La Arzuana, máis tarde coñecida como Hilados y Tejidos de Vilasantar, foi unha fábrica de tecidos situada na parroquia de Présaras, no concello coruñés de Vilasantar, que funcionou dende 1882 ata 1962.

Historia En 1882 constituíase a firma industrial Casimiro Macía Canal y Cía., por acordo entre o carpinteiro Casimiro Macía Canal, o tecelán Andrés Camprubí Genesca e o fundidor Manuel Solórzano Ibáñez. A fábrica de tecidos de algodón construíuse na marxe dereita do río Tambre no lugar de Foro (Présaras, Vilasantar). Ao ano seguinte, disolveríase a efémera sociedade, quedando Manuel como único propietario da fábrica.

Manuel, xunto cos banqueiros lugueses Ramón e Luciano Soler, formaron en 1884 unha nova sociedade enriba da fábrica, La Arzuana. Morto Manuel en 1895, a súa viúva, Basa Freire Fan, e os seus fillos, José Fernando, Rosa, e Fernando José, constituirían a razón social Viuda e hijos de Solórzano, baixo a que se explotou a fábrica durante cinco anos.

No 1900 a fábrica de tecidos de algodón La Arzuana foi adquirida polos irmáns Luis, Pilar e Elena Miranda Santos, fillos do empresario habaneiro Luis Miranda Vázquez, quen co seu socio, o banqueiro coruñés José Núñez de la Barca, explotaba dende 1872 a fábrica coruñesa de fiados e tecidos de algodón Núñez y Miranda. Os irmáns Miranda farían importantes inversións e ampliacións, e dende 1907 a fábrica La Arzuana xiraría baixo a razón social Hilados y Tejidos de Vilasantar, S.A., sociedade constituída cun millón e medio de pesetas de capital social.

A fábrica viviu un grande esplendor durante o primeiro terzo de século, aínda que cun importante baixón durante a primeira guerra mundial: pasou de ter 41.463,2 pesetas de beneficios en 1913 a perdas nos anos 1914-1915 e 1917-1918. Os motivos das perdas foron varios, entre eles a escaseza de algodón. Ao remate da guerra, a fábrica recuperouse rapidamente da crise e pasou a ter beneficios de 39.413,9 pesetas en 1919, 44.559,8 en 1920, 400.872,6 en 1922 e 159.058,9 en 1923.

Trala guerra civil española sufriu complicacións derivadas da carestía da materia prima, da perda xeneralizada de poder adquisitivo e a preferencia dos mercados polo tecido curado ou branco, e as dificultades para financiar as compras de algodón e o cobro das vendas.

As complicacións medraron xuntándose co malestar do persoal, folgas e mesmo problemas coa saída das mercadorías pola estación ferroviaria de Curtis. A partir de 1958 os irmáns Tomás e Enrique Rodríguez-Sabio Sánchez irían asumindo todas as facultades do Consello de Administración da sociedade.

O 8 de decembro de 1962 un misterioso incendio (popularmente crese que provocado) arrasaba as instalacións e poñía fin a 80 anos de traballo, nos que a fábrica foi o auténtico motor da zona e que provocou un aumento importante da poboación da parroquia e o florecemento doutros negocios. Hoxe as instalacións que sobreviviron son aproveitadas por unha explotación gandeira.

Documental O 15 de setembro de 2018, estreouse no colexio de Pŕesaras o documental Tecido resistente: A silenciosa revolución das mulleres de Présaras, dirixido pola periodista Marina Chiavegatto, que conta a historia das mulleres que traballaron na fábrica.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Ficha do documental Tecido resistente na páxina do CGAI.

Categoría:Empresas téxtiles de Galicia Categoría:Vilasantar Categoría:Vilasantar sen imaxes