As etiquetas proteicas son secuencias peptídicas que se insiren xeneticamente nunha proteína recombinante, que poden ter tamaño de proteína ou de péptido. Estas etiquetas adoitan ser eliminables por axentes químicos ou por encimas, como por proteólise ou empalme de inteínas. As etiquetas únense a proteínas con varios propósitos.

As chamadas etiquetas de afinidade poden ser unidas a proteínas para que estas poidan purificarse dunha fonte biolóxica en cru usando unha técnica de afinidade. Entre estas están a proteína de unión á quitina (CBP), a proteína de unión á maltosa (MBP), o Strep-tag e a glutatión-S-transferase (GST). Unha etiqueta proteica moi usada é a etiqueta de poli(His), que se une a matrices con ións metálicos.

As denominadas etiquetas de solubilización utilízanse especialmente para proteínas recombinantes expresadas en especies deficientes en chaperonas, como Escherichia coli, para axudar ao correcto pregamento das proteínas e evitar que precipiten. Entre estas están a tiorredoxina (TRX) e a poli(NANP). Algunhas etiquetas de afinidade teñen un papel dobre como axentes de solubilización, como a MBP e GST.

As coñecidas como etiquetas de cromatografía utilízanse para alterar as propiedades cromatográficas das proteínas para ofrecer diferentes resolucións nunha determinada técnica de separación. A miúdo constan de aminoácidos polianiónicos como no caso da FLAG-tag.

As chamadas etiquetas de epítopo son curtas secuencias peptídicas que se elixen porque os anticorpos de alta afinidade poden producirse fiablemente en moitas especies diferentes. Estes dierivan xeralmente de xenes virais, o que explica a súa alta inmunorreactividade. Entre as etiquetas de epítopos están V5-tag, Myc-tag, HA-tag, Spot-tag e NE-tag. Estas etiquetas son especialmente útiles en experimentos nos que se aplican as técnicas do western blot, inmunofluorescencia e inmunoprecipitación, aínda que tamén se usan para a purificación de anticorpos.

As etiquetas de fluorescencia utilízanse para poder facer unha lectura visual dunha proteína. A proteína fluorescente verde GFP e as súas variantes son as máis comunmente utilizadas como etiquetas de fluorescencia. Entre as aplicacións máis avanzadas da GFP está o seu uso como reporteiro de pregamento (hai fluorescencia se está pregado ou é incolora se non).

As etiquetas proteicas poden permitir a modificación encimática específica (como a biotinilación pola biotina ligase) ou a modificación quuímica (como a reacción con FlAsH-EDT2 para obter imaxes con fluorescencia). A miúdo combínanse as etiquetas para conectar as proteínas a outros múltiples compoñentes. Porén, coa adición de cