A banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. Bailando as rúas é o título do seu primeiro traballo, enteiramente autoproducido e editado no Nadal de 2017. En marzo de 2018 gañaron o certame aRi[t]mar de música galega portuguesa.

Traxectoria

Orixe do grupo No verán de 2016 xuntáronse Xiana Lastra, Andrea Porto e Marcela Porto para comezar a artellar o seu proxecto. Posteriormente, uníronse ao grupo Inés Mirás e Estela Rodríguez, completando a formación musical. Cada unha das cinco compoñentes teñen unha historia musical diversa, dotando ao grupo dunha música variada e caleidoscópica.

Andrea Porto, desde pequena estivo acostumada a convivir coa música. Con oito anos comezou estudar guitarra clásica no conservatorio. Tocou na rondalla do seu colexio e ao mesmo tempo mantivo contacto coa música tradicional, bailando, tocando a pandeireta e a gaita. Máis adiante descubriu outros estilos de música moderna, pop, rock... Empezou a tocar o baixo nun grupo, atopando outra perspectiva da música. Tamén gusta de compoñer e escribe poesía.

Marcela Porto naceu nunha familia onde a música sempre estivo presente. Quixo tocar o violín máis a súa irmá Andrea que tocaba a gaita naquel tempo, convenceuna para ir con ela a clases e tocar o tambor. Ao fin, decidiu seguir estudos de percusión no Conservatorio Superior de Música de Oviedo. Anteriormente tocara a batería noutros grupos e nalgún combo de jazz, pero nunca tivera unha banda na que fora ela a batería como na Banda da Loba.

Estela Rodríguez tivo claro desde moi nova que quería estudar violín. Aínda que non proviña dunha familia con tradición musical, quixo e foi estudar ao conservatorio. Tivo algún grupo cando estaba no instituto, antes de iniciarse na música clásica. Participou en varias orquestras coas que adquiriu moita experiencia ata que chegou Á banda da Loba.

Xiana Lastra medrou nunha atmosfera familiar de amor pola cultura galega. Formou parte do coro do colexio -o Grupo Ledicia- desde os catro anos ata os vinte e un. Mentres estudaba a súa licenciatura de Xornalismo en Santiago de Compostela, meteuse no Orfeón Terra Nosa e colaborou noutros grupos de música tradicional e brasileira como Árdelle o eixo ou Odaiko Percusión Grupo. Desde o ano 2008 comezou a dedicación á música dun xeito máis profesional. Participou noutros proxectos como Puntada sen fío, dous libros discos: A miña primeira Rosalía (2013) e o Meu primeiro Celso Emilio (2014) como vocalista .

Inés Mirás comezou estudos na Escola Municipal de Ordes aos sete anos. O clarinete e o piano foron os seus primeiros instrumentos. Cambiou de centro de estudos ata chegar ao Conservatorio de Música de Santiago de Compostela, onde estudou guitarra. Durante un tempo tocou o baixo en varias bandas. Na Banda da Loba tocou a guitarra, os teclados e outros instrumentos, ata o ano 2024 que deixou o grupo.

A música luguesa, Iria de Cabo entrou na banda en agosto de 2024. Comezou tocar a guitarra aos 15 anos e xa coa maioría de idade inicióu os seus estudos musicais na Escola Estudio de Santiago de Compostela e despois entrou no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Formou parte do estudo virtual do saxofonista Bob Reynolds e completou a formación estudando composición co pianista Abe Rábade. É profesora de música ademais de tocar este instrumento na Banda da Loba.

O nome do grupo A banda da Loba (ABL) non é un nome ao chou. As cinco músicas tiñan a idea clara de escoller un nome vinculado a unha figura feminina coa que se identificaran. Despois de desbotar varias ideas escolleron a Pepa a Loba, a lendaria bandoleira galega do século XIX. A identificación da banda con Pepa a Loba, vén da pretensión de darlle valor á capacidade da muller e á necesidade de que a muller colla as rendas e sexa consciente de que pode facelo todo sen axuda de ninguén, como A banda da Loba as súas cancións, os seus discos, o deseño gráfico, a autoprodución da xira. Asemade, expresan o seu desexo de dar outra acepción á loba como animal, moitas veces empregada coma un insulto.

Bailando as rúas Despois de case un ano de intenso traballo acadaron o seu obxectivo da gravación de Bailando as rúas, o seu primeiro traballo discográfico. No seu repertorio, A banda da Loba inclúe temas da súa autoría, outros baseados nas letras de poetas clásicos coma Celso Emilio Ferreiro e Manuel María ou Rosalía de Castro, e os poemas contemporáneos de Rosalía Fernández Rial e Celia Parra.

Para o tema de "Pepa", con letra e música de Xiana Lastra, contaron coa participación das cantareiras Olaia, Sabela e Aida do grupo Tanxugueiras. Tamén neste disco colaborou a cantante Guadi Galego na gravación de "Ti e eu", baseada no poema de Celso Emilio Ferreiro, musicada e adaptada por Andrea Porto.

A totalidade do disco foi autoproducido por A Banda da Loba e o produtor musical do disco foi Adrián Saavedra.

O día 19 de marzo de 2018 presentaron o vídeo "Tres en raia", en colaboración coa Asociación Down Compostela no seu 21 aniversario.

A banda da Loba resultou gañadora en marzo de 2018 do certame aRi[t]mar de música galega portuguesa, coa canción "Bailando as rúas". Este proxecto ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países. Salvador Sobral e Luísa Sobral foron os gañadores portugueses coa canción "Amar pelos dois".

En maio de 2018, presentaron a canción "Anagnórise", inspirada na novela do mesmo nome da escritora María Victoria Moreno e coa que quixeron homenaxear a cuarta muller a quen foi dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2018, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007).

Seguintes traballos miniatura|Teatro Jofre de Ferrol (A Coruña) 14-03-2025 En decembro de 2019 publicaron o seu segundo álbum, titulado Fábrica de luz. Case todos os temas do disco foron traballos propios, pero incluíu tamén dous poemas musicados de Rosalía de Castro e Manuel María. En abril de 2021 publicaron o EP Hasme oír, no que puxeron música a varios poemas de Xela Arias, homenaxeada ese ano co Día das Letras Galegas.

En 2022 presentaron o disco Xabón Lagarta, inspirado nas lavandeiras e nos lavadoiros, eses «espazos de liberdade, confidencias e insubmisión». O disco inclúe a canción "A Capirota", contando a historia de Carmen Pesqueira Domínguez e o seu asasinato por unha banda de falanxistas en 1936. Con este disco comezaron unha xira de sete concertos fora de Galicia,coa axuda acadada en Girando por salas o Circuíto de Músicas Populares concibido para a promoción das músicas actuais.

A finais de decembro de 2023 despedíronse temporalmente co concerto fin de xira en Santiago de Compostela, onde contaron coa participación de Guadi Galego, Olaia Maneiro (Tanxugueiras), Mon e Ulla (Monoulious DOP), Nastasia Zürcher, María Soa, Fillas de Cassandra, Margarida Mariño e Gustavo Almeida. Estiveron todo o ano 2024 somerxidas no proceso creativo do seu quinto disco, Lovismo que presentaron en xaneiro de 2025, que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresión.

No ano 2026, co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño, publicaron o sinxelo “A Merlín”, en homenaxe á escritora e inspirado na súa novela Morgana en Esmelle.

Compoñentes Andrea Porto (baixo) Estela Rodríguez (violín) Inés Mirás (guitarra). Ata 2024. Marcela Porto (batería e percusións) Xiana Lastra (voz) Iria de Cabo (guitarra)

Discografía Bailando as rúas (2017) Fábrica de luz (2019) Hasme oír (2021) EP Xabón lagarta (2022) Lovismo (2025)

Premios Premios aRi[t]mar 2018. Gañadoras coa canción "Bailando as rúas". Premios Opinión 2018 á mellor canción por "Bailando as rúas". Finalistas. V Premios Martín Códax da Música 2018, na modalidade "música de autor". Finalistas. X Concurso Fran Pérez "Narf", da Deputación da Coruña 2018. Grupo finalista. 2025: Premio Alfredo Iglesias, que recoñece o labor cultural e o compromiso social.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Vídeo "Tres en raia" Vídeo "Bailando as rúas" Vídeo "Ti e eu", letra de Celso Emilio Ferreiro. Vídeo "Anagnórise" Pepa a loba Álbum de mulleres. Consello da Cultura galega. aRi[t]mar Entrevista de Montse Dopico en Praza Pública. Entrevista de Uxía Castro en Sermos Galiza. Vídeo "Intempériome"

Categoría:Grupos musicais de Santiago de Compostela

Categoría:Grupos musicais de folk Categoría:Grupos musicais formados en 2016