Cornes foi a terminal de viaxeiros de Santiago de Compostela até a inauguración da actual estación en 1943.

A primeira estación inaugurouse en setembro de 1873 como unha das dúas cabeceiras da primeira liña de ferrocarril galega: Conxo-O Carril, e consistía nun pequeno edificio de madeira dunha soa planta que se esperaba que fose provisional. Foi construída no desaparecido termo municipal de Conxo, o que motivou que o consistorio santiagués perseguise a anexión deste territorio.

Malia o seu carácter de estación provisional, a estación de madeira mantívose en pé durante case 50 anos, recibindo continuas críticas debido á falta de espazo e ó seu afastamento do centro urbano da cidade. Non foi ata 1920 cando se levantou o edificio actual, de maior tamaño e realizado en cachotaría, ladrillo e formigón.

Coa apertura do traxecto Santiago - A Coruña da liña Zamora - A Coruña en 1943, RENFE estrearía tamén unha nova estación pasante, onde confluiría a nova liña procedente de Ourense - Empalme coa Santiago - Redondela, ficando Cornes así relegada a terminal de mercadorías durante varias décadas até o seu progresivo abandono.

En 2009, xa coa praia de vías levantada desde había anos e reurbanizada, o antigo predio principal da estación de Cornes reabría como Casa das Asociacións, para acubillar actividades veciñais e dependencias municipais.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Estación de Santiago de Compostela

Cornes Categoría:Arquitectura civil en Santiago de Compostela Categoría:Estacións de tren desaparecidas de España