Sitta carolinensisTrepador Pechiblanco (Sitta carolinensis) Latham, 1790 en Avibase. é unha especie de ave paseriforme da familia Sittidae que vive en América do Norte. É unha ave de tamaño medio que mide 15,5 cm de lonxitude. A coloración varía un pouco ao longo da súa área de distribución, pero as partes superiores son de cor gris clara azulada: o macho ten negro o píleo e a caluga, mentres que a femia ten o píleo de cor gris escura. As partes inferiores son brancas con tons avermellados no abdome. É unha ave ruidosa: ten unha voz nasal, e con frecuencia emiten renxidos ou diversas vocalizacións en ocasións compostas por repeticións invariantes de pequenos asubíos. En verán é unha ave insectívora: consome exclusivamente artrópodos, pero en inverno a súa dieta componse principalmente de sementes. Instala os seus niños en buratos naturais das árbores. A posta ten de cinco a nove ovos e a femia os incuba dúas semanas mentres é alimentada polo macho. A parella alimenta as crías ata que abandonan o niño, aínda que poden seguir alimentándoas poucas semanas máis.

Vive en gran parte de América do Norte, excepto nas zonas máis frías e áridas. Encóntrase principalmente en altitudes baixas, nos bosques caducifolios ou mixtos. Xeralmente distínguense de sete a nove subespecies, cuxas distribucións, vocalizacións e coloracións son lixeiramente distintas. Filoxeneticamente, foi relacionado con Sitta leucopsis e Sitta przewalskii, dúas especies do sur de Asia, pero logo descubriuse que está máis relacionado con Sitta magna do sueste asiático. A especie ten unha distribución moi ampla e a súa poboación vai en aumento; a Unión Internacional para a Conservación da Natureza catalógaa como en situación «menos preocupante».

Descrición

A parte superior da cabeza (píleo) é negra, así como a parte superior do pescozo e as costas para formar un colar parcial. A coloración do resto das partes superiores varía un pouco entre as subespecies, pero o dorso e as ás son de cor azul agrisada, de clara a escura. A beira das plumas contrasta máis ou menos co resto das partes superiores; as plumas de voo son denegridas e abeiradas de gris e as cobertoiras maiores teñen unhas pequenas franxas claras na á. As plumas externas da cola son de cor negra, pero as tres máis externas son atravesadas por unha banda branca diagonal no seu extremo. As plumas interiores da cola son do mesmo gris que a parte posterior. En xeral, as partes inferiores son brancas. A cara, o peito e o abdome son completamente brancos, pero o abdome é avermellado. O pico é longo e recto, ou lixeiramente curvo cara á parte superior, e de cor gris escura ou negra, coa base da mandíbula inferior máis clara e o bordo da mandíbula abrancazado. O iris é de cor marrón escura. As garras e os pés son de cor marrón escura ou gris-marrón escura.

O píleo e a parte superior do dorso do macho adulto son negros e con tons azuis verdosos claros. Cando a plumaxe está desgastada, as plumas de voo están lixeiramente tinguidas de marrón e as partes inferiores teñen coloración marrón opaca, con tons grises. A femia adulta aseméllase a un macho adulto, mais o seu píleo é gris escuro e a franxa negra da parte superior das costas adoita ser menos ancha. As partes superiores son un pouco máis opacas e as inferiores menos brancas. O macho novo é similar ao adulto, pero o píleo é máis opaco e sen brillo, as partes superiores son máis claras e o dorso máis opaco. A femia nova aseméllase aos machos xoves, pero o píleo e as rémixes secundarias son dun gris máis opaco (gris escuro), e as cobertoiras maiores e o dorso teñen coloración ante desgastado. Os adultos rara vez mudan antes da tempada de reprodución (febreiro-marzo), pero lévase a cabo unha muda completa despois da tempada de cría, de xuño a setembro. Entre xullo e agosto, os individuos novos comezan a voar e experimentan unha muda parcial das plumas das cobertoiras superiores.

É unha ave de tamaño mediano que mide arredor de 15,5 cm de lonxitude. As medidas varían segundo a subespecie: na subespecie nominal, S. c. carolinensis, a á pregada mide aproximadamente entre 86 e 97 mm nos machos e entre 85 e 92,5 mm nas femias. A cola mide de 44 a 50,5 mm no macho e de 42 a 49,5 mm na femia. O peteiro mide entre 19,8 e 23,2 mm, e o tarsometatarso uns 17 a 20 mm. O peso dos adultos oscila entre os 19,6 e os 22,9 g.

Variacións xeográficas

Coñécense pequenas variacións morfolóxicas clinais ao longo da área de distribución. Simon Harrap enumera nove subespecies na súa monografía de referencia Tits, Nuthatches and Treecreepers, mais a validez de dúas delas é discutida e algúns grupos de subespecies poderían formar especies independentes.

Algunhas veces, as subespecies con morfoloxías e vocalizacións parecidas clasifícanse en tres grupos: un cobre América do Norte, o segundo a Gran Cunca dos Estados Unidos e o centro de México, e o terceiro a costa do Pacífico. Os dous primeiros grupos están en contacto nas Grandes Chairas, onde non parecen hibridar. O segundo grupo podería subdividirse por unha liña de norte a sur trazada no centro das Montañas Rochosas. En xeral a ave é abondosa en gran parte da súa distribución xeográfica, pero está diminuíndo en Washington, Florida e, en especial, na parte occidental do sueste dos Estados Unidos ata Texas; a subespecie S. c. lagunae de La Laguna (Baixa California) é a máis ameazada. As chamadas dos tres grupos son diferentes.

Variacións das nove subespecies distinguidas por Harrap (1996): Subespecie Corda máxima do macho Corda máxima da femia Culmen visible Plumaxe S. c. carolinensis 86–97 mm 85-92,5 mm 15,5-19,5 mm É a subespecie nominal: ten o píleo e o dorso máis claros. S. c. nelsoni 87-95,5 mm 86–94 mm 17–21 mm Dorso máis gris escuro que a subespecie nominal, píleo máis escuro, ás con menor contraste. S. c. tenuissima 83,5–94 mm 82–93 mm 18,5-23,5 mm Similar a S. c. nelsoni, pero co dorso lixeiramente máis claro (aínda que máis escuro que S. c. carolinensis). S. c. aculeata 80–90 mm 80,5–86 mm 16–19 mm Similar a S. c. tenuissima, pero co dorso lixeiramente máis cálido (tamén máis claro que S. c. nelsoni, aínda que máis escuro que S. c. carolinensis), partes inferiores con ton ante e marrón oliva. Peteiro fino e curto. S. c. alexandrae 86,5–94 mm 84,5–91 mm 18,4–23 mm Similar a S. c. aculeata, pero co dorso máis escuro e de maior tamaño. É a subespecie co peteiro máis longo. S. c. lagunae 86,5–88 mm 84–86 mm 17–19 mm Similar a S. c. alexandrae, pero máis pequeno e coas partes superiores máis escuras, especialmente no dorso do macho. S. c. oberholseri 85,5–92 mm 83,5-88,5 mm 17–19 mm Moi similar a S. c. nelsoni, con partes superiores lixeiramente máis escuras, e o dorso un pouco máis escuro e gris. S. c. mexicana 89–96 mm 90-91.5 mm 15–19 mm Similar a S. c. oberholseri, pero máis tenue, e o dorso en cor ante. S. c. kinneari 82-89,5 mm 77,5-85,2 mm 14,6–16 mm Similar a S. c. mexicana, pero máis pequeno; a femia ten o dorso de cor de ante alaranxado, ata o peito e a gorxa.

Especies similares

En América do Norte habitan outras tres especies de sítidos (Sitta canadensis, Sitta pygmaea e Sitta pusilla) e as súas distribucións superpóñense coas de S. carolinensis. Porén, son claramente distintas e moito máis pequenas, xa que os outros sítidos miden 10 cm de lonxitude e pesan arredor de 10 g. S. canadensis ten o dorso avermellado e unha franxa negra no ollo. S. pygmaea ten a cabeza dun ton marrón igual que o píleo, aínda que este último presenta unha mancha branca no pescozo.

Ecoloxía e comportamento Estilo de vida

Cando voa, as plumas brancas situadas a cada lado da cola permanecen visibles. Ten un voo rápido, significativamente diferente ao da agatuñadeira eurasiática pero similar ao dos páridos. Para cruzar un río ou un campo grande voa alto, con movementos regulares. Pero para desprazarse dunha árbore a outra, voa en traxectos curvos. É unha ave diúrna e non migrante, que defende o seu territorio durante todo o ano. Aínda que a zona é dominada polo macho, este cohabita coa femia e ambos encárganse da súa defensa. Durante o inverno, únese a bandadas mixtas para alimentarse. Estes grupos de aves son liderados por páridos, o S. carolinenesis e o Picoides pubescens e normalmente voan en grupos. As especies que forman parte destas agrupacións probablemente se benefician de compartir alimentos e vixiar a presenza de depredadores. É posible que as especies que se unen aos páridos aprendesen, en certa medida, a identificar as chamadas destes paxaros para poder reducir a vixilancia.

Vocalizacións

Igual que outras agatuñadeiras, é unha ave ruidosa e ten unha variedade de vocalizacións que varía coa localización xeográfica. O canto do macho reprodutor é un qui-qui-qui-qui-qui-qui-qui nasal e rápido. A chamada de contacto aseméllase a un yank nasal, grave e repetitivo. As parellas de aves mantéñense en contacto durante o outono e o inverno emitindo un nit agudo e renxente, o cal repiten ata trinta veces por minuto. Cando está inquedo ou excitado, emite un kri renxente tamén característico e rápido, que repite en series de kri-kri-kri-kri-kri-kri-kri-kri. As poboacións das Montañas Rochosas e a Gran Cunca dos Estados Unidos teñen unha chamada máis forte, transcrita como yididitititit; mentres que as aves da costa do Pacífico producen un beeerf nasal. Cantan durante todo o ano, igual que a agatuñadeira eurasiática (aínda que o canto de ambos é diferente). Entre marzo e abril é doado encontrar os niños polos trilos destas aves. Os pitiños comezan a practicar as chamadas en verán.

Reprodución

É monógamo e forma parella despois dun cortexo no que o macho se achega á femia, estende a cola e deixa caer as ás mentres se balancea cara a adiante e atrás, ofrecéndolle comida. O territorio da parella comprende de 0,10 a 0,15 km2 no bosque, e ata 0,2 km2 en hábitats semiboscosos. Permanecen xuntos durante todo o ano ata que un morre ou desaparece. Adoita construír o niño en cavidades naturais de árbores vellas e, en ocasións, nun oco abandonado por un peto ou en caixas-niño artificiais destinadas ao Sialia sialis.

A agatuñadeira constrúe o seu niño en buratos naturais dos troncos e o traballo faino unicamente a femia. É unha cunca suave feita de fibras de codias, herbas, pelos e plumas. Por dentro son espazosos, cunha profundidade de entre 15 e 20 cm, e o burato ten un diámetro de 6 cm. Pode agregar barro á entrada para protexelo dos depredadores máis grandes e atraer meloidos (coleópteros) que se acheguen á entrada do niño, cuxo olor desagradable podería disuadir os esquíos, que son os principais competidores polas cavidades naturais. A femia pon de cinco a nove ovos de cor branca clara e con manchas de cor marrón na parte máis ancha; que miden 19 × 14 mm por termo medio. A incubación dura arredor de 12 a 14 días, mentres, a femia é alimentada polo macho. Ambos alimentan os pitiños con insectos voadores e limpan o niño retirando os sacos fecais, que en xeral deixan a varias decenas de metros do niño.