxe baseándose en referentes clásicos —a denominada «paisaxe ideal»—, que evidencia unha concepción ideal da natureza e do propio mundo interior do artista. Esta forma de tratar a paisaxe outórgalle un carácter máis elaborado e intelectual e convértese no principal obxecto da creación do artista, a plasmación da súa concepción do mundo, o intérprete da súa poesía, que é evocadora dun espazo ideal, perfecto.

Un dos elementos máis significativos na obra de Gellée é a utilización da luz, á que outorga unha importancia primordial á hora de concibir o cadro: a composición lumínica serve en primeiro lugar como factor plástico, ao ser a base coa que organiza a composición, coa que crea o espazo e o tempo, coa que articula as figuras, as arquitecturas, e os elementos da natureza; en segundo lugar, é un factor estético, ao destacar a luz como principal elemento sensible, como o medio que atrae e envolve ao espectador, e o conduce a un mundo de ilusión, un mundo de ideal perfección recreado polo ambiente de total serenidade e placidez que Claude crea coa súa luz.

A obra de Gellée expresa un sentimento case panteísta da natureza, que é nobre e ordenada como a dos referentes clásicos dos que se nutre o opus de Gellée, pero aínda así libre e exuberante como a natureza salvaxe. Recrea un mundo perfecto alleo ao paso do tempo, pero de índole racional, plenamente satisfactorio para a mente e o espírito. Segue aquel antigo ideal de ut pictura poesis, en que a paisaxe, a natureza, traducen un sentido poético da existencia, unha concepción lírica e harmonizada do universo.

Traxectoria miniatura|Monumento fúnebre de Gellée na igrexa de San Luís dos Franceses (Roma). A vida de Gellée é coñecida principalmente polos seus dous primeiros biógrafos: o pintor alemán Joachim von Sandrart (Die Deutsche Akademie, 1675), que conviviu con el en Roma; e o filólogo e historiador Filippo Baldinucci (Notizie de' professori del disegno da Cimabue in qua, 1681-1728), que recolleu información dos sobriños do artista. Claude naceu en torno a 1600 en Chamagne, preto de Lunéville, ao sur de Nancy, no ducado de Lorena, por aquel entón unha rexión independente. Era fillo de Jean Gellée e Anne Pedrose, de orixe campesiña pero cunha posición algo acomodada, e foi o terceiro de sete fillos. Orfo desde 1612, pasou unha breve estancia co seu irmán máis vello en Friburgo de Brisgovia; este, escultor de madeira especializado en marquetería, ensinoulle os rudimentos do debuxo. En 1613 viaxou a Roma, onde traballou de pasteleiro, oficio tradicional lorenés, e entrou ao servizo de Agostino Tassi, pintor paisaxista tardomanierista, do que posteriormente foi discípulo.

Entre 1619 e 1621 estableceuse en Nápoles, onde estudou pintura xunto a Gottfried Wals, pintor orixinario de Colonia. En 1625 iniciou unha viaxe por Loreto, Venecia, Tirol e Baviera, e volveu ao seu lugar de orixe, establecéndose en Nancy por ano e medio. Alí colaborou como axudante de Claude Deruet, pintor da corte ducal, e traballou nos frescos da igrexa dos Carmelitas de Nancy (hoxe perdidos). Por último, en 1627 regresou a Roma, cidade onde permaneceu o resto dos seus días.

De vida tranquila e ordenada, unha vez establecido en Roma só cambiou de domicilio nunha ocasión, da rúa Margutta á rúa Paolina (actual Vía do Babuino).Segundo Sandrart, «na súa maneira de vivir non era un gran cortesán, se non de bo corazón e pío. Non buscou outro pracer que a súa profesión». Aínda que se mantivo solteiro, tivo unha filla natural, Agnese, coa que conviviu xunto a dous sobriños chegados igualmente de Lorena, Jean e Joseph Gellée.

Na década de 1630 empezou a consolidarse como pintor, facendo paisaxes inspiradas na campiña romana, de aire bucólico-pastoril. Asinaba os seus cadros como le lorrain («o lorenés»), polo que empezou a ser coñecido como Claude Lorrain. En Roma contactou con Joachim von Sandrart e outros estranxeiros establecidos na sede papal (Herman van Swanevelt, Cornelis van Poelenburgh, Bartholomeus Breenbergh), cos que se introduciu na pintura paisaxista. Tamén fixo amizade con Nicolas Poussin, outro francés residente en Roma. Aos poucos foi mellorando a súa posición, polo que puido tomar ao seu servizo un axudante, Gian Domenico Desiderii, que traballou con el até 1658. esquerda|miniatura|Monumento a Claude Lorrain, de Auguste Rodin, parque da Pépinière, Nancy. Cara a 1630 pintou varios frescos nos palacios Muti e Crescenzi de Roma, técnica que con todo non volveu utilizar. Por aquel entón empezou a gozar de certa fama nos círculos artísticos de Roma, polo que recibiu diversos encargos de personaxes prominentes, e foi favorecido polo cardeal Bentivoglio, quen o presentou ao papa Urbano VIII, que lle encargou dúas obras: Paisaxe con danza campesiña (1637) e Vista de porto (1637). Tamén foron mecenas seus os cardeais Fabio Chigi e Giulio Rospigliosi, que máis tarde serían papas como Alexandre VII e Clemente IX. Durante toda a súa vida pintou principalmente para a nobreza e o clero, e recibiu encargos de toda Europa, principalmente Francia, España, Gran Bretaña, Flandres, Holanda e Dinamarca. Era tanta a demanda de obras de Lorrain que en 1665 un marchante tivo que confesar ao coleccionista Antonio Ruffo —comitente de varias obras de Rembrandt— que «non hai esperanza de conseguir unha obra de Claude; non lle chegaría unha vida para satisfacer aos seus clientes».

A súa fama era tal que empezaron a xurdirlle imitadores —como Sébastien Bourdon—, polo que en 1635 iniciou o Liber Veritatis (British Museum), caderno de debuxos onde deixaba constancia de todas as súas composicións, para evitar as falsificacións.Segundo Baldinucci, «estaba traballando nos cadros do rei [Filipe IV], ós cales apenas comezara a dar forma, cando algúns cobizosos e ávidos de ganancias inxustas non só lle roubaron a invención, se non que imitaron a súa maneira, e vendéronse en Roma as reproducións por orixinais do seu pincel, co que se desacreditaba ó mestre, quedaba mal servido o personaxe para o que se facían os cadros e defraudados os compradores a quen se daban reproducións por orixinais». Este caderno consta de 195 debuxos que copian a composición das súas obras, descritas até o último detalle, o cliente para o que fora pintado e os honorarios que cobrara. En 1634 ingresou na Accademia di San Luca, e en 1643 na Congregazione dei Virtuosi, sociedade literaria fundada en 1621 polo cardeal Ludovico Ludovisi.

En 1636 realizou unha nova viaxe a Nápoles, e ao ano seguinte recibiu un encargo do embaixador de España en Roma, o marqués de Castel Rodrigo, dunha serie de augafortes, titulada Fogos artificiais. Quizais por recomendación deste, Claude recibiu un encargo de Filipe IV para o Palacio del Buen Retiro en Madrid, para decorar a Galería de Paisaxes, xunto a obras de artistas coetáneos como Nicolas Poussin, Herman van Swanevelt, Jan Both, Gaspard Dughet e Jean Lemaire.Non se sabe con certeza quen realizou as xestións para encargar obras a diversos autores para El Buen Retiro, varios especialistas dan nomes que van dende Velázquez —aínda que a súa visita a Italia foi anterior—, o cardeal Barberini, o conde de Monterrey ou o marqués da Torre; pero o que sinalan máis expertos e quizais sexa o máis probable é o marqués de Castel Rodrigo, para o que xa traballara Lorrain. Entre a documentación deste diplomático, consta unha factura en 1641 a un transportista por levar dezasete caixóns con cadros de Roma ó Buen Retiro. Lorrain realizou oito cadros monumentais, en dous grupos: catro de formato lonxitudinal (1635-38) e catro de formato vertical (1639-41). O programa iconográfico, tomado da Biblia e Historias dos Santos, foi elixido polo conde-duque de Olivares, que dirixía as obras. En 1654 rexeitou o posto de reitor principal da Accademia dei San Luca, para vivir plenamente dedicado á súa profesión. Afectado de gota desde 1663, nos seus últimos anos realizou cada vez menos cadros, derivando cara a un estilo máis sereno, persoal e poético.

Faleceu en Roma o 23 de novembro de 1682, e foi enterrado na igrexa da Trinità dei Monti, con grandes mostras de respecto e admiración da sociedade do seu tempo. En 1840 os seus restos foron trasladados á Igrexa de San Luís dos Franceses, onde repousan dende aquela.

<div style="clear:both;">

Estilo A paisaxe clásica 300px|miniatura|Paisaxe con Apolo custodiando os rabaños de Admeto e Mercurio roubándollos (1654), Holkham Hall, Norfolk. A especialidade indiscutible de Lorrain foi a paisaxe, de ambientación frecuentemente relixiosa ou mitolóxica. Claude tiña unha visión idealizada da paisaxe, que axuntaba o culto á Antigüidade clásica xunto a unha actitude de profunda reverencia cara á natureza, que mostra en todo momento unha serenidade e placidez que reflicten un espírito evocador, a idealización dun pasado mítico, perdido pero recreado polo artista cun concepto de perfección ideal. Integrado desde mozo na pintura paisaxística polos seus mestres Tassi e Wals, recibiu tamén a influencia doutros dous pintores nórdicos aveciñados en Roma: Adam Elsheimer e Paul Brill. Ambos autores crearan na contorna romana o interese pola paisaxe terrestre e a mariña, aos que se outorgaba todo o protagonismo da obra, mentres que os personaxes xogaban un papel secundario. Claude adquiriu dos seus mestres unha preferencia pola paisaxe lírica, con panoramas amplas e ruínas ou arquitecturas para salientar o ambiente clásico, e onde ten un gran protagonismo o estudo da luz. O seu primeiro cadro neste xénero foi Paisaxe pastoril (1629), asinado e datado CLAVDIO I.V ROMA 1629.