upright|miniatura|Miñato real (Milvus milvus) en voo, mostrando as súas rémixes e rectrices
As plumas de voo (Pennae volatus) Julian J. Baumel. Handbook of Avian Anatomy: Nomina Anatomica Avium. 1993 son as plumas pennáceas longas, ríxidas, de forma asimétrica, pero emparelladas simetricamente, das ás e cola das aves; as situadas nas ás denomínanse rémixes ou remeiras, as ás da cola, rectrices ou temoneiras. A función primaria das plumas de voo é axudar á xeración do impulso e sustentación, posibilitando o voo das aves. As plumas de voo dalgunhas aves evolucionaron para realizar funcións adicionais, xeralmente asociadas con exhibicións territoriais, rituais de cortexo ou métodos de alimentación. Nalgunhas especies, estas plumas desenvolvéronse dando plumas rechamantes utilizadas en exhibicións visuais de cortexo, mentres que noutras orixinan un son durante os voos de exhibición. As pequenas aserraduras que teñen as estrixiformes no bordo de ataque das rémixes axúdanlle a voar silandeiramente (e, por tanto, a ter máis éxito na caza), mentres que as rectrices moi ríxidas dos petos e picapaus permítenlles usalas como puntos de apoio aplicándoas contra o tronco cando están agarrados no tronco e peteirando nel. Mesmo as aves non voadoras conservan as súas plumas de voo, aínda que ás veces con formas radicalmente modificadas.
A muda das plumas de voo pode causar serios problemas ás aves, xa que lles impide voar. En diferentes especies evolucionaron distintas estratexias para facer fronte a este problema, que van desde desprenderse de todas as plumas de voo ao mesmo tempo (e así quedan sen capacidade de voar por un período de tempo relativamente curto) a estender a muda durante un período de varios anos.
Rémixes miniatura|350px|Estrutura dos ósos dunha á de ave, indicando os puntos de inserción das rémixes
As rémixes (do latín "remeiro") están localizados na parte posterior da á. Uns ligamentos unen os longos cálamos firmemente aos ósos da á, e unha banda forte e grosa de tecido tendinoso chamada pospataxio axuda a manter e soster as rémixes no seu lugar. As rémixes equivalentes dun exemplar de ave son simétricas nas dúas ás, e son bastante similares en tamaño e forma (a non ser en casos de danos ou mutacións), aínda que non necesariamente en padrón. Dánselles diferentes nomes dependendo da súa posición ao longo da á.
Primarias
As rémixes primarias están conectadas á manus (a "man" da ave, composta de carpometacarpo e falanxes). Son as rémixes máis longas e estreitas (especialmente as unidas ás falanxes), e poden ser rotadas individualmente. Estas plumas son especialmente importantes para o voo batido, xa que son a principal fonte de pulo, movendo a ave cara a adiante polo aire. As propiedades mecánicas das primarias son importantes para soster o voo. A maioría do pulo xérase polo batido cara a abaixo da á. Porén, no movemento cara a arriba da á (cando a ave a miúdo arrastra a súa á preto do seu corpo), as primarias son separadas e rotadas, reducindo a resistencia do aire á vez que seguen axudando a proporcionar algún pulo. A flexibilidade das rémixes das puntas das ás das grandes aves que planan tamén permite que estas plumas se estendan, o cal axuda a reducir a creación de vórtices na punta alar, reducindo así o arrastre. As bárbulas destas plumas, bárbulas de fricción, están especializadas con grandes barbicelas lobulares que axudan ao agarre e impiden o deslizamento das plumas que están enriba e están presentes na maioría das aves voadoras. esquerda|miniatura|Unha pigargo de cabeza branca (Haliaeetus leucocephalus) en voo coas súas primarias estendidas para diminuír o arrastre e mellorar a sustentación
As especies varían algo no número de primarias que posúen. Este número en non paseriformes varía xeralmente entre 9 e 11, pero os mergullóns, cegoñas e flamengos teñen 12, e as avestruces teñen 16. Mentres que os paseriformes máis modernos teñen 10 primarias, algúns outros teñen só 9. Os que teñen 9 perderon a primaria máis distal, que normalmente é moi pequena e ás veces rudimentaria nos paseriformes.
As primarias máis externas están conectadas ás falanxes.
Secundarias miniatura|upright|Pluma primaria (á esqerda) e secundaria (á dereita) do miñato común (Buteo buteo); nótese a orientación asimétrica das plumas
As rémixes secundarias están conectadas á ulna. Nalgunhas especies, os ligamentos que unen estas rémixes ao óso están conectados a pequenas proxeccións arredondadas, chamadas protuberancias das plumas, da ulna; noutras especies, non existen tales protuberancias. As plumas secundarias permanecen xuntas en voo (non poden ser separadas individualmente como ocorre coas primarias) e axudan a proporcionar sustentación ao crear a forma de alerón da á da ave. As secundarias adoitan ser máis curtas e anchas que as primarias, con extremos máis romos (ver ilustración). Varían en número desde 6 nos colibrís ata 40 nalgunhas especies de albatros. En xeral, as especies de ás máis longas e grandes teñen un maior número de secundarias. As aves de máis de 40 familias de non paseriformes parece que perderon a quinta pluma secundaria de cada á, un estado chamado diastataxe. Nestas aves, o quinto conxunto de cobertoiras secundarias non cobre ningunha rémixe, posiblemente debido ao retorcemento das papilas das plumas durante o desenvolvemento embrionario. Os gaviformes, mergullóns, pelicanos, falcóns e aguias, grúas, escolopácidos, gaivotas, papagaios e estrixiformes están entre os grupos de aves que perderon estas plumas.
Terciarias
As terciarias orixínanse na rexión braquial e non se consideran verdadeiras rémixes, xa que non están unidas ao óso correspondente, neste caso o úmero. Estas alongadas terciarias "verdadeiras" actúan como cuberta protectora de todas as partes das secundarias e primarias dobradas, e non se consideran tampouco plumas de voo. Aínda así, moitas autoridades usan o termo terciarias para referirse ás secundarias máis internas, nun esforzo de distinguilas doutras secundarias máis simétricas e máis curtas dos paseriformes (que se orixinan no olécranon e realizan a mesma función que as verdadeiras terciarias). O termo umeral utilízase ás veces para aves como os albatros e pelicanos que teñen un úmero longo.
Tectrices
Os cálamos das plumas de voo están protexidos por unha capa de plumas que non son de voo chamadas cobertoiras ou tectrices, e hai polo menos unha capa delas tanto encima coma debaixo das plumas de voo das ás e tamén por riba e por baixo das rectrices da cola. Estas plumas poden variar amplamente en tamaño e, por exemplo, son as tectrices da parte superior da cola do macho de pavo real, e non as súas rectrices, as que constitúen a súa elaborada e colorida "cola".
Emarxinación
As primarias máis externas das grandes aves planadoras, especialmente as rapaces, mostran con frecuencia un pronunciado estreitamento a unha distancia variable ao longo das beiras das plumas. Estes estreitamentos son denominados amosegas ou emarxinacións dependendo do grao da súa inclinación. Unha emarxinación é un cambio gradual, e pode encontrarse a cada lado da pluma. Unha amosega é un cambio abrupto, e só se encontra no bordo de fuga máis ancho da rémixe. (Ambas as dúas son visibles na primaria da foto que mostra as plumas; poden encontrarse a medio camiño entre os lados esquerdo e dereito da pluma, unha amosega pouco profunda na esquerda, e unha emarxinación gradual á dereita.) A presenza de amosegas e emarxinacións crea ocos na punta das ás; o aire é forzado a pasar entre estes ocos, incrementando a xeración de sustentación.
Álula miniatura|Macho do lavanco (Anas platyrhynchos) aterrando coas álulas estendidas no bordo de ataque da á.
As plumas da álula non se consideran xeralmente plumas de voo en senso estrito; aínda que son asimétricas, carecen da lonxitude e rixidez da maioría das verdadeiras plumas de voo. Porén, as plumas da álula axudan claramente a voar a baixas velocidades. Estas plumas que están unidas os "polegares" da ave e normalmente sitúanse aliñadas contra o bordo anterior da á) funcionan da mesma maneira que os slats da á dun avión, o que fai que a á presente un ángulo de ataque maior do normal (e, por tanto, de sustentación) sen que o resultado sexa unha entrada en perda. Manipulando o seu polgar para crear un oco entre a álula e o resto da á, unha ave pode evitar entrar en perda cando voa a baixa velocidade ou está aterrando.
Atraso no desenvolvemento das rémixes nos hoatzíns
O desenvolvemento das rémixes (e as álulas) dos pitiños de hoatzíns prodúcese con moito máis atraso comparado co desenvolvemento destas plumas noutras crías de aves, presumiblemente porque os hoatzíns novos posúen garras nos dous primeiros dedos. Utilizan estes pequenos ganchos arredondados para agarrarse ás ramas cando gabean polas árbores, e o crecemento de plumas nestes dedos probablemente interferiría con esta funcionalidade. A maioría das crías desta ave despréndense das súas garras entre o día 70 e 100 de vida, pero algunhas consérvanas durante a vida adulta (aínda que desenvolven calosidades e son inutilizables).
Rectrices
As rectrices (do latín "temoneiro") ou plumas temoneiras, axudan á ave a frear e guiar a dirección do seu voo, e están dispostas nuha soa ringleira horizontal na marxe traseira da cola anatómica. Só o par central está unido (por ligamentos) aos ósos da cola; as restantes rectrices están incrustadas nos bulbos rectriciais, estruturas complexas de graxa e músculo que rodean eses ósos. As rectrices están sempre presentes por pares, e a gran maioría das especies teñen seis pares. Están ausentes nos mergullóns e nalgunhas ratites, e moi reducidas en tamaño nos pingüíns. Moitas especies de tetraoninos teñen máis de 12 rectrices. Algunhas especies, como Bonasa umbellus, Tetrastes bonasia e Gallinago gallinago, teñen un número de rectrices que varía entre os individuos. Os pichóns domésticos teñen un número moi variable, debido a séculos de cruzamentos selectivos.
Convencións de numeración
Para poder discutir doadamente sobre procesos da muda ou estruturas corporais, os ornitólogos asignan un número a cada pluma de voo. Por convención, os números asignados ás plumas primarias sempre empezan coa letra P (P1, P2, P3 etc.), os das secundarias coa letra S, os das terciarias con T e os das rectrices cun R.
A maioría das autoridades numeran as primarias en orde descendente, empezando pola primaria máis interna (a máis próxima ás secundarias) e seguindo cara a fóra; outros numéranas en orde ascendente, desde a primaria máis distal cara a dentro. Cada método ten as súas vantaxes. A numeración descendente segue a secuencia normal da muda das primarias na maioría das aves. Ademais, no caso de que unha especie estea en proceso de perder a pequena 10ª primaria distal, como é o caso dos paseriformes, a súa ausencia non inflúe na numeración das restantes primarias. Por outra parte, a numeración ascendente permite unha uniformidade na numeración das primarias dos non paseriformes, xa que estes teñen case invariablemente catro unidas á manus sen importar cantas primarias teñen en total. Este método é especialmente útil para indicar as fórmulas alares (véxase máis abaixo), xa que a primaria máis externa é aquela coa que se empezan as medidas.
As secundarias son sempre numeradas de maneira ascendente, empezando coa secundaria máis externa (a máis próxima ás primarias) e continuando cara a dentro. As terciarias tamén se numeran de forma ascendente, mais neste caso, os números continúan consecutivamente desde o número que se lle deu á última secundaria (por exemplo, ... S5, S6, T7, T8, ... etc).
As rectrices sempre se numeran desde o par máis central cara a fóra en ambas as direccións.
Plumas de voo especializadas miniatura|Macho de Vidua paradisaea mostrando as súas rectrices modificadas.
As plumas de voo dalgunhas especies sufriron cambios evolutivos que lles deron funcionalidades adicionais.