Manuel Vicente García, é un químico e divulgador científico galego.

Traxectoria En 1996 licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse pola mesma universidade en setembro de 2004 coa tese Macrociclos [1+1] derivados da tren e os seus complexos metálicos, dirixida por Rufina Bastida de la Calle e Alejandro Alberto Macías Luaces.Química organometálica: ciclometalación, na páxina web da USC. Desde 2005 é máster en Comunicación Científica, Médica e Medioambiental pola Universidade Pompeu Fabra.

Desde outubro de 2006 é o director e presentador do programa de divulgación científica Efervesciencia da Radio Galega. O primeiro programa foi emitido o 22 de outubro de 2006, titulouse Hipótese e nel falouse sobre se é posíbel comunicar ciencia na radio. Durante 2017 o programa superara as 50 000 descargas en liña.

En 2010 e 2011 Manuel Vicente participou no asesoramento científico e na guionización do programa Conexións da Televisión de Galicia, presentado pola xornalista Iolanda Vázquez. O programa duraba arredor de trinta minutos e constaba dunha entrevista a un científico e de seccións de diferentes temáticas presentadas polo biólogo e divulgador científico Xurxo Mariño, o actor Vicente de Souza, o informático e blogueiro Javier Pedreira «Wicho» e o director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña Ramón Núñez Centella.

Entre decembro de 2015 e xaneiro de 2016 participou como presentador no programa da Televisión de Galicia Éche Así. O programa ía dirixido a un público familiar, achegando conceptos de ciencia e tecnoloxía a aspectos da vida cotiá, empregando para iso o humor, a maxia e outros elementos discursivos semellantes.

É membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (DivulgACCIÓN) desde a súa fundación en abril do 2011 e foi o seu primeiro presidente. É un dos creadores e organizadores das charlas de divulgación científica e pensamento crítico Escépticos no Pub Compostela. É un dos creadores e organizadores do proxecto Regueifas de Ciencia, unha actividade de debates na Universidade de Santiago de Compostela na que se busca expor e dar a coñecer os argumentos das distintas posicións ao redor de temas como a eutanasia, a enerxía nuclear ou as modificacións xenéticas en humanos.

Premios

O seu traballo en Efervesciencia recibiu en dúas ocasións o Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación da Xunta de Galicia (segundo premio na edición de 2008, e o primeiro en 2009), e o Prisma da Casa das Ciencias de divulgación científica en 2013. Participou no proxecto “Efervesciencia na Praia” que mereceu o premio Ciencia en Acción 2009.

En 2018 gañou o III Premio Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación pola reportaxe “Ondas gravitacionais que soan en galego”, publicada o 12 de marzo de 2018 no Diario Cultural"Manuel Vicente García III Premio Galicia de Xornalismo Científico" , na páxina web da RAGC, 26 de xullo de 2018..

Foi xurado dos Premios Prisma da Casa das Ciencias da Coruña en 2015 e dos Premios da Crítica de Galicia en 2017.

En 2024 foi Premio da Crítica Galicia, modalidade Iniciativas culturais e científicas.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Aquelando

Categoría:Nados en Galicia Categoría:Nados en 1973 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Pompeu Fabra Categoría:Químicos de Galicia Categoría:Personalidades da Radio Galega