O AgustaWestland AW169 é un helicóptero bimotor de 10 asentos desenvolvido e fabricado pola división de helicópteros de Leonardo (anteriormente AgustaWestland, fusionada en Finmeccanica dende 2016). Foi deseñado para utilizar un alto grao de compatibilidade cos máis grandes AgustaWestland AW139 e AgustaWestland AW189.
Desenvolvemento O 19 de xullo de 2010 AgustaWestland anunciou formalmente no Farnborough International Air Show que o AW169 estaba sendo desenvolvido. Segundo a compañía, o AW169 de 4,5 toneladas é un helicóptero lixeiro-intermedio bimotor para operacións utilitarias; para diminuír os custos operacionais potenciais no principio do proceso de deseño tomouse a decisión de compartir moitos elementos e a configuración de cabina do máis grande AgustaWestland AW139. En 2011 o goberno británico proporcionou un préstamo de 33 millóns de dólares para o programa de desenvolvemento do aparello. En 2012 a Unión Europea aprobou un préstamo por 19 anos de 272 millóns de euros sen intereses do goberno italiano para que AgustaWestland financiase o desenvolvemento do AW169.
O 10 de maio de 2012 o primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea. O programa de probas foi levado a cabo por un total de catro prototipos; o segundo e o terceiro uníronse ao programa de probas en 2012 e o cuarto en 2013. AgustaWestland anticipou que o AW169 recibiría o seu certificado de voo no ano 2014, e planeaba que os exemplares de produción entrasen en servizo en 2015. O 15 de xullo de 2015 a Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) emitiu a súa certificación para o AW169.
En novembro de 2015 un prototipo foi enviado a varios lugares de California para probas de voo a baixa e grande altitude para conseguir a certificación da Federal Aviation Administration (FAA) estadounidense. En febreiro de 2016 o AW169 obtivo a certificación da FAA, permitindo as entregas do modelo posteriormente nese mesmo ano.
En 2012 AgustaWestland dixo que estaba planeando producir o AW169 nas súas instalacións de Yeovil, Inglaterra; o deseño e fabricación de varios compoñentes como as palas do rotor, caixas de cambios, e o centro de conexións do rotor de cola realizounos a rama británica de AgustaWestland. En xaneiro de 2015 comezou a montaxe do primeiro AW169 de produción na fábrica de AgustaWestland en Vergiate, Italia; o modelos iniciais foron fabricados nese lugar. En 2015 tamén comezou a fabricación nunha segunda liña en Filadelfia, Estados Unidos; planeouse aumentar a taxa de produción na planta estadounidense ata os 20 aparellos por ano en 2017. Porén, en outubro de 2016 anunciouse que Leonardo, a nova marca de AgustaWestland, decidira abandonar os traballos de fabricación do tipo nos Estados Unidos.
Notas
Categoría:Helicópteros Categoría:Aeronaves de AgustaWestland Categoría:Aeronaves co primeiro voo en 2012