Wings é un filme mudo estadounidense ambientado durante a primeira guerra mundial producido por Lucien Hubbard, dirixido por William A. Wellman e estreado por Paramount Pictures. Está protagonizado por Clara Bow, Charles "Buddy" Rogers e Richard Arlen. Gary Cooper aparece nun pequeno papel que axudou a lanzar a súa carreira en Hollywood.

O filme, unha historia romántica e bélica, foi rescrito polos guionistas Hope Loring e Louis D. Lighton a partir dunha historia de John Monk Saunders para acomodar a Bow, a meirande estrela de Paramount naquela época. Wellman foi contratado por ser o único director en Hollywood que tiña experiencia como piloto de combate na primeira guerra mundial, malia que Richard Arlen e John Monk Saunders tamén serviran na guerra como aviadores. O filme contou cun orzamento de $2 millóns e rodouse en Kelly Field, en San Antonio, Texas entre o 7 de setembro de 1926 e o 7 de abril de 1927. Centos de extras e máis de 300 pilotos estiveron involucrados na rodaxe, incluíndo pilotos e avións do Corpo Aéreo do Exército dos Estados Unidos.

Aclamado pola súa habelencia técnica e o seu realismo, o filme converteuse no exemplo contra o que se mediron os futuros filmes de aviación, principalmente polas súas realistas secuencias de combate. Gañou o primeiro Óscar ó mellor filme na 1ª edición dos premios que celebrou a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas, sendo o único filme mudo en conseguilo. Tamén gañou o Oscar ós mellores efectos de enxeñaría (Roy Pomeroy). Wings foi un dos primeiros filmes en amosar dous homes bicándose, e tamén un dos primeiros filmes comerciais en amosar espidos. En 1997, Wings foi escollido para a súa preservación no National Film Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América por ser "cultural, histórica ou esteticamente significativo".

Personaxes

Clara Bow como Mary Preston Charles "Buddy" Rogers como Jack Powell Richard Arlen como David Armstrong Gary Cooper como Cadete White Jobyna Ralston como Sylvia Lewis El Brendel como Herman Schwimpf Richard Tucker como Comandante aéreo Gunboat Smith como Sarxento Roscoe Karns como Tenente Cameron Henry B. Walthall como Mr. Armstrong Julia Swayne Gordon como Mrs. Armstrong Arlette Marchal como Celeste Hedda Hopper como Mrs. Powell (sen acreditar) George Irving como Mr. Powell (sen acreditar)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Ficha en RottenTomatoes

Categoría:Filmes de 1927 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por William A. Wellman Categoría:Filmes sobre aviación dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes rodados en Texas Categoría:Filmes ambientados en 1918 Categoría:Filmes de Paramount Pictures Categoría:Óscar ó mellor filme Categoría:Filmes preservados no National Film Registry