Jodaí-e Nadér az Simín (en , "A separación de Nader de Simin") é un filme dramático iraniano do 2011 escrito e dirixido por Asghar Farhadi, e protagonizado por Leila Hatami, Peyman Moaadi, Shahab Hosseini, Sareh Bayat e Sarina Farhadi. Céntrase nunha parella iraniana de clase media que se separa, a desesperación da súa filla polas disputas e a separación dos seus proxenitores e os conflitos que xorden cando o marido contrata unha coidadora de clase baixa para ocuparse do seu pai, enfermo de alzhéimer.
O filme gañou o premio Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa en 2012, converténdose no primeiro iraniano que consegue o galardón. Ademais foi candidato ao óscar ao mellor guión orixinal e recibiu o Oso de Ouro ao mellor filme e o Oso de Prata á mellor actriz e ao mellor actor na 61.ª edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín. Gañou ademais o Globo de Ouro ao mellor filme en lingua estranxeira.
Argumento Simin quere abandonar Irán co seu home, Nader, e a súa filla, Termeh, xa que non quere que esta medre nas condicións actuais. O desexo non o comparte Nader, que está preocupado polo seu pai, que vive coa familia e sofre alzhéimer. Cando Nader decide permanecer no país, Simin pide o divorcio.
Elenco Leila Hatami como Simin Peyman Moaadi como Nader Shahab Hosseini como Hodjat Sareh Bayat como Razieh Sarina Farhadi como Termeh Ali-Asghar Shahbazi como o pai de Nader Shirin Yazdanbakhsh como a nai de Simin Kimia Hosseini como Somayeh Merila Zarei como a señora Ghahraei
Produción A idea chegou dunha serie de experiencias persoais e imaxes abstractas que tiña Farhadi na súa mente. Unha vez decidido a realizar o filme foi escrito e financiado rapidamente. Igual que os seus tres anteriores filmes foi producido sen ningún apoio gobernamental. O financiamento chegou sen problema debido ao éxito de About Elly. A produción recibiu ademais 25 000 dólares do APSA Academy Film Fund da Motion Picture Association.
En setembro de 2010, o ministerio de Cultura iraniano prohibiulle a Farhadi a realización do filme debido a un discurso que fixo nunha cerimonia de entrega de premios e no que expresou o seu apoio a varios cineastas do país. En particular, desexou a volta do cineasta exiliado Mohsen Makhmalbaf e do cineasta e político encarcerado Jafar Panahi. A prohibición levantouse a principios de outubro despois de que Farhadi indicase que fora mal entendido e de que se desculpase polos seus comentarios.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Filmes de Irán propostos ó Óscar ó mellor filme internacional Filmes propostos ó mellor filme internacional na 84ª edición dos Óscar
Ligazóns externas
Ficha en AllMovie Ficha en BoxOfficeMojo Ficha en RottenTomatoes
Categoría:Filmes de 2011 Categoría:Filmes de Irán Categoría:Filmes en lingua persa Categoría:Filmes dirixidos por Asghar Farhadi Categoría:Filmes sobre familias Categoría:Filmes sobre alzhéimer Categoría:Filmes ambientados en Teherán Categoría:Óscar ó mellor filme internacional Categoría:Filmes gañadores do Oso de Ouro Categoría:Filmes sobre o embarazo