The Interview é un filme estadounidense de 2014 dirixido e producido por Evan Goldberg e Seth Rogen, sendo o seu segundo traballo xuntos dende This Is the End (2013). O guión é obra de Dan Sterling, e baséase nunha historia entre Rogen e Goldberg. Está protagonizado por Rogen e James Franco, que interpretan dous xornalistas que son enviado a Corea do Norte para entrevistar ó líder Kim Jong-un (Randall Park), e que son recrutados pola CIA para asasinalo.

Rogen e Goldberg desenvolveron a idea de The Interview a finais da década de 2000, con Kim Jong-il como obxectivo principal do asasinato. En 2011, despois da morte de Jong-il, Jong-un substituíno como líder do país. Rogen e Goldberg desenvolveron un novo guión centrado en Jong-un. O anuncio do filme realizouse en marzo de 2013, xunto co comezo da pre-produción. A fotografía principal realizouse en Vancouver dende outubro até decembro de 2013.

En xuño de 2014, o goberno norcoreano ameazou con accións contra os Estados Unidos se Columbia Pictures estreaba o filme. Columbia adiou a estrea de outubro até decembro, e reeditou en repetidas ocasións o filme para facelo máis aceptable para Corea do Norte. En novembro, os sistemas informáticos de Sony Pictures Entertainment foron hackeados por "Guardians of Peace," un grupo que o FBI di que ten relacións con Corea do Norte.Gabi Siboni e David Siman-Tov, Cyberspace Extortion: North Korea versus the United States , INSS Insight No. 646, 23 de decembro de 2014. O grupo tamén ameazou con accións terroristas contra os cinemas que proxectasen o filme. As principais cadeas de cinemas decidiron non estrear o filme, o que implicou que Sony o lanzase por compra en liña o 24 de decembro de 2014, seguido por unha estrea limitada o día seguinte en cinemas escollidos.

The Interview recadou $40 millóns en liña, converténdose no maior éxito financeiro de Sony nunha estrea dixital, e conseguiu uns $11,2 millóns en cinemas de todo o mundo. Recibiu críticas dispares polo seu humor e temática, malia que uns poucos aclamaron as interpretacións de Rogen, Franco, Park e Diana Bang.

Personaxes James Franco como Dave Skylark Seth Rogen como Aaron Rapaport Lizzy Caplan como Axente Lacey Randall Park como Kim Jong-un Diana Bang como Sook-yin Park Timothy Simons como Malcolm Reese Alexander como Axente Botwin Anders Holm como Jake Charles Rahi Chun como Xeneral Jong

O filme tamén conta coas aparicións de Eminem, Rob Lowe, Bill Maher, Seth Meyers, Joseph Gordon-Levitt, Ben Schwartz, Brian Williams e Scott Pelley. Iggy Azalea, Nicki Minaj, Emma Stone, Zac Efron e Guy Fieri aparecen nas cartelas de entrada do programa ficticio Skylark Tonight.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Ficha en BoxOfficeMojo Ficha en RottenTomatoes

Categoría:Filmes de 2014 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes en lingua coreana Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por Evan Goldberg Categoría:Filmes dirixidos por Seth Rogen Categoría:Filmes de Columbia Pictures Categoría:Filmes rodados en Vancouver Categoría:Filmes ambientados en Corea do Sur Categoría:Filmes ambientados en Virxinia Categoría:Filmes ambientados en 2014 Categoría:Filmes de Point Grey Pictures