miniatura|Explosión de Halifax. A explosión de Halifax foi un desastre marítimo en Halifax, Nova Escocia, Canadá, sucedido na mañá do 6 de decembro de 1917. O navío noruegués colidiu co , un buque de carga francés cargado de explosivos, no estreito de Narrows que conecta a baía de Halifax coa enseada de Bedford. O lume provocado na borda do navío francés prendeu os explosivos da súa carga, provocando unha grande explosión que devastou o distrito de Richmond de Halifax. Aproximadamente unhas 2 000 persoas faleceron a causa da explosión, dos cascallos, dos lumes ou dos edificios caídos, e segundo as estimacións outras 9 000 persoas quedaron feridas. Esta foi a maior explosión provocada polo home da historia antes do desenvolvemento das armas nucleares, liberando unha enerxía equivalente a uns 2,9 quilotoneladas de TNT (12 000 GJ).

O Mont-Blanc tiña ordes do goberno francés de levar a súa carga de explosivos dende Nova York ata Bordeos pasando por Halifax. Ás 8:45 AM colidiu a baixa velocidade, a aproximadamente un nó de velocidade (1,9 km/h), co naquel momento baleiro Imo, fretado pola Comisión de Axuda a Bélxica para recoller un cargamento de subministracións de socorro en Nova York con destino a Bélxica. O lume resultante no navío francés pasou a estar fóra de control rapidamente, e aproximadamente uns 20 minutos despois ás 9:04:35 AM o Mont-Blanc estoupou.

Case tódalas estruturas a un radio de 800 metros quedaron arrasadas, incluíndo a comunidade de Richmond. Unha onda de presión partiu árbores, dobrou raís de ferro, demoleu edificios, deixou varados a varios navíos (incluíndo o Imo) e espallou fragmentos do Mont-Blanc ata varios quilómetros de distancia. En Dartmouth, ó outro lado da baía, tamén se produciron danos xeneralizados. Un tsunami xerado pola explosión arrasou a comunidade da primeira nación micmac que vivira na zona de Tufts Cove durante xeracións.

Os traballos de recuperación comezaron case de inmediato, e os hospitais enchéronse de feridos en pouco tempo. O mesmo día da explosión comezaron a chegar trens de rescate dende Nova Escocia e Novo Brunswick, mentres que outros trens enviados dende o Canadá central e dende o nordeste dos Estados Unidos de América non puideron chegar por mor das nevaradas, e ó pouco tempo comezouse a construír refuxios temporais para as persoas que quedaran sen fogar. A investigación xudicial inicial determinou que o Mont-Blanc fora o responsable do desastre, mais unha apelación posterior determinou que ámbolos dous navíos tiñan a culpa do sucedido. No barrio de North End de Halifax erixíronse varios memoriais polas vítimas da explosión.

Contexto miniatura|esquerda|Vista da zona que posteriormente quedaría devastada pola explosión, Dartmouth sitúase na costa leste da baía de Halifax, mentres que Halifax atópase na costa oeste da mesma. As dúas cidades prosperaran durante o tempo de guerra. A baía era unha das bases máis importantes da Armada Real Británica en Norteamérica, un centro de comercio en tempos de guerra e fogar de corsarios que atacaran ós inimigos do Imperio Británico durante a revolución Americana, as guerras Napoleónicas e a guerra de 1812.

A finalización da Intercolonial Railway e a súa terminal de Deep Water en 1880 facilitaron un aumento do comercio de barcos de vapor e deu lugar a un desenvolvemento acelerado da zona portuaria, aínda que Halifax sufriu unha recesión económica nos anos 1890 cando as fábricas locais perderon terreo fronte ás súas competidoras no Canadá central. A gornición británica marchou da cidade a finais de 1905 e comezos de 1906, e o goberno canadense tomou o control do estaleiro de Halifax ata entón propiedade da Armada Real Británica. Este estaleiro converteuse no centro de mando da Armada Real Canadense trala súa fundación no ano 1910.

Xusto antes da primeira guerra mundial o goberno canadense comezara un proxecto de gran custo e traballo para desenvolver o porto e as instalacións lindeiras. O comezo da guerra fixo que Halifax adquirise máis protagonismo. Como a Armada Real Canadense non tiña virtualmente navíos propios en bo estado, a Armada Real Británica asumiu a responsabilidade de protexer as rutas de comercio no Atlántico adoptando de novo a Halifax como a súa base de operacións en Norteamérica. En 1915 a dirección do porto pasou a estar baixo control da Armada Real Canadense baixo supervisión do capitán superintendente Edward Harrington Martin. Cara ao ano 1917 había unha frota naval en crecemento en Halifax, incluíndo patrulleiras, remolcadores e dragaminas.

A poboación de Halifax e Dartmouth no seu conxunto incrementouse ata chegar ata entre 60 000 e 65 000 persoas no ano 1917. Os convois transportaban homes, animais e subministracións ata o teatro de guerra europeo. Os dous puntos de partida principais eran Sydney, na illa de Cabo Bretón, e Halifax. Os barcos hospital traían ós feridos ata a cidade, e construíuse un novo hospital militar na mesma. Os éxitos dos ataques alemáns de U-boats a navíos que cruzaban o Atlántico fixo que os Aliados instituísen un sistema de convois para reducir as perdas no transporte de subministracións e soldados ata Europa. Os buques mercantes reuníanse na enseada de Bedford do extremo noroeste da baía, protexida por dous conxuntos de redes antisubmarino e vixiada por patrulleiras da Armada Real Canadense.

Os convois partían baixo a protección de cruceiros e destrutores británicos. Unha numerosa gornición do exército protexía a cidade dende fortificacións e baterías de artillaría. Estes factores provocaron unha expansión militar, industrial e residencial da cidade, e o peso dos bens que pasaban polo porto incrementouse en case nove veces. Tódolos navíos neutrais que tiñan como destino portos de Norteamérica estaban obrigados a parar en Halifax para a súa inspección.

Sucesos O buque noruegués partira dende os Países Baixos en ruta ata Nova York para recoller subministracións de axuda para Bélxica, baixo mando de Haakon From. O barco arribou en Halifax o 3 de decembro para a súa inspección e pasou dous días na enseada de Bedford agardando por subministracións de reabastecemento. Malia recibir o permiso para partir o 5 de decembro, o Imo atrasou a súa partida debido a que a súa carga de carbón non chegou ata últimas horas da tarde. A carga do combustible non finalizou ata despois de que se levantaran as redes antisubmarino para esa noite, e polo tanto o navío non podía levar áncoras ata a mañá seguinte.

O cargueiro francés chegou dende Nova York a últimas horas do 5 de decembro, baixo o mando de Aimé Le Medec. O navío levaba unha carga completa de TNT, ácido pícrico, benzol e nitrocelulosa. Tiña a intención de unirse a un convoi que estaba a reunirse na enseada de Bedford en preparación para partir cara a Europa, pero fíxoselle demasiado tarde e non puido entrar na enseada antes de que se levantasen as redes. Os navíos con cargas perigosas non podían entrar no porto antes da guerra, pero os risco de ataque por parte de submarinos alemáns deran como resultado unha relaxación desta norma.

A navegación cara a dentro ou cara a fóra da enseada de Bedford requiría pasar por un estreito coñecido como The Narrows. Os navíos debían manterse no lado de estribor (dereita) da canle ó atravesar o tráfico entrante, pasándose entre navíos polo lado de babor (esquerda). Os barcos tiñan unha restrición de velocidade máxima de 5 nós (9,3 km/h) dentro da baía.

Colisión e incendio miniatura|Nube de fume procedente do incendio e da subsecuente explosión

O Imo recibiu a autorización para saír da enseada de Bedford por medio de sinais do barco de garda HMCS Acadia ó redor das 7:30 da mañá do 6 de decembro, co piloto William Hayes a bordo. O barco entrou no estreito de The Narrows bastante por riba do límite de velocidade nun intento de recuperar o tempo atrasado na carga do carbón. O Imo cruzouse co vapor SS Clara pilotado polo lado incorrecto (occidental) da baía. Os pilotos acordaron pasarse de estribor a estribor. Pouco despois o Imo viuse obrigado a arrimarse máis aínda cara á marxe de Dartmouth tras superar ó remolcador Stella Maris, que remontaba a baía en dirección á enseada de Bedford preto do punto medio da canle. Horatio Brannen, capitán do Stella Maris, viu como o Imo se lles achegaba a unha velocidade excesiva e manobrou o seu barco cara á marxe occidental para evitar un accidente.

Francis Mackey, piloto experimentado da baía, abordara o Mont-Blanc na noite do 5 de decembro de 1917. Solicitou "proteccións especiais" como un barco de garda por mor da carga do Mont-Blanc's, mais non se dispuxo ningunha. O Mont-Blanc comezou a moverse ás 7:30  da mañá do 6 de decembro e foi o segundo navío en entrar na baía trala apertura das redes antisubmarinos entre a illa Georges e o peirao 21. O Mont-Blanc dirixiuse cara a enseada de Bedford pola marxe de Dartmouth da baía. Mackey mantiña a súa vista no tráfico de transbordadores entre Halifax e Dartmouth así como noutras pequenas embarcacións da zona. Divisou por primeira vez o Imo cando esta estaba a unhas 0,75 millas (1,20 km) de distancia e decatouse de que a traxectoria do Imo semellaba dirixirse cara ó lado de estribor do seu propio barco, como se fose a cortarlle a súa propia traxectoria. Mackey emitiu un breve asubío de sinalización para indicar que el tiña a preferencia de paso pero viu como o Imo emitía dous asubíos en resposta, indicando que non lle cedería o paso. O capitán ordenou que o Mont-Blanc parase os motores e virase lixeiramente cara a estribor, máis preto da marxe de Darmouth no estreito de The Narrows. Realizou un novo asubío, agardando que o outro buque tamén se trasladase cara ó lado de estribor, pero o Imo volveu a emitir dous asubíos en sinal de negación.

miniatura|esquerda|O SS Imo trala explosión, varado na marxe de Dartmouth da baía. Os mariñeiros dos navíos máis próximos escoitaron a serie de sinais e viron como o Imo se botaba enriba do Mont-Blanc. Ámbolos dous navíos xa pararan os seus motores para entón, pero o seu momento levounos o un cara ó outro a unha baixa velocidade. Sen poder ancorar o seu buque por temor a que a sacudida activase a súa carga explosiva, Mackey ordenou que o Mont-Blanc virase todo a babor e cruzase a proa do Imo nun intento no último momento para evitar unha colisión. Os dous buques estaban case en paralelo o un co outro cando o Imo emitiu repentinamente tres asubíos, indicando que estaba invertendo motores. A combinación da altura na auga do barco sen carga e do impulso transversal do seu propulsor dereito provocou que o frontal do navío batese co Mont-Blanc. A proa do Imo penetrou no compartimento de carga nº 1 do Mont Blanc polo seu lado de estribor.

A colisión tivo lugar ás 8:45 AM. Os danos sufridos polo Mont Blanc non eran severos, pero o choque derrubou varios barrís que se abriron e inundaron a cuberta con benzol que fluíu rapidamente cara aos compartimentos de carga. Cando os motores do Imo comezaron a funcionar, este separouse rapidamente, xerando chispas dentro do casco do Mont-Blanc que prenderon os vapores do benzol. O lume comezou na liña de flotación e desprazouse rapidamente cara a arriba polo lateral do barco mentres que o benzol saía a chorros dos barrís rachados da cuberta do Mont-Blanc, tornándose incontrolable en moi pouco tempo. Rodeados dun denso fume negro, e temendo que o barco estouparía case de inmediato, o capitán ordenoulle á tripulación que abandonase o barco. Un número cada vez maior de cidadáns de Halifax reuníase nas rúas ou nas ventás dos seus fogares ou negocios para ver o lume de grandes proporcións. A tripulación do Mont-Blanc berroulle dende os seus botes salvavidas a varios dos outros navíos da zona que o seu barco estaba a piques de estoupar, pero o resto de navíos non os podían escoitar por mor do ruído e da confusión. Mentres que os botes salvavidas ían chegando ata á marxe de Dartmouth, o buque abandonado continuou á deriva e quedou varado no peirao 6 preto do comezo da rúa Richmond Street.