Sitta villosa, xeralmente chamada agatuñadeira da China, é unha especie de ave da familia dos Sittidae, as agatuñadeiras. É unha agatuñadeira de tamaño pequeno, que mide uns 11,5 cm de lonxitude. As súas partes superiores son grises azuladas, as inferiores son de cor rebezo agrisada apagada a laranxa-canela, coas meixelas brancas. Presenta un dimorfismo sexual marcado: o macho adulto distínguese polo seu píleo máis negro, o cal na femia é da mesma cor que o dorso, ou como máximo gris escuro cando a plumaxe está gastada. O canto é variable, composto de repeticións de pequenos asubíos invariables. A especie aliméntase principalmente de insectos en verán e completa a súa alimentación con sementes e froitos. O niño está situado xeralmente en alto nun oco no tronco dunha conífera. A parella cría unha rolada de crías por ano, cada unha de cinco ou seis pitiños.
Vive no centro da China e no norte do país ata Corea e o extremo sur de Rusia. Distínguense tres subespecies, chamadas: S. v. villosa, S. v. bangsi e S. v. corea, con áreas de distribución e coloracións lixeiramente distintas. Esta agatuñadeira é filoxeneticamente próxima a S. whiteheadi, que vive a miles de quilómetros de distancia, e estas dúas especies están estreitamente emparentadas con S. canadensis. A área de distribución deste paxaro é moi ampla e os seus efectivos non parecen estar declinando, polo que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera o seu estado de conservación «pouco preocupante».
Descrición Plumaxe e medidas miniatura|esquerda|Debuxo que representa as principais características dun macho de S. villosa.
As partes superiores de S. villosa son grises azuladas, cun píleo de negro brillante a gris escuro; as partes inferiores son máis ben claras, e van da cor rebezo agrisada pálida á laranxa canela. A coloración varía bastante segundo o sexo, o gastadas que estean as plumas e a subespecie. A especie posúe unha sobrecella branca marcada, e un trazo ocular negro máis ou menos definido. O peteiro é fino e bicudo, coa beira da mandíbula superior (o culmen) recto, o que pode dar a impresión de que a punta do peteiro se dirixe cara a arriba. O peteiro é negro lousa, coa base da mandíbula inferior azul agrisada. O iris é de marrón a marrón escuro, e as patas e dedos son pálidos, de gris azulado a gris acastañado.
Presenta un dimorfismo sexual bastante marcado: o macho ten un píleo moi negro e un trazo ocular negro fino que encadra unha sobrecella branca contrastante, mentres que na femia o píleo case non é máis escuro que o resto das partes superiores da plumaxe fresca, aínda que se fai máis escuro cando as plumas se van gastando, primeiro pola fronte, para acabar máis ou menos con tons de negro feluxe. O seu trazo ocular está tamén menos definido, é máis apagado, e a súa sobrecella é máis fina. A femia é en conxunto máis clara que o macho, e as escapulares son especialmente menos vivas, as plumas das ás están abeiradas de castaño e as partes inferiores son máis escuras e menos coloreadas. O macho xuvenil ten un píleo menos negro que a máis escura das femias, mais sempre é menos negro e menos brillante que o do macho adulto; as súas partes inferiores son, ao contrario, máis escuras e máis coloreadas en cor canela. Na subespecie nominal, os xuvenís teñen tamén cor canela abeirando as plumas das súas ás, mentres que as beiras das plumas dos adultos son xeralmente máis apagadas, tirando ao gris. Na subespecie S. v. bangsi, os adultos teñen as beiras das plumas de cor canela, e son globalmente máis coloreados que a subespecie S. v. villosa, o macho ten as partes inferiores laranxa-canela e a femia rebezo-canela, apagadas. Porén, a finais do inverno, as dúas subespecies teñen coloracións máis claras e bastante similares. A subespecie S. v. corea é a miúdo comparable á subespecie nominal, pero algo máis pálida, agrisada e pequena.
