Léon Korkoruny,Tamén Korkoruni, Korckoruni , Ghevont Horhorouni, Léonce Horhorouni. nado en Perkinik o 20 de xuño de 1822 e finado c. 10 de setembro de 1897, foi un eclesiástico católico armenio, arcebispo de Malatya dende 1861 até o seu pasamento, e padre conciliar no Concilio Vaticano Primeiro.
Traxectoria Naceu en Perkinik o 20 de xuño de 1822. Foi profesor no seminario patriarcal de Bsumar, no Líbano, e alí traduciu ao armenio as obras de santo Afonso María de Ligorio; a intensa actividade deses anos minguou a súa saúde. Co cisma de Kupelian foi envelenado, e cando os cismáticos tomaron o control de Bsumar foi encerrado.
Korkoruny combateu o cisma entre os armenios, mais foi denunciado ante as autoridades como inimigo dos turcos, e logo de refuxiarse nas montañas do Líbano, fuxiu a Roma tomando un barco en Constantinopla. Á súa volta conseguiu unha audiencia ante o sultán, quen anulou as ordes de arresto e lle permitiu exercer o seu ministerio entre os armenios católicos. Por orde patriarcal, trasladouse a Malatya, e comezou unha misión nunha rexión na que restaban na década de 1860 poucos vestixios do catolicismo.
Malia a oposición dos partidarios do cisma, Korkoruny comezou a ter cada vez mais partidarios. Con grandes esforzos, chegou a construíu unha nova igrexa na vila. A ausencia dunha persoa con autoridade ante os representantes civís levou aos fieis a pedir ao patriarca que fixera de Malatya sé episcopal.
Elixido polo pobo como bispo, Korkoruni tentou evitar o cargo. Porén, finalmente o patriarca Gregorio Pedro VIII aceptou a petición popular, e nomeou a Korkoruni arcebispo de Malatya. Korkoruni finalmente aceptou, e o 27 de febreiro comezou a súa viaxe á sé patriarcal no Monte Líbano, onde recibiu a consagración episcopal o 7 de abril de 1861 de mans do patriarca Gregorio Pedro VIII, tendo como co consagrantes ao arcebispo de Cesarea de Capadocia Giovanni Hagian e ao arcebispo de Xerusalén Michel Alexandrian.
O 17 de xuño de 1867 foi nomeado prelado asistente ao trono pontificio. Foi padre conciliar no Concilio Vaticano Primeiro. Finou no cargo c. 10 de setembro de 1897.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1822 Categoría:Nados na provincia de Sivas Categoría:Finados en 1897 Categoría:Arcebispos da Igrexa católica armenia Categoría:Bispos católicos do século XIX Categoría:Bispos católicos de Turquía Categoría:Tradutores ao armenio Categoría:Participantes no Concilio Vaticano Primeiro