O voo 3704 de Iran Aseman foi un voo doméstico regular iraniano de pasaxeiros dende Teherán ata Yasuj operado pola aeroliña Iran Aseman Airlines. O 18 de febreiro de 2018, o avión que realizaba o voo, un ATR 72-200, esnafrouse contra o monte Dena, nos montes Zagros, preto da vila de Noqol na provincia de Esfahan. A totalidade dos 59 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo morreron. Rescatadores a bordo de helicópteros da Forza Aérea dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica atoparon os restos do avión dous días despois do accidente.
Avión O aparello involucrado no accidente era un ATR 72-212 con número de serie 391. Tiña o rexistro EP-ATS e fora entregado a Iran Aseman Airlines no ano 1993. Nos seus 24 anos de servizo coa aeroliña a avión non rexistrara ningún incidente serio.
Unha fonte iraniana informou de que o avión reiniciara recentemente as súas operacións despois de estar fóra de servizo durante sete anos debido á falta de pezas de reposto, e que tivera problemas técnicos nun voo semanas antes do accidente. Afirmouse tamén que unha publicación de Instagram da aeroliña dous meses antes do accidente anunciaba a volta ao servizo do aparello, pero esta foi borrada tras o accidente.
No momento do accidente Iran Aseman tiña seis avións ATR na súa frota, dos cales tres estaban realizando operacións.
Este accidente é o sexto con vítimas mortais do ATR 72 nunha década que deixaron un total de 306 mortos.
Accidente O avión estaba operando un voo doméstico regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Mehrabad en Teherán ata o aeroporto de Yasuj. Engalou de Teherán ao redor das 04:30 UTC e esnafrouse no monte Dena sobre unha hora despois. Os seus 65 ocupantes, 59 pasaxeiros e 6 tripulantes, presumiblemente morreron. Segundo a páxina web de seguimentos de voos Flightradar24, o derradeiro sinal do avión foi recibido xusto antes das 05:56 UTC, cando se atopaba a unha altura de 16 975 pés (5 174 m) e estaba descendendo. O derradeiro contacto de radio que o control de tráfico aéreo (ATC) tivo coa tripulación foi poucos minutos antes, ás 09:22 hora local (05:52 UTC), cando o ATC autorizou ao avión a descender de nivel de voo dende unha altura de 21 000 pés a 17 000.
Busca Habitantes da zona informaron que escoitaron ao avión chocando contra a montaña, pero debido á neboa os helicópteros de rescate non puideron chegar ao lugar do accidente nos montes Zagros. O monte Dena, onde se esnafrou o avión, é realmente unha cordilleira dentro dos montes Zagros; ten 80 qulómetros de longo con varios picos, o máis alto deles de 4 409 metros. As condicións meteorolóxicas no lugar do accidente, incluída neve e fortes ventos, obstaculizaron aos servizos de busca e rescate.
Rescatadores a bordo de halicópteros dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica atoparon os restos do avión dous días despois do accidente, o 20 de febreiro, a 30 metros baixo o pico das montañas ao sur de Noqol a unha altura duns 4 000 metros.
O día 3 de marzo funcionarios iranianos anunciaron que atoparan a gravadora de datos de voo.
Notas
Iran Aseman 3704 Iran Aseman Iran Aseman