María Margarita Robles Fernández, nada en León o 10 de novembro de 1956, é unha xuíza e política española, actual ministra de Defensa do Goberno de España.

Traxectoria Filla dun avogado, cursou estudos primarios na escola das Teresianas de León.​ Aos doce anos trasladouse coa súa familia para vivir a Barcelona, cidade na que máis tarde estudou Dereito.​

En 1981, con 25 anos, ingresou na carreira xudicial como número un da súa promoción converténdose na cuarta muller xuíz de España.​ Aos 26 anos o seu primeiro destino como xuíz foi a localidade de Balaguer (Lleida), posteriormente estivo en Sant Feliu de Llobregat (Barcelona) e en Bilbao. Foi a primeira muller en presidir unha Sala do contencioso-administrativo. Foi maxistrada da Audiencia provincial de Barcelona, que presidiu aos 34 anos, sendo a primeira muller en ser presidenta dunha audiencia provincial.​

Próxima ao Partido Socialista Obrero Español (PSOE), en 1993 foi nomeada polo Consello de Ministros subsecretaria do Ministerio de Xustiza de España, a proposta do titular do departamento, Juan Alberto Belloch. Ao tomar posesión do cargo, estableceu como unha das súas prioridades a aplicación de xuízos rápidos no ámbito estatal. Entre 1994 e 1996 foi secretaria de Estado do Ministerio do Interior, converténdose na número dous do ministro de Xustiza e Interior Juan Alberto Belloch na última lexislatura do goberno socialista de Felipe González.​ Foi tamén xuíz do Contencioso na Audiencia Nacional.

De setembro do 2008 a decembro de 2013 foi vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, elixidos por maioría de tres quintos nos plenos do Congreso e o Senado,​ destacando por ser unha das vogais máis activas. Votou a favor da destitución do seu presidente e do Tribunal Supremo Carlos Dívar por mor da polémica xurdida por aceptar invitacións para viaxar a Marbella.​

Robles é membro da asociación Xuíces para a Democracia (JpD), e participa activamente nos congresos e reunións da asociación.

En maio de 2016 deu o salto á política anunciando que sería a número dous da lista do PSOE por Madrid encabezada por Pedro Sánchez, para as eleccións xerais do 26 de xuño.​ Robles solicitara unha excedencia como maxistrada do Tribunal Supremo pero o 19 de maio a Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial acordou nunha rifada decisión por catro votos a tres que a excedencia supón a perda de condición de maxistrada do Supremo.​ Margarita Robles foi unha dos quince deputados que votaron non na segunda sesión de investidura de Mariano Rajoy para a XII lexislatura do Goberno de España o 29 de outubro de 2016.​ O 18 de xuño de 2017, tras o XXXIX Congreso do PSOE, Robles foi elixida como portavoz do grupo parlamentario socialista no Congreso dos Deputados, substituíndo a José Luis Ábalos.

O 7 de xuño de 2018 tomou posesión como ministra de Defensa do goberno de Pedro Sánchez, despois de prosperar a moción de censura contra Mariano Rajoy.

Véxase tamén

Categoría:Nados en León Categoría:Nados en 1956 Categoría:Xuíces de España Categoría:Ministros do Goberno de España da XII Lexislatura Categoría:Ministros de Defensa de España Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIV Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIII Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XII Lexislatura) Categoría:Ministros do Goberno de España da XIV Lexislatura Categoría:Ministros de Asuntos Exteriores de España Categoría:Ministros do Goberno de España da XIII Lexislatura Categoría:Ministros do Goberno de España da XV Lexislatura