A arquitectura medieval é a arquitectura propia da Idade Media. Os principais estilos arquitectónicos dentro deste período serían a arquitectura prerrománica, a arquitectura románica e a arquitectura gótica. No século XV os arquitectos comezan a favorecer formas clásicas de novo, co Renacemento, marcando a fin do período medieval. Consérvanse moitos exemplos de arquitectura relixiosa, civil e militar da Idade Media en toda Europa.

Estilos

Prerrománico

O período prerrománico durou desde o comezo da Idade Media (arredor do ano 500 d. C.) ata a aparición do estilo románico (a partir do século X). Gran parte da arquitectura notable da época provén de Francia e Alemaña, baixo os merovinxios, carolinxios e otonianos. Outras rexións tamén teñen exemplos de arquitectura desta época, incluíndo Croacia, Inglaterra e na Península Ibérica (especialmente en Galicia, Asturias e León). En Lombardía, o estilo prerrománico incluía moitas características románicas e, polo tanto, coñécese como o primeiro románico.

Románico

O estilo románico foi predominante en toda Europa durante os séculos XI e XII. Caracterízase por arcos de medio punto, bóvedas de canón ou de aresta e muros grosos. Os primeiros e maiores mecenas da arquitectura románica proviñan da Igrexa, especialmente das tradicións monásticas como os cluniacenses e os cistercienses, pero sobreviven exemplos de edificios cívicos e militares románicos.

O termo "románico" (que literalmente significa "ao xeito dos romanos") utilizouse por primeira vez para describir o estilo en 1819. Inda que o estilo se inspirou na arquitectura da Roma Antiga, foi en última instancia un estilo orixinal e tivo unha gama de influencias dependendo da localización.

Gótico

O estilo gótico foi predominante en toda Europa entre finais do século XII e finais da Idade Media no século XV. A característica clave da arquitectura gótica son os arcos apuntados. Outras características, como a bóveda de crucería, os contrafortes exteriores, a tracería elaborada e as vidreiras, atópanse habitualmente na arquitectura gótica. O coro da Basílica de Saint-Denis en Francia, rematado en 1144, considérase o primeiro edificio totalmente gótico, que combina todos estes elementos.

O termo "gótico" (que literalmente significa "ao xeito dos godos") foi usado por primeira vez no século XVI por Giorgio Vasari. Non obstante, os godos, un antigo pobo xermánico, non tiveron influencia no estilo gótico, evolucionou en realidade da arquitectura románica en Francia. Outros factores e estilos poden ter influído na arquitectura gótica temperá. A arquitectura que combina elementos dos estilos románico e gótico ás veces denomínase arquitectura romano gótica.

Funcións

Arquitectura relixiosa As igrexas toman como referencias as antigas basílicas romanas e predomina nelas a planta de cruz latina; as catedrais e igrexas da Europa Oriental toman como referencia o estilo bizantino e a planta de cruz grega.

Notas

Categoría:Arquitectura da Idade Media