María Martinón Torres, nada en 1974 en Ourense, é unha médica e paleoantropóloga galega. É fundadora da European Society for the Study of Human Evolution (2011) así como membro correspondente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia dende 1999.

Traxectoria Filla do pediatra e bibliófilo Federico Martinón Sánchez (Medalla Castelao 2012) e de Georgina Torres, enfermeira, estudou Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago de Compostela, onde obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura e se doutorou na mesma universidade con Premio Extraordinario en Medicina e Cirurxía. A súa tese de doutoramento versou sobre a análise da dentición dos homínidos fósiles, codirixida por José María Bermúdez de Castro, codirector dos sitios arqueolóxicos da serra de Atapuerca, e Ángel Carracedo, director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela.

Especializouse en Antropoloxía Forense pola Universidade Autónoma de Madrid e en Evolución Humana pola Universidade de Bristol. En 1998 entrou a formar parte do equipo de investigación de Atapuerca e entre 2007 e 2015 foi responsable da investigación sobre Antropoloxía Dental en Homínidos no Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH). Dende 2015 é profesora no Departamento de Antropoloxía da University College London. O 11 de decembro de 2017 tomou posesión como directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH).

Liñas de investigación

As súas investigacións céntranse no estudo da paleobioloxía dos homínidos, evolución do aparato dental con implicacións taxonómicas e filoxenéticas, escenarios evolutivos e paleopatoloxía. O seu traballo centrouse en Atapuerca e Dmanisi (Xeorxia), ademais de colaborar en varios proxectos internacionais de investigación con Francia, a China, Suráfrica ou o Reino Unido. En Dmanisi atoparon os restos humanos máis antigos fóra de África, de 1,8 millóns de anos, o que podería probar que a orixe dos primeiros europeos é asiática no canto de africana.

Publicacións Publicou máis de dez libros ou capítulos de libros no ámbito da evolución humana e máis de 60 artigos en revistas científicas internacionais. O seu traballo foi incluído no top 1% dos autores máis citados no seu campo segundo a axencia Thomson Reuters.

Recoñecementos Premio da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Premio Fundación Caixa Galicia ao mellor expediente de Licenciatura en Medicina.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas María Martinón en Google Académico María Martinón en ResearchGate

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1974 Categoría:Médicos de Ourense Categoría:Membros da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia Categoría:Paleoantropoloxía Categoría:Antropólogos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes