Un exectosoma é un orgánulo celular responsable de exectar o seu contido fóra da célula. Na literatura describíronse dous tipos moi diferentes de orgánulos co nome de exectosomas, que aparecen en dúas clases de organismos non relacionados: As algas criptomónadas teñen dúas clases de exectosomas, que son uns tipos de extrusomas. Algúns patóxenos intracelulares, como a bacteria Mycobacterium tuberculosis, escapan das súas células hóspede utilizando unha estrutura baseada na actina, que tamén recibe o nome de exectosoma.

Os exectosomas de criptomónadas (criptófitas) conteñen dúas estruturas parecidas a fitas conectadas en espiral que manteñen en tensión. Se as células son irritadas por estreses mecánicos, químicos e luminosos, descárganos, propulsando a célula en zigzag lonxe da perturbación. Hai grandes exectosomas, visibles ao microscopio óptico, que están asociados co peto ou invaxinación característica destas células; outros máis pequenos aparecen por toda a célula.

As micobacterias son expulsadas das células hóspede pola acción dun exectosoma baseado na actina. Este mecanismo de escape require un regulador do citoesqueleto do hóspede e mais un sistema de secreción ESX-1 micobacteriano intacto. Os exectosomas aparentemente exercen forza contráctil, formando un septo moi axustado arredor da bacteria. A exección da bacteria fóra da célula ocorre sen que se produza a lise celular do hóspede.Hagedorn, M. et al. Infection by Tubercular Mycobacteria Is Spread by Nonlytic Ejection from Their Amoeba Hosts. Science 27 de marzo de 2009: Vol. 323. no. 5922, pp. 1729 - 1733.

Notas

Categoría:Orgánulos