Vendelín Javorka, nado o 15 de outubro de 1882 en Ružomberok (Imperio Austrohúngaro) e finado o 24 de marzo de 1966 en Žilina (República Socialista Checoslovaca), foi un xesuíta greco-católico eslovaco, doutor en Filosofía e reitor do Pontificio Colexio Ruso, participante no apostolado ruso e prisioneiro do gulag.

Traxectoria Naceu o 15 de outubro de 1882 en Černová, hoxe parte de Ružomberok, no territorio de Austria-Hungría (hoxe Eslovaquia). O 4 de agosto de 1903 entrou na Compañía de Xesús, e entre 1906 e 1909 estudou na Facultade de Filosofía da Universidade Comenius en Bratislava, e entre 1912 e 1915 na Universidade de Innsbruck, onde se doutorou. O 15 de agosto de 1915 foi ordenado sacerdote en Innsbruck. Durante a primeira guerra mundial foi capelán do exército austrohúngaro. A partir de 1919 foi profesor no Instituto Pedagóxico de Trnava. Por recomendación do superior dos xesuítas Włodzimierz Ledóchowski se trasladou a Roma, onde pasou a dar clases no Pontificio Instituto Oriental. En 1929 foi nomeado primeiro reitor do Pontificio Colexio Ruso.

En 1934 trasladouse a Harbin para traballar no exarcado apostólico que atendía á comunidade de emigrantes rusos de Manchuria. En 1936 trasladouse a Shanghai, exercendo o seu ministerio na igrexa greco-católica de San Nicolao. En 1939 volveu a Roma, ao Russicum.

En 1941 foi enviado a traballar cos católicos de orixe eslava de Romanía, e serviu nas parroquias greco-católicas de Bucovina e foi superior da misión xesuíta de Chernivtsi. O 19 de xuño de 1944 foi arrestado pola NKVD e sentenciado o 12 de decembro de 1945 a 17 anos de prisión no gulag baixo o artigo 58-6 do Código Penal da RSFS de Rusia, por ser "un axente vaticano chegado á URSS para espiar". Foi enviado ao Temlag da RSSA de Mordovia, e en 1954 foi transferido ao Minlag da RSSA dos Komis. Foi liberado por enfermidade o 9 de xaneiro de 1954, e viviu nunha casa para discapacitados en Vorkuta, e en marzo de 1955 foi trasladado a Potma e posteriormente a Abez. En 1956, por petición do seu irmán, Javorka foi trasladado a Eslovaquia. Finou o 24 de marzo de 1966 en Žilina.

Foi rehabilitado en 1989.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1882 Categoría:Nados en Eslovaquia Categoría:Finados en 1966 Categoría:Xesuítas de Eslovaquia Categoría:Alumnos da Universidade Comenius Categoría:Alumnos da Universidade de Innsbruck Categoría:Profesores do Pontificio Instituto Oriental Categoría:Profesores do Pontificio Colexio Ruso Categoría:Sacerdotes da Igrexa católica bizantina rusa Categoría:Sacerdotes católicos da China Categoría:Sacerdotes católicos de Eslovaquia Categoría:Sacerdotes católicos de Romanía Categoría:Sacerdotes católicos de Rusia Categoría:Sacerdotes católicos de Ucraína