O Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil está convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. Comezou a celebrarse no ano 2018, nun principio da man de Urco Editora e o Concello de Pontevedra. Este premio quere honrar a figura de María Victoria Moreno e promover unha creación literaria de calidade para o público xuvenil.
Historia Antonio Manuel Fraga foi o gañador da primeira edición de 2018 con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa. Resultaron finalistas os orixinais presentados baixo os lemas Be Water e Irmá Paxaro. O xurado, formado por Montse Pena Presas, Eli Ríos, Andrea Martínez, M.ª Carme Hermida e Andrea Jamardo Seijo destacaron de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa a fortaleza das personaxes femininas e o feito de introducir o bestiario máxico galego nun contexto histórico.
O II premio de 2019 foi para Beatriz Maceda Abeleira. Os integrantes do xurado destacaron no traballo titulado Ardora "o compromiso que no traballo se mantén co ecoloxismo e tamén co público potencial: lectores que aínda se atopan durante os seus primeiros anos da adolescencia". Presentáronse 17 obras.
O III premio de 2020 foi para Lorena Conde por Velloucas e minchas. Segundo a autora "son mozas preadolescentes e mulleres no final da vida. Fixen protagonistas a personaxes que normalmente son secundarios". O relato ten como protagonistas a cinco mulleres, dous adolescentes e tres anciás, e a trama comeza cando unha das mozas ten que ir vivir coa súa avoa para, xuntas, enfrontarse e resolver os problemas de cada unha. Lorena Conde foi alumna no instituto de María Victoria Moreno.
O IV premio de 2021, convocado polo Concello e Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno, foi para Pilar Ortega Pereiro por O segredo de Al´eume. O xurado destacou o sentido do humor fresco, a lectura áxil e a posta en valor do patrimonio natural galego.
Obras gañadoras
2018 (1ª): O bestiario científico de Anxos Nogueirosa de Antonio Manuel Fraga 2019 (2ª): Ardora de Beatriz Maceda 2020 (3ª): Velloucas e minchas de Lorena Conde 2021 (4ª): O segredo de Al´eume de Pilar Ortega Pereiro 2022 (5ª): Nom estamos quebrades de Nee Barros 2023 (6ª): Cartas na escuridade de Lois Pérez Díaz
Notas
Véxase tamén Outros artigos Literatura xuvenil
Maria Victoria Moreno Categoría:Literatura infantil e xuvenil