Fanny Bullock Workman (), nada en Worcester, Massachusetts, o 8 de xaneiro de 1859 e finada en Cannes, Francia, o 22 de xaneiro de 1925, foi unha xeógrafa, cartógrafa, exploradora, escritora de viaxes e montañeira estadounidense, de forma notable no Himalaia. Foi unha das primeiras alpinistas profesionais femininas, e ademais de realizar exploracións escribiu varios libros sobre as súas viaxes. Marcou varios récords femininos de altitude, publicou oito libros de viaxe xunto ó seu esposo e promoveu os dereitos das mulleres e o sufraxio feminino.
Nada no seo dunha familia rica, Workman asistiu a algunhas das mellores escolas femininas da época e realizou varias viaxes a Europa. O seu casamento con William Hunter Workman cimentou a súa situación vantaxosa, e tras dar os seus primeiros pasos no montañismo en Nova Hampshire, Fanny viaxou por diversas partes do mundo xunto a el. Conseguiron capitalizar os seus recursos financeiros e os seus contactos para viaxar por toda Europa, polo norte de África e por Asia. A parella tivo dous fillos, ós que internaron en varias escolas e deixaron a cargo de varias coidadoras durante as súas viaxes. Fanny non se consideraba unha muller de familia e víase a si mesma como unha "Nova Muller" que podía igualar a calquera home. Os Workman comezaron as súas viaxes realizando varias xiras en bicicleta por Suíza, Francia, Italia, España, Alxeria e a India. Percorreron miles de quilómetros, parando a descansar alí onde atopaban un refuxio. Escribiron libros sobre cada unha das súas viaxes, nos que Fanny adoitaba comentar a situación das mulleres en cada lugar que visitaban. Estas primeiras obras narrativas sobre as súas viaxes en bicicleta obtiveron unha mellor recepción do público que os seus libros sobre montañismo.
Ao finalizar a súa viaxe en bicicleta pola India, a parella viaxou ata o Himalaia occidental e ata Karakorum durante os meses do verán, onde comezaron a realizar alpinismo de grande altitude. Volveron ata esta rexión, naquel momento inexplorada, oito veces máis durante os seguintes catorce anos. Malia non dispoñer de equipamento moderno de alpinismo, os Workman exploraron varios glaciares e acadaron os cumios de varias montañas, chegando eventualmente ós 7 000 metros do pico Pinnacle, marcando un récord feminino de altitude naquela época. Organizaron expedicións de varios anos de duración, mais tiveron problemas para manter unha boa relación cos traballadores locais. A súa procedencia de riqueza e privilexio nos Estados Unidos provocou que non conseguisen comprender a postura dos traballadores nativos e tivesen dificultades á hora de conseguir os servizos de portadores fiables.
Tralas súas viaxes ó Himalaia os Workman deron varias charlas sobre elas e recibiron invitacións de varias sociedades intelectuais da época. Fanny Workman converteuse na primeira muller estadounidense en dar unha charla na Sorbona, e a segunda en falar na Royal Geographical Society. Recibiu numerosas medallas de honra de sociedades europeas xeográficas e de montañismo, e foi recoñecida como unha das montañeiras máis importantes da súa época. Naquel momento demostrou que unha muller podía escalar a grandes altitudes da mesma forma que un home, contribuíndo a eliminar a barreira de xénero no alpinismo.
Traxectoria Primeiros anos Workman naceu o 8 de xaneiro de 1859 en Worcester, Massachusetts, no seo dunha familia rica de clase alta descendente dos Pais Peregrinos, sendo a menor de tres irmáns. A súa nai era Elvira Hazard, e o seu pai era Alexander H. Bullock, home de negocios e gobernador Republicano de Massachusetts. Fanny foi educada por varias institutrices antes de asistir á escola Miss Graham's Finishing School en Nova York, e despois pasou un tempo primeiro en París e despois en Dresden. Thomas Pauly escribiu na súa biografía sobre Workman que "xa dende moi cedo a Fanny irritábanlle as restricións da súa posición de privilexio". Consérvase un reducido número de historias escritas por Workman nesta época, que describen o seu interese na aventura. Nunha delas, titulada "A Vacation Episode", describe a unha fermosa e aristócrata moza inglesa que desdeña a sociedade, escapa a Grindelwald, convértese nunha excelente alpinista e casa cun estadounidense. Segundo Michael Plint, esta historia resume gran parte da propia vida de Fanny, incluíndo o espírito viaxeiro, o amor polas montañas e o compromiso cos dereitos das mulleres. No ano 1886 publicou un relato curto na revista New York ambientado na Primeira Guerra India, no que trata a captura e o rescate dunha "moza branca", que segundo unha mención no xornal The Record-Union, estaba "contada nun estilo moi pracenteiro".
miniatura|esquerda|Retrato de Fanny e William En 1879 Fanny volveu ós Estados Unidos e o 16 de xuño de 1882 casou con William Hunter Workman, quen era 12 anos maior ca ela. William procedía tamén dunha familia rica, asistira a Yale e estudara medicina en Harvard. En 1884 tiveron unha filla, chamada Rachel. William introduciu a Fanny no alpinismo tralo seu casamento, e pasaron xuntos varios veráns nas Montañas Brancas de Nova Hampshire. Alí fixeron cumio no Monte Washington (1 918 m) en varias ocasións. O montañismo nesta rexión do nordés dos Estados Unidos permitiulle a Fanny desenvolver as súas habilidades para o alpinismo xunto a outras mulleres. Ó contrario que os clubs europeos, os clubs de alpinismo estadounidenses das Montañas Brancas permitían membros femininos e animaban as mulleres a que practicasen esta actividade. No seu artigo sobre dinámicas de xénero no alpinismo nesta rexión, Jenny Ernie-Steighner afirmou que esta experiencia formativa moldeou o compromiso de Workman cos dereitos das mulleres, indicando que "ningún outro montañeiro de fama internacional da época, home ou muller, falou abertamente e ferventemente sobre os dereitos das mulleres". Porén, ós Workman desagradáballes a natureza provincial da vida en Worcester, e desexaban vivir en Europa. Trala morte dos pais de ámbolos dous, dos que herdaron considerables propiedades, a parella embarcouse na súa primeira viaxe por Europa, nunha xira por Escandinavia e Alemaña.
Traslado a Europa e viaxes en bicicleta En 1889 os Workman trasladáronse a vivir a Alemaña por mor de problemas de saúde de William, malia que segundo Pauly isto podería ter sido un simple pretexto, xa que este recuperouse moi rapidamente unha vez alí. O segundo fillo da parella, Siegfried, naceu ó pouco tempo da súa chegada a Dresden. Porén, Fanny non quería conformarse cos papeis tradicionais de esposa e nai, procurando converterse nunha autora e aventureira, levando unha vigorosa vida que se diferenciaba do ideal de feminidade do século XIX. Como feminista, Fanny considerábase a si mesma un exemplo da idea de que as mulleres podían igualar e superar os homes nos traballos da vida, e segundo Luree Miller personificou os valores da "Nova Muller" da época. Miller indica tamén no seu libro sobre mulleres exploradoras que, xa que a familia ideal daquela época era unha familia numerosa e a información sobre a contracepción non era doada de conseguir, os coñecementos médicos de William foron de gran valor para o ideal de Fanny. Os Workman deixaron os seus fillos ó cargo de coidadoras mentres realizaban longas viaxes. No ano 1893 Siegfried faleceu a causa dunha combinación de gripe e pneumonía. Trala súa morte, segundo Pauly, Fanny "perseguiu de forma agresiva unha identidade alternativa" por medio das súas viaxes en bicicleta, "unha que a liberara das responsabilidades convencionais de esposa e nai e que lle permitise os seus intereses e ambicións".
Entre os anos 1888 e 1893 os Workman realizaron xiras en bicicleta por Suíza, Francia e Italia. En 1891 Fanny converteuse nunha das primeiras mulleres en escalar o Mont Blanc. Foi tamén unha das primeiras mulleres en subir ó Jungfrau e ó Matterhorn, levando como guía a Peter Taugwalder, quen fixera a primeira ascensión a este último monte xunto a Edward Whymper. En 1893 a parella decidiu explorar territorios máis aló de Europa e viaxou ata Alxeria, Indochina e a India. Estas viaxes a sitios máis remotos foron idea de Fanny. A primeira viaxe longa da parella foi unha xira de 4 500 km en bicicleta por España no ano 1895. Nesta viaxe cada un deles levaba consigo uns 9 kg de equipaxe, e realizaron unha media de 72 km por día, acadando algúns días os 130 km. Ao finalizar escribiron en coautoría a obra Sketches Awheel in Modern Iberia, na que describiron as súas vivencias nesta viaxe. Nesta obra describiron a España daquela época como "rústica, pintoresca e cativadora". Na obra Algerian Memories Fanny centrouse na beleza e no romanticismo do rural, evitando realizar comentarios sobre as malas condicións urbanas. Porén, si destacou nesta obra a existencia dun abuso e neglixencia de cara ás mulleres na sociedade alxerina.
India miniatura|right|Fanny Bullock Workman na súa viaxe en bicicleta pola India ( 1897) A viaxe dos Workman pola India, Birmania, Ceilán e Xava durou dous anos e medio, comezando en novembro de 1897, e cubrindo uns 23 000 km. Naquel momento Fanny tiña 38 anos e William 50. Pedalearon uns 6 400 km dende o extremo sur da India ata o Himalaia no norte. Para asegurarse o acceso ás subministracións, circularon por vías principais preto de liñas de ferrocarril, e nalgunha ocasión víronse obrigados a durmir nas salas de espera das estacións de tren cando non conseguían sitio dispoñible noutro lugar. Levaron consigo pouca subministración, incluíndo té, azucre, galletas, queixo, carne en lata, auga, almofadas, unha manta para cada un, material de escritura, unha caixa de urxencias e un equipo de reparación. Deixaron as bicicletas cando chegaron ó extremo norte da súa viaxe, atravesando a pé pasos de montaña a entre 4 300 e 5 500 metros de altitude. A súa viaxe foi dura: adoitaban ter pouca comida ou auga, lidaron con enxames de mosquitos, tiveron que amañar ata 40 picadas por día e durmiron en cuartos infestados de ratas. O libro que escribiron tras esta viaxe destacaba máis a antiga arquitectura que viron no lugar que a cultura local coetánea.
Fanny Workman menciona en My Asiatic Wanderings sobre a India: "Rodei a través de moitas paisaxes encantadoras, nos arboredos de palmas e figueiras de Orissa, Sobre as ladeiras verdes e escarlatas do Terai... Mais nunca rodei 1 200 millas nun país continuamente tan fermoso". Os Workman posuían un nivel de coñecementos de historia da India pouco habitual nos occidentais da época, e leran o Jakata, o Mahabharata e o Rāmāyaṇa antes de partir nesta viaxe. Segundo Miller, estaban ansiosos por aprender sobre a cultura que producira estas obras épicas e pasaron máis tempo estudando a historia antiga do lugar que interactuando cos seus habitantes.
Problemas cos traballadores locais miniatura|esquerda|Fanny Workman xunto a unha tenda Mummery Durante o verán de 1898 a parella decidiu escapar da calor e explorar o Himalaia occidental e Karakorum. Tras isto tiñan a intención de explorar o territorio ó redor do Kanchenjunga en Sikkim, e finalmente viaxar ás montañas fronteirizas con Bután no leste. Porén, as dificultades burocráticas e os problemas atmosféricos abondaron e impedíronlles levar a cabo estes plans. O seu principal problema foi o relativo ós traballadores locais. Contrataron a 45 portadores, equipados de forma básica para a viaxe por montaña, e mercaron provisións, mais os custos aumentaron de forma desproporcionada en canto as novas sobre dous ricos americanos comezaron a circular polas vilas da zona. Non puideron partir ata o 3 de outubro, e para entón o frío estaba achegándose. Os Workman queixáronse nos seus escritos dos portadores que contrataran, cos que era difícil traballar e que rexeitaban camiñar máis de 8 km por día. A tres días de comezar a súa viaxe, os Workman toparon coa neve e os seus portadores rebeláronse e rexeitaron seguir traballando nesas condicións de frío, obrigando a que o grupo ó completo tivese que retirarse a Darjeeling.