Piers Gaveston, nado arredor do 1284 e finado o 19 de xuño de 1312, foi un nobre inglés de orixe gascoa, conde de Cornualla e favorito do rei Eduardo II de Inglaterra.

Relación con Eduardo II

Sendo aínda moi novo causou boa impresión no rei Eduardo I de Inglaterra, e foi asignado á casa persoal do seu fillo, Eduardo de Caernarfon. A relación entre o príncipe e Gaveston resultou tan extravagante que Eduardo I tivo que enviar a este último ao exilio, aínda que puido regresar aos poucos meses trala morte do rei. Eduardo II restaurou o título de conde de Cornualla para Gaveston e arranxou o matrimonio deste coa a súa sobriña, Margaret de Clare, irmá do poderoso conde de Gloucester.

O acceso exclusivo de Gaveston ao rei supoñía unha provocación para varios membros da nobreza e, en 1307 o rei foi forzado a envialo de novo ao exilio. Durante a súa ausencia, Gaveston exerceu como Lugartenente do rei en Irlanda. Eduardo conseguiu chegar a un acordo coa oposición e Gaveston puido regresar o ano seguinte. Tralo seu regreso o seu comportamento pasou a ser máis ofensivo e levou a que nas Ordenanzas de 1311 os nobres acordaran exilialo de novo, declarándoo proscrito se regresaba ao país. Cando regresou en 1312, foi capturado e executado por un grupo de magnates dirixidos por Thomas de Lancaster e Guy de Beauchamp, conde de Warwick.

Segundo os cronistas medievais Eduardo II e Piers Gaveston mantiveron unha relación amorosa. Este rumor foi reforzado nas representacións de ambos na ficción, como por exemplo na obra do século XVI de Christopher Marlowe Edward II. A afirmación recibiu o apoio de varios historiadores modernos, mentres que algúns a cuestionan. Segundo Pierre Chaplais, a relación entre ambos homes foi a dunha irmandade adoptiva, na que Gaveston servía como valido do rei. Outros historiadores, como J. S. Hamilton, suxeriron que a preocupación pola sexualidade dos dous homes, non estaba no centro das queixas da nobreza, senón que se entraban máis no acceso exclusivo de Gaveston ao padroado real.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Finados en 1312 Categoría:Nobres de Inglaterra