Hassiba Boulmerka (en ), nada en Constantina o 10 de xullo de 1968, é unha exatleta alxeriana de carreiras de media distancia, campioa olímpica de 1500 m nos Xogos Olímpicos de 1992 e campioa mundial en 1991 e 1995. En 1995 foi galardoada co premio Príncipe de Asturias dos Deportes, para o que o xurado tivo en conta as súas cualidades como atleta e tamén os seus valores humanos.

Traxectoria Comezou a facer atletismo aos dez anos, e axiña se especializou nas probas de media distancia. Empezou a participar nalgunhas competicións do seu país e máis tarde a nivel continental.

En 1988 e 1989 gañou os 800 e os 1500 metros nos Campionatos de África que se disputaron na cidade alxeriana de Annaba e en Lagos, respectivamente. Un mes máis tarde participou nos Xogos Olímpicos de Seúl, a súa primeira gran competición internacional, onde participou nos 800 e nos 1500 metros, aínda que non pasou as eliminatorias. Nos anos sucesivos os seus resultados foron mellorando pouco a pouco, e en 1991 chegou a súa consagración, ao gañar a medalla de ouro dos 1500 metros dos Campionatos do Mundo de Toquio. Foi a primeira muller africana que gañaba un título mundial de atletismo. Ese ano acabou segunda no ránking mundial da proba cunha marca 4:00,00 lograda en Zürich pouco antes dos mundiais.

Boulmerka espertou a atención dos medios de comunicación internacionais non só polos seus éxitos deportivos, senón polas ameazas de morteHassiba Boulmerka: Defying death threats to win gold, BBC, 11 de febreiro de 2012. Consultado o 11 de febreiro de 2012. que recibiu de grupos fundamentalistas islámicos do seu país polo feito de correr en pantalón curto e negarse a usar o veo nos actos públicos, o que segundo eles ía en contra da súa relixión. Isto obrigouna a trasladar a súa residencia a Europa, en concreto a Francia.

O seu maior éxito deportivo chegou nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, onde era unha das grandes favoritas e gañou a medalla de ouro nos 1500 metros nunha chegada moi apertada coa rusa Lyudmila Rogachova. O tempo de Boulmerka foi 3:55,30 mellor marca mundial do ano e mellor de toda a súa vida. Foi a primeira medalla de ouro lograda por Alxeria nuns Xogos Olímpicos, e a segunda medalla de ouro lograda por unha atleta musulmá, despois de Nawal El Moutawakel.

Nos dous anos seguintes o seu rendemento baixou bastante, aínda que logrou unha medalla de bronce nos 1500 metros nos Campionatos do Mundo de Stuttgart 1993. Cando parecía que a súa carreira deportiva estaba en declive, deu a sorpresa gañando a medalla de ouro nos Campionatos do Mundo de Gotemburgo 1995, no que era o seu segundo título mundial. Esa foi a súa única vitoria ao longo da temporada, e foi a súa última gran vitoria.

Participou nos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996, mais foi eliminada nas semifinais. Tras non participar nos Campionatos do Mundo de Atenas 1997, a finais desa temporada anunciou a súa retirada do atletismo. Máis tarde foi elixida para a comisión de atletas do Comité Olímpico Internacional.

Trala súa retirada, Boulmerka traballou para promover o deporte entre as mulleres do seu país como unha forma de combater o machismo. Ademais, volveu a Alxeria como muller de negocios.

Resultados AnoCompeticiónLugarPosiciónMarca1989Copa do MundoBarcelona7.ª en 800 m2:00,211991Campionato do MundoTokyo1.ª en 1500 m4:02,211992Xogos OlímpicosBarcelona1.ª en 1500 m3:55,301993Campionato do MundoStuttgart3.ª en 1500 m4:04,291994Copa do MundoLondres1.ª en 1500 m4:01,051995Campionato do MundoGotemburgo1.ª en 1500 m4:02,42

Marcas persoais 800 metros: 1:58,72 (Roma, 17 de xullo de 1991) 1500 metros: 3:55,30 (Barcelona, 8 de agosto de 1992) Tamén tivo o récord de África da milla con 4:20.79, obtido en 1991 en Oslo, durante dezasete anos ata que foi superado pola etíope Gelete Burika, con 4:18.23 en 2008.IAAF, 7 de setembro de 2008: Powell cruises to 9.77 and 9.82 in Rieti – IAAF World Athletics Tour

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Comité Olímpico Internacional Sports Reference Premio Príncipe de Asturias dos Deportes 1995

Categoría:Nados en Constantina Categoría:Nados en 1968 Categoría:Atletas olímpicos de Alxeria Categoría:Mediofondistas Categoría:Medallistas olímpicos en atletismo Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Alxeria Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Premios Princesa de Asturias dos Deportes Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1992 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Personalidades sen imaxes