Simeón I, chamado Simeón o Grande (en búlgaro: Симеон I Велики, Simeon I Veliki, antigo búlgaro: Сѷмєѡнъ А҃ Вєликъ), nado en 864 ou 865 e finado en Preslav o 27 de maio de 927, foi un tsar (emperador) do Primeiro Imperio búlgaro (925-927) e un soberano guerreiro que fixo da súa corte un centro cultural. Educado en Constantinopla, Simeón sucedeu ao seu pai, Boris I, en 893 despois do breve reinado do seu disoluto irmán máis vello, Vladimir.
A súa ambición dominante, que foi ascender ao trono imperial de Bizancio, unha aspiración compartida así mesmo por moitos tsares búlgaros posteriores, conduciu a Simeón a embarcarse en moitas guerras co Imperio bizantino (894, 896, 913, 917, 923). Nunca conseguiu tomar Constantinopla, a pesar de que estivo varias veces á súa mercede, mais tomou para el o título de «tsar de todos os búlgaros» (925) e tamén declarou o Arcebispado autónomo búlgaro como autocéfalo e elevouno á categoría de Patriarcado. Nos Balcáns, estendeu o poder de Bulgaria sobre o sur de Macedonia, o sur de Albania, e Serbia, que se converteron nos seus vasalos; pero o dominio búlgaro ao norte do Danubio perdeuse probablemente durante o seu reinado. Simeón casou dúas veces e deixou catro fillos, dos cales o máis vello do seu segundo matrimonio, Pedro I, o sucedeu.
Primeiros anos e ascenso ao trono Simeón naceu en 864 ou 865, como o terceiro fillo do kniaz (príncipe) Boris I, quen pertencía á dinastía Krum. Debido a que o seu pai cristianizara Bulgaria en 865, Simeón naceu e permaneceu cristián durante toda a súa vida. Nomeando o seu fillo máis vello, Vladimir, como o seu herdeiro natural ao trono búlgaro, Boris quería que o seu fillo máis novo se convertese nun clérigo de alto rango, posiblemente en arcebispo de Bulgaria, e, con este obxectivo, enviouno con trece anos á Universidade de Constantinopla para que recibise unha educación teolóxica. Adoptou o nome de Simeón durante o seu noviciado nun mosteiro da capital imperial. Na década seguinte (ca. 878-888), recibiu unha excelente educación e estudou a retórica de Demóstenes e Aristóteles. Tamén aprendeu a falar fluidamente o grego ata o punto de ser chamado «medio grego» nas crónicas bizantinas. Especúlase que puido estar baixo a tutela do patriarca, Focio, algo que non é posible comprobar en ningunha fonte coñecida.
Arredor de 888, volveu a Bulgaria e estableceuse no acabado de fundar mosteiro real de Preslav «na desembocadura do Tiča», onde, baixo a supervisión de Naum de Preslav, se dedicou á tradución de importantes obras relixiosas do grego ao antigo eslavo eclesiástico (búlgaro antigo) xunto con outros estudantes de Constantinopla. Mentres tanto, Vladimir ascendeu ao trono despois de que o seu pai Boris se retirase a un mosteiro. O novo gobernante intentou reintroducir o tengrianismo no imperio e é posible que tamén asinase un pacto contra os bizantinos con Arnulfo de Carintia, o que obrigou a Boris a saír do seu retiro. Simeón recibiu o trono despois que o seu pai depuxese a Vladimir e ordenase que fose encarcerado e cegado. A súa ascensión foi confirmada nunha asemblea en Preslav que tamén proclamou o búlgaro como a única lingua oficial do estado e da igrexa e trasladou a capital de Pliska a Preslav para consolidar a conversión do país ao cristianismo. Descoñécese por que Boris non colocou o seu segundo fillo, Gabriel, no trono en vez do seu terceiro fillo.
Guerra comercial contra o Imperio bizantino e invasións maxiares Con Simeón no trono, a longa paz cos bizantinos asinada polo seu pai estaba a piques de acabar. Un conflito xurdiu cando o emperador León VI o Sabio, supostamente actuando baixo a presión da súa amante Zoe Zautzina e do seu pai, Estiliano Zautzes, trasladou o monopolio comercial búlgaro de Constantinopla a Tesalónica, onde os comerciantes búlgaros estaban obrigados a pagar pesados impostos. Os comerciantes pediron a axuda do monarca búlgaro, quen reclamou a León mais foi completamente ignorado.
dereita|miniatura|300px|Bulgaria a principios do reinado de Simeón I. No outono de 894, Simeón invadiu o Imperio bizantino dende o norte e atopou pouca resistencia debido a que as tropas bizantinas estaban concentradas en Anatolia oriental para conter as invasións árabes. Informado da ofensiva búlgara, o sorprendido León enviou un exército composto de gardas e outras unidades militares que conseguiu xuntar na capital para detela, pero foi completamente destruído nalgunha parte do thema de Macedonia. Os búlgaros apresaron a maior parte dos gardas, que eran mercenarios xazaros e mataron moitos arcontes, incluído un xeneral. Con todo, tiveron que retirarse apresuradamente para facer fronte a unha invasión dos maxiares no norte de Bulgaria. Estes sucesos foron posteriormente chamados «a primeira guerra comercial na Europa medieval» polos historiadores búlgaros.
Incapaz de responder de forma efectiva á campaña búlgara por causa do posicionamento das súas tropas, os bizantinos convenceron os maxiares para que atacasen Bulgaria prometéndolles a axuda da súa armada para cruzar o Danubio. Tamén puido ser que León VI asinase un acordo con Arnulfo para asegurar que os francos non apoiasen a Simeón contra os maxiares. Ademais diso, o xeneral Nicéforo Focas foi chamado de volta do sur de Italia para dirixir outro exército en 895 coa intención de intimidar os búlgaros. Simeón, sen saber da ameaza do norte, foi ao encontro das forzas de Focas, mais os dous exércitos non chegaron a enfrontarse. En lugar diso, os bizantinos ofreceron unha paz, informando o monarca búlgaro sobre os ataques por terra e por mar bizantinos, mais sen mencionar o planeado ataque maxiar. Simeón, sospeitando, arrestou o emisario bizantino e ordenou que a ruta empregada pola armada bizantina para chegar ao Danubio fose bloqueada con cordas e cadeas ata que puidese facer fronte ás forzas de Nicéforo Focas.
A pesar dos problemas provocados por este bloqueo, os bizantinos finalmente conseguiron axudar os maxiares, liderados polo fillo de Árpád, Liüntika, no seu cruzamento polo Danubio, probablemente nalgún lugar preto da moderna cidade de Galaţi, e axudáronos a saquear as terras búlgaras. Ao descubrir a invasión, Simeón marchou cara ao norte deixando algunhas tropas no sur para evitar un posible ataque por parte de Focas. Os dous encontros que tivo co inimigo no norte de Dobruja resultaron vitorias maxiares e viuse obrigado a retirarse a Drastar. Despois de saquear a maior parte de Bulgaria e chegar ás portas de Preslav, os maxiares regresaron a casa, mais non antes de que Simeón concluíse un armisticio con Bizancio no verán de 895. A paz aínda tería que agardar, pois León VI quería que os prisioneiros bizantinos da guerra comercial fosen liberados.
Campaña contra os maxiares e novas guerras contra os bizantinos 250px|miniatura|O exército de Simeón I derrota os bizantinos comandados por Procopio Crenites e Curtacio o Armenio en Macedonia. Gravado do Madrid Skylitzes. Despois de lidar coa presión dos maxiares e dos bizantinos, Simeón estaba agora libre para formular unha campaña de represalia contra os maxiares. Negociou a creación dunha forza conxunta cos veciños orientais dos maxiares, os pechenegos, e aprisionou o enviado bizantino León Querosfactes para atrasar a liberación dos prisioneiros ata despois da campaña, o que lle permitiría negociar a paz en mellores condicións. Nun intercambio de correspondencia co enviado, o monarca rexeitou liberar os prisioneiros e ridiculizou as habilidades astrolóxicas de León VI.
Empregando a invasión maxiar nas terras eslavas veciñas en 896 como casus belli, finalmente marchou contra os maxiares xunto cos seus novos aliados pechenegos ese mesmo ano, derrotándoos completamente na batalla do Buh meridional. Os maxiares víronse forzados a abandonar Etelköz para sempre e trasladáronse a Panonia. Despois desta vitoria, Simeón finalmente puxo en liberdade os prisioneiros bizantinos a cambio dos búlgaros capturados en 895.
miniatura|200px|esquerda|Os búlgaros derrotan os bizantinos en Bulgarófigo en 896. Gravado do Madrid Skylitzes. Alegando que non todos os prisioneiros foran postos en liberdade, Simeón invadiu novamente o Imperio bizantino no verán de 896 e marchou directamente cara a Constantinopla. Na Tracia bizantina, tivo que enfrontar un exército bizantino reunido apresuradamente, mais aniquilouno na batalla de Bulgarófigo (preto da actual Babaeski, Turquía). Armando prisioneiros árabes e enviándoos a combater contra os búlgaros como unha medida desesperada, León VI conseguiu repelelos de Constantinopla, xa que estaban sitiándoa. A guerra rematou cun tratado a paz que durou ata a morte de León VI en 912 e cuxos termos forzaban a Bizancio a pagar un tributo anual aos búlgaros. O tratado tamén obrigaba os bizantinos a ceder a área entre o mar Negro e Istranca ao Imperio búlgaro. Durante este período, Simeón tamén conseguiu impoñer a súa autoridade sobre Serbia e, á súa vez, recoñeceu a Pedro Gojniković como príncipe.
Porén, o monarca búlgaro frecuentemente violaba os termos do tratado, atacando e conquistando territorios bizantinos en diversas ocasións, como en 904, cando o xeneral bizantino renegado León de Trípoli e os seus árabes aproveitaron a confusión provocada polas incursións búlgaras para lanzar unha campaña marítima e atacar Tesalónica. Despois de que os árabes saqueasen a cidade, Tesalónica convertérase nun albo fácil non só para Bulgaria, senón tamén para os veciños eslavos. Para disuadir a Simeón de capturar a cidade e poboala con eslavos, León VI viuse obrigado a facer novas concesións territoriais aos búlgaros na rexión de Macedonia: todas as terras habitadas polos eslavos alí e en Albania foron cedidas aos búlgaros e a fronteira foi trazada a só 20 km de Tesalónica.
Recoñecemento como emperador miniatura|dereita|300px|O Imperio de Simeón o Grande. Á morte de León VI o 11 de maio de 912 e a ascensión do seu pequeno fillo Constantino VII baixo a tutela do seu tío Alexandre, que expulsou a Zoe Karbonopsina, nai do menor e cuarta esposa de León, do palacio, constituíu unha grande oportunidade para Simeón de intentar outra campaña contra Constantinopla. Na primavera de 913, os seus emisarios que chegaran á capital para renovar a paz de 896 foron expulsados por Alexandre, quen se negou a pagar o tributo anual e lle advirtiu que se preparase para a guerra. Antes de que Simeón puidese atacar, Alexandre faleceu (6 de xuño de 913), deixando o imperio en mans dunha rexencia encabezada polo patriarca de Constantinopla Nicolao I o Místico. Moitos residentes de Constantinopla non recoñeceron o mozo emperador e en cambio apoiaron o pretendente Constantino Ducas, que, exacerbados polas revoltas no sur de Italia e a planeada invasión árabe en Anatolia oriental, unicamente favorecían a Simeón. Nicolao tratou de disuadir a Simeón da súa planeada invasión nunha longa serie de cartas, mais o monarca búlgaro atacou cun grande exército en xullo ou agosto de 913, chegando ás portas de Constantinopla sen enfrontar resistencia e sitiándoa novamente.
Non obstante, a anarquía en Constantinopla cesara despois do asasinato do pretendente Constantino Ducas, e formárase un goberno co patriarca Nicolao á cabeza. Isto instou o búlgaro a levantar o seu asedio e entrar en negociacións de paz, para alegría dos bizantinos. As prolongadas negociacións deron como resultado o pagamento dos tributos atrasados, a promesa de que Constantino VII se casaría cunha das fillas de Simeón e, máis importante, o recoñecemento oficial do monarca búlgaro como emperador polo patriarca Nicolao no palacio de Blanquerna.