Wind ou WIND é un satélite artificial da NASA lanzado o 1 de novembro de 1994 mediante un foguete Delta 7925 desde o Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral para estudar a magnetosfera terrestre e a súa interacción co Sol.

Características Wind foi unha das catro naves do programa GGS (Global Geospace Science), á súa vez parte das seis naves do programa ISTP (International Solar Terrestrial Physics) dirixido ó estudo da interacción entre a Terra e o Sol. O resto de naves eran Geotail, POLAR (xemelga de Wind), SOHO e Cluster.

A misión de Wind foi estudar o vento solar, os campos magnéticos e as partículas arredor da Terra. Wind ten forma de cilindro de 2,8 m de diámetro e 1,25 m de altura con células solares recubrindo a superficie. A nave ten unha masa de 1250 kg e estabilízase mediante xiro a 20 r.p.m. Dispón de antenas de cable, mastros inerciais soportes para instrumentos no plano de xiro.

Durante os primeiros nove meses a nave foi posta nunha órbita de dobre sobrevoo lunar cerca do plano da eclíptica, cun apoxeo de entre 80 e 250 radios terrestres e un perixeo de entre 5 e 10 radios terrestres. Nesta órbita o apoxeo producíase sobre o hemisferio diúrno da Terra, facilitando as observacións magnetosféricas. Despois Wind foi inserida nunha órbita de halo arredor do punto L1 do sistema Terra-Sol, onde as medicións do vento solar, das partículas e do campo magnético podían facerse de maneira continua.

Instrumentos Wind levaba os seguintes instrumentos a bordo:

EPACT (Energetic Particle Acceleration, Composition and Transport): deseñado para estudar os procesos de aceleración e transporte de partículas nas fulguracións solares, o medio interplanetario, as magnetosferas planetarias e os raios cósmicos galácticos. Magnetic Field Investigation (MFI): magnetómetros para investigar as estruturas a grande escala e as flutuacións características do campo magnético interplanetario. Radio and Plasma Wave Experiment (WAVES): usado para medir a intensidade e dirección das ondas de radio e plasma orixinadas polo vento solar nas proximidades da Terra. Solar Wind Ion Composition Spectrometer (SWICS) / Suprathermal Ion Composition Spectrometer (STICS): instrumento deseñado para medir con detalle a composición do vento solar. Solar Wind Experiment (SWE): espectrómetro de electróns de seis eixos para medir a velocidade tridimensional de ións e electróns. Transient Gamma Ray and EUV Spectrometer (TGRS): feito para observar a alta resolución os raios gamma transitorios. 3-D plasma and energetic particle analyzer (3DP): medía a distribución tridimensional do plasma e dos ións e electróns enerxéticos con alta resolución angular, temporal e enerxética. Detectores de raios gamma KONUS.

Notas

Categoría:Satélites artificiais