Isabel Pérez Dobarro, nada en Santiago de Compostela en 1992, é unha pianista galega.
Traxectoria Comezou a tocar o piano con tres anos e ós catro deu o seu primeiro concerto. Afeccionada ó xadrez, foi campioa de Galicia en catro ocasións e quinta nacional nunha ocasión, ata que o deixou á idade de 15 anos. Estudou no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid onde, en 2010, obtivo o Título Superior de Piano. En 2012, realizou un máster de Música na Universidade de Nova York. No ano 2012, comezou a impartir clases na universidade coma instrutora adxunta na Steinhardt School of Culture, Education, and Human Development, da Universidade de Nova York, da que actualmente é doutora. En 2017 gradououse en Dereito pola UNED e en 2018 obtivo un certificado en Relacións Internacionais pola Universidade Harvard, onde tamén recibiu un Certificado en Negocios na Harvard Business School HBX. Tamén posúe un Professional Studies Certificate na Manhattan School of Music. Ademais diso, realizou un curso de liderado na Universidade de Cambridge e un dobre máster en acceso á avogacía e asesoramento xurídico bilingüe na IE Law School.
Desenvolveu a súa carreira concertística nos Estados Unidos, España, Rusia, Bélxica, Arxentina, Italia e Portugal. Deu recitais en distintas salas dos Estados Unidos como Carnegie Hall, Steinway Hall, Yamaha Center, Liederkranz Foundation, Frederick Loewe Theater e Columbia University Faculty House e de fóra dos Estados Unidos, como Rachmaninoff Hall (Tchaikovsky Conservatory, Moscova), Ateneo de Madrid ou a Sala Arturo Benedetti Michelangeli (Bolzano, Italia).
Ademais da súa actividade como pianista, dende 2016 forma parte da United Nations Sustainable Development Solutions Network Youth, onde exerce de representante da iniciativa Arts Twenty Thirty e UN Focal Point, a través da cal promove os obxectivos de desenvolvemento sustentable.
Xunto coa mezzosoprano Anna Tonna, Isabel Dobarro gañou o premio New York Women Composers Seed Grant polo Women in Music Project, unha iniciativa que promove a música composta por mulleres tanto nos Estados Unidos como no resto do mundo. A Filharmónica de Nova York colaborou neste proxecto a través do seu Very Young Composers Program. Con motivo deste proxecto, publicou o CD "The Unknown Pauline Viardot: Chamber Songs and Duets" que foi eloxiado pola crítica internacional, nomeado Critic's Choice pola revista da Metropolitan Opera de Nova York, eloxiado pola Fanfare Magazine ou Operawire, ademais de recibir o premio Melómeno de Ouro en España en 2021.
Actuou coa OSSB de Barcelona, Real Filharmónica de Galicia, Filharmónica de Braga, OST, Málaga Camerata, Bética de Sevilla e Filharmónica de Pontevedra, dirixida polos profesores Michael Thomas, Claudia Dubé, Diego Masson, Filipe Cunha, Santiago Otero e Beatriz Gutiérrez. Colabora en dúo co Premio Nacional de Música e Concertino da Orquestra de RTVE Miguel Borrego. Isabel impartiu clases maxistrais no Festival Internacional de Ópera de Morelia, no IV Festival de Perfeccionamento Pianístico de Veracruz, no Conservatorio Superior de Música da Coruña, no Conservatorio de Pontevedra e no New York University Undergraduate College.
Polo seu traballo na recuperación de obras de compositoras, Isabel foi galardoada co Premio Executivas de Galicia e distinguida pola Xunta de Galicia no Día da Muller de 2021. A promoción da música galega ocupa un lugar imprescindible no seu repertorio, estreando en Nova York obras de Eduardo Soutullo, Juan Durán, Margarita Viso e Julia Dopico e sendo a dedicataria de “Galician Fancy” de Octavio Vázquez e mais "Alalá das Paisaxes Verticais" de Carme Rodríguez, obra que estreou na Coruña.
En novembro de 2025 gañou o Grammy Latino ao mellor álbum de música clásica por Kaleidoscope, converténdose na primeira artista galega en ser galardoada cun Grammy Latino.
Premios VIII "Premio Mujeres a Seguir", no apartado de Cultura (2021). Terceiro premio no Grand Prize Virtuoso International Competition (2017). Premio en New York Women Composers Seed Grant, xunto a Anna Tonna (2016). Segundo premio en American Protégé International Piano Competition (2015). Jorge Bolet Distinguished Performer Award no Stony Brook International Piano Festival (2009). Primeiro premio no Cidade do Fundao International Piano Competition (2006). Ciutat de Berga International Piano Competition (2002). Premio a Mellor Álbum de Música Clásica dos Grammy Latinos polo seu traballo Kaleidoscope
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina web oficial
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Nacional de Educación a Distancia Categoría:Pianistas de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade Harvard