En canto ás medidas, S. villosa é unha pequena agatuñadeira que mide uns 11,5 cm de lonxitude. En S. v. villosa, a á pregada mide de 63 a 70 mm no macho, e de 63 a 69 mm na femia. Na subespecie S. v. bangsi, as medidas son de 67 a 75 mm no macho e de 67 a 72 mm na femia. En S. v. villosa, a cola mide de 34 a 40 mm no macho e de 31 a 38 mm na femia; en S. v. bangsi, mide de 37 a 41 mm no macho e de 35 a 40 mm na femia. O peteiro mide de 14,5 a 18 mm e o tarso de 13,5 a 17 mm. O adulto pesa de 8 a 11 g, e 11,3 g de media nos xuvenís que chegan á madurez.
Especies similares
Esta especie atópase nalgúns lugares en simpatría con S. europaea, mais distínguese dela polo seu menor tamaño, a súa sobrecella branca claramente aparente, o píleo negro no macho, e as partes inferiores relativamente uniformes, sen subcaudais nin flancos vermellos. No oeste da súa área de distribución, tamén se pode encontrar xunto con S. przewalskii, e ambas as dúas teñen as partes inferiores vivamente coloreadas de canela. Con todo, S. villosa distínguese doadamente polo seu trazo ocular negro, mentres que S. przewalskii ten as meixelas máis claras que contrastan co peito. S. villosa é moi próxima filoxenética e morfoloxicamente a S. whiteheadi, que é endémica da illa de Córsega e que normalmente ten as partes inferiores moito menos vivas; unha S. villosa coa plumaxe gastada ten as partes inferiores apenas un pouco máis de cor rebezo que unha agatuñadeira corsa coa plumaxe fresca. As dúas especies están estreitamente emparentadas con S. canadensis, que en comparación ten as partes inferiores aínda máis vivas, cun trazo ocular máis marcado.
Ecoloxía e comportamento Voz
S. villosa emite o seu canto desde o cumio dos piñeiros e píceas. O ornitólogo británico Simon Harrap menciona tres tipos de chamadas básicas. A primeira é unha chamada áspera e prolongada que soa como un schraa, schraa, que lembra ao do gaio (Garrulus glandarius), e é similar a certas chamadas de S. whiteheadi, S. ledanti ou S. krueperi. Estas chamadas fanse illadamente ou en series irregulares espazadas de 0,3 a un segundo, cando o paxaro está axitado ou excitado. O segundo tipo de chamada consiste en gritos de contacto calmados, asubíos máis melódicos que forman series máis ou menos longas e máis ou menos regulares, que soan como un whip, whip whip, quip-quip-quip-quip, que se transforman ás veces nun quit, quit… renxente. O canto está composto deste tipo de notas, en número de cinco a trinta, cuxo volume aumenta na primeira parte do canto. Os pequenos asubíos ascendentes emítense igualmente ao ritmo de sete notas por segundo e durante de 1,5 a 2,25 segundos, ás veces introducidos por unha nota máis alta, formando tamén un tsi-pui-pui-pui-pui…. Este tipo de canto é variable, e pode facerse máis tintinante, de doce unidades por segundo, como un duiduiduidui…, igual ao que poden facer os S. canadensis, pero máis suave e máis agudo. O último tipo de chamada consiste en notas curtas e nasais, soando como quir, quir, producidas en longas series moi rápidas, ou de maneira irregular.
Pode escoitarse o canto de S. villosa en xeno-canto.
Alimentación miniatura|Unha S. villosa cun insecto no peteiro.
No verán aliméntase case exclusivamente de insectos, e estes invertebrados son a única fonte de alimentación dos individuos novos. De abril a agosto, estudos feitos na China mostran que o 98,5 % da súa alimentación se compón de insectos como coleópteros, himenópteros, bolboretas, heterópteros, homópteros (áfidos e cicádidos), neurópteros e moscas. Come os insectos máis grandes termando deles coas patas e esnaquizándoos co peteiro; pode tamén capturar insectos en voo. Como outras agatuñadeiras, garda reservas de alimentos. En inverno, o réxime alimenticio desta agatuñadeira comprende principalmente froitos secos, sementes e outros froitos das árbores. A especie forma a miúdo parte de bandadas mixtas de alimentación en inverno, cando se observa que vai en parellas.
Reprodución
En Jilin, a estación reprodutora comeza en abril ou comezos de maio. Sitúan normalmente o niño nunha cavidade dunha conífera e bastante alto (a máis de 9 m do chan como media), pero poden igualmente construílo nun toco podre ou nun edificio vello. A entrada do niño ten uns 35 mm de diámetro, e non a cobre de barro, pero a especie enche as fisuras da parte interior con barro. Os dous proxenitores traballan na construción do niño durante sete ou oito días, facendo unha cunca con fibras vexetais, plumas e herbas. A posta consta de catro a nove ovos (normalmente cinco ou seis) brancos marcados de marrón avermellado que miden 15-17 × 12,5-13 mm. A femia choca ela soa os ovos, mentres que o macho a alimenta, e as crías saen do ovo despois de 15 a 17 días de incubación. Os dous pais participan na alimentación dos fillos e só crían unha rolada ao ano.
Parasitos O aracnólogo ruso Sergei V. Mironov describiu en 2011 un ácaro das plumas, o Pteroherpus surmachi, que era parasito de S. villosa.
Distribución e hábitat
Esta especie vive no nordeste da China, en Corea, e no extremo sur de Rusia. Foi atopada na illa rusa de Sakhalin, pero a súa presenza alí podería ser só como ave errática. Na China, a súa distribución comenza ao oeste no leste de Qinghai, e esténdese cara ao leste, no sueste e o centro de Gansu, a maior parte de Shaanxi, Shanxi, o norte de Hebei, ata o concello de Pequín. Outra parte da súa área de distribución comeza no sur de Liaoning (en Liaodong), e esténdese polo sur de Jilin e de Heilongjiang ata o extremo sueste de Rusia no krai de Primorie. É rara nas dúas Coreas: raramente aniña no norte de Corea do Norte e só chega como errática a Corea do Sur; nesa península está estreitamente asociada aos bosque do piñeiro Pinus densiflora. Na China, habita bosques de coníferas (Pinus, Picea), ás veces mesturados con carballos (Quercus) e bidueiros (Betula).
Durante o verán de 2006, un grupo holandés participou nunha expedición entomolóxica na que se observou casualmente unha parella de agatuñadeiras aniñando no Altai, preto do punto onde se encontran as fronteiras da China, Kazakhstán, Mongolia e Rusia (), nun bosque puro de lárices (Larix sp.), a 2 000 m de altura. Describiron un macho cun píleo negro, que a femia non tiña, e ambos tiñan un trazo ocular escuro e enriba unha sobrecella branca. Aínda que S. europaea está presente na rexión, os observadores aseguran que o píleo negro do macho e o pequeno tamaño dos individuos exclúen un posible erro de identificación con esta especie eurasiática. A especie máis próxima xeograficamente que podería corresponder a esta descrición é S. villosa, que estaría entón lonxe da súa área de distribución coñecida (a 1&nbap;400 km), e que ten as partes inferiores máis de cor rebezo que os individuos observados. Esta observación podería indicar que a especie chinesa ten unha distribución moito máis ampla, ou ben podería ser que se tratase dunha especie aínda non descrita e emparentada con S. whiteheadi e S. villosa. Por tanto, a identidade destes paxaros, que foron denominadas «agatuñadeiras do Altai», necesita de maiores investigacións.
Taxonomía Nomenclatura e subespecies miniatura|Debuxo de 1865 dunha S. villosa feito por Josephe Huët, que acompañaba a descrición orixinal da especie feita por Jules Verreaux.
S. villosa foi describiuna en 1865 o ornitólogo francés Jules Verreaux, baseándose en espécimes enviados desde Pequín polo misioneiro Armand David en 1862,, o cal a cita igualmente co nome de Sitta pekinensis en 1867. Verreaux describiu a especie como próxima a Sitta canadensis pero cunha plumaxe longa e sedosa, e deulle por iso o nome de villosa, do latín «viloso, piloso». Na subdivisión en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, a especie S. villosa queda situada no subxénero Sitta (Micrositta) Buturlin, 1916. Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional hai tres subespecies: