miniatura|dereita|275px|Praza Tian'anmen, centro das protestas As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.

Tralas protestas e as chamadas do goberno pedindo a súa disolución, no interior do Partido Comunista produciuse unha división de criterio sobre como responder ós manifestantes. Finalmente a decisión tomada foi suprimir as protestas pola forza, en troques de ceder perante as súas demandas. O 20 de maio o goberno declarou a lei marcial e, na noite do 3 de xuño e mañanciña do 4 de xuño, enviou os tanques e a infantaría á Praza Tian'anmen para dar remate ás protestas. As estimacións de civís mortos diverxen: 400-800 (New York Timeshttp://users.erols.com/mwhite28/warstat7.htm#Chinat_sources), 1.000 (CIA), 2.600 (Cruz Vermella Chinesa) e os manifestantes din ser sobre 7000 o número de mortos. O número de feridos compréndese entre os 7.000 e os 10.000. Trala protesta, o goberno emprendeu un gran número de arrestos para suprimir os instigadores do movemento, expulsou a prensa foránea e controlou estritamente a cobertura dos acontecementos na prensa chinesa. A violenta supresión das protestas na Praza Tian'anmen causou a condena internacional da actuación do goberno da República Popular Chinesa .

Nos derradeiros días da protesta foi tomada a fotografía gañadora do World Press Photo de 1989, “O rebelde descoñecido”, tomada por Jeff Widener e que mostra un rebelde solitario detendo o progreso dunha columna de tanques.

Precedentes Dende 1978, Deng Xiaoping liderara unha serie de reformas políticas e económicas que comportaban o estabelecemento gradual dunha economía de mercado e certa liberalización política que relaxaba o sistema estabelecido por Mao Zedong. A comezos de 1989, estas reformas políticas e económicas levaran dous grupos de xente a estaren insatisfeitos co goberno.

O primeiro grupo incluía estudantes e intelectuais, que pensaban que as reformas non eran dabondo e que China necesitaba reformar o seu sistema político, xa que as reformas económicas tan só afectaban ós granxeiros e obreiros industriais. Ademais, os ingresos dos intelectuais quedaban moi atrás respecto ós beneficiados polas reformas. Estaban descontentos cos controis políticos e sociais que exercía o Partido Comunista Chinés. Por engadido, este grupo coñecía a liberalización política emprendida na Unión Soviética co nome de glasnost por Mikhail Gorbachev. O segundo grupo estaba constituído principalmente por obreiros industriais das cidades, que crían que as reformas foran demasiado lonxe. As reformas económicas empezaran a causar inflación e desemprego, o que ameazaba as súas formas de vida.

En 1989, o principal apoio do goberno estaba constituído polos campesiños rurais, que viron como os seus ingresos se incrementaban considerabelmente durante a década de 1980 como resultado das reformas do Partido. Non obstante, este apoio tiña unha utilidade limitada xa que os campesiños rurais estaban distribuídos ó longo de todo o país, e permaneceron desorganizados e con dificultades para se mobilizaren, a diferenza dos grupos urbanos, que estaban organizados en escolas e unidades de traballo.

O acontecemento que precipitou as protestas foi a morte, por mor dunha doenza cardíaca, do exsecretario Xeral do Partido Comunista Chinés, Hu Yaobang, que fora expulsado do goberno por Deng Xiaoping en febreiro de 1987. Hu Yaobang era visto como un liberal, e a súa expulsión en resposta ás protestas estudantís de 1987 foi interpretada como inxusta nalgúns círculos. Ademais, a morte de Hu permitiulles ós cidadáns do Partido Comunista Chinés expresaren o seu descontento cos seus sucesores, sen medo á represión política, pois sería unha grande torpeza do Partido Comunista prohibiren ó pobo ir ó funeral dun exsecretario Xeral do Partido.

Comezan as protestas

As protestas comezaron en pequena escala, na forma de rezos por Hu Yaobang e demandas para que o partido revisara a visión oficial da súa figura. As protestas medraron tralas novas de confrontación coa policía; os estudantes pensaron que os medios de comunicación chineses estaban a deformar a natureza das súas actividades, o que incrementou o apoio á súa protesta. No funeral de Hu, un grande grupo de estudantes encontrouse na Praza Tian'anmen e pediu reunirse co Primeiro Ministro Li Peng, amplamente recoñecido como rival político de Hu, petición que non foi atendida. Nesta situación, os estudantes fixeron un chamamento á folga nas universidades de Pequín. O 26 de abril, un editorial no Xornal do Pobo, tras un discurso interno feito por Deng Xiaoping, acusou os estudantes de crearen disturbios. O discurso non aledou os estudantes, e o 29 de abril 50.000 estudantes acudiron a unha das rúas de Pequín, facendo caso omiso das advertencias disuasorias realizadas polas autoridades e insistiron na retirada do dito no discurso.

En Pequín, a maioría de estudantes da cidade participou nas protestas co apoio dos seus instrutores e outros intelectuais. Os estudantes rexeitaron as asociacións oficiais de estudantes controladas polo Partido Comunista e estabeleceron as súas propias asociacións autónomas. Os estudantes sentíronse eles mesmos como patriotas chineses; os herdeiros do Movemento do Catro de Maio pola "ciencia e a democracia" de 1919. As protestas evocaban tamén a memoria das Protestas de Tian'anmen de 1976 que levaron á expulsión da Banda dos Catro. Dende as súas orixes no funeral de Hu Yaobang, que estaba considerado polos estudantes un defensor da democracia, a actividade estudantil desenvolveuse gradualmente durante o curso das súas protestas dende protestas contra a corrupción política até demandas de liberdade de prensa ou a fin, ou a reforma, do control da República Popular Chinesa por parte do Partido Comunista Chinés e a inmediata deposición do líder Deng Xiaoping. Tamén se realizaron algúns intentos, cun parcial éxito, de entraren en contacto con estudantes e obreiros doutras cidades e vilas.

Aínda que as protestas iniciais foron realizadas por estudantes e intelectuais que crían que as reformas de Deng Xiaoping non foran suficientemente lonxe e a China necesitaba reformar o sistema político de seu, pronto encontraron o apoio dos traballadores urbanos, que crían á súa vez que as reformas foran demasiado lonxe. Isto ocorreu porque os líderes enfocaron as súas protestas na corrupción, protesta que ámbolos dous grupos exercían en común, e porque os estudantes foron capaces de invocar os arquetipos chineses de intelectuais desinteresados que lle dicían a verdade ó poder.

A diferenza das protestas de 1987, que foron realizadas principalmente por estudantes e intelectuais, as protestas de 1989 conseguiron un amplo apoio do proletariado, alarmados pola inflación crecente e a corrupción. En Pequín foron apoiadas por unha grande fracción da cidadanía. Noutras cidades como Urumqi, Shanghai e Chongqing conseguíronse porcentaxes semellantes de apoio, e despois en Hong Kong, Taiwán e as comunidades chinesas de Norteamérica e Europa.

Medran as protestas

O 4 de maio, aproximadamente 100.000 estudantes e obreiros marcharon por Pequín pedindo reformas pola liberdade de expresión e un diálogo formal entre as autoridades e os representantes estudantís. O goberno rexeitou a proposta de diálogo tal como se lle presentaba, mostrándose en troques disposto a falar coas organizacións estudantís oficiais. O 13 de maio grandes grupos de estudantes ocuparon a Praza Tian'anmen e emprenderon unha folga de fame, pedindo ó goberno a retirada da acusación realizada no editorial do Xornal do Pobo e que comezaran as conversacións cos representantes elixidos polos estudantes. Centos de estudantes seguiron a folga de fame e recibiron o apoio doutros miles de estudantes e residentes de Pequín, que continuaron as protestas durante toda a semana.

As protestas e as folgas comezaron en moitas outras universidades doutras cidades, dende onde viaxou un feixe de estudantes a Pequín para unírense ás manifestacións. Xeralmente, as manifestacións na Praza Tian'anmen mantiñan unha certa orde, con marchas diarias de estudantes de varias universidades de Pequín mostrando a súa solidariedade co boicot ás clases académicas e co desenvolvemento das protestas. Os estudantes entoaron "A Internacional" en varias manifestacións e mostraron o seu apoio ó socialismo chinés axudando á policía a arrestar tres homes da provincia de Hunan que lanzaran tinta sobre un grande retrato de Maohttp://tsquare.tv/film/transcript.html que se atopaba ó norte da Praza Tian'anmen. Un destes homes, Yu Dongyue, permaneceu no cárcere até o 22 de febreiro de 2006http://news.bbc.co.uk/1/hi/world/asia-pacific/4742478.stm.

A principal estratexia dos manifestantes baseouse nunha folga de fame emprendida por un número estimado de entre varios centos e máis de mil estudantes. Esta folga tivo unha grande resonancia entre o pobo chinés. Aínda que non se observaron folguistas de aspecto cadavérico, na China mantense unha lenda que di que algúns deles chegaron a morrer de fame.

Fixéronse algúns intentos parcialmente satisfactorios para os propósitos dos manifestantes co obxectivo de negociaren cos gobernantes e líderes da República Popular Chinesa, que estaban preto, nos edificios centrais do Partido Comunista en Zhongnanhai. A causa da visita de Mikhail Gorbachev, en maio, moitos xornalistas de medios de comunicación estranxeiros achegáronse até China. A cobertura que realizaron das protestas foi intensiva e xeralmente favorábel ós manifestantes, pero pesimista no referente ás súas posibilidades de lograren os seus obxectivos. Cara a fin das protestas, o 30 de maio, erixiuse unha estatua á Deusa da Democracia na praza, esculpida polos estudantes de Belas Artes, a semellanza da Estatua da Liberdade, e que constituíu un símbolo visual da protesta para os espectadores do mundo enteiro.

O Comité do Politburó do Partido Comunista Chinés, xunto cos anciáns do partido (oficiais do goberno e do partido xa retirados pero que aínda exercían influencia política), albergaban, nun principio, a esperanza de que as protestas tiveran unha curta vida ou que unhas pequenas reformiñas satisfarían ós manifestantes. Desexaban evitar a violencia en canto lles fora posíbel, e confiaron nun comezo no aparato do Partido para persuadir os estudantes de abandonaren a protesta e regresaren ós seus estudos. Unha barreira á acción efectiva foi que até o propio líder do goberno, Zhao Ziyang, apoiaba moitas das demandas dos estudantes, en especial as atinxentes á corrupción. Porén, os manifestantes estaban compostos de grupos diversos con demandas diversas, o que complicou estas primeiras medidas. Incluso non estaba claro con quen debía negociar o goberno, e cales eran as peticións dos diferentes grupos. A confusión e a indecisión entre os manifestantes reflectiuse así en confusión e indecisión do goberno. Os medios oficiais tamén mostraron esta indecisión no Xornal do Pobo, alternando entre a simpatía cos manifestantes coa súa denuncia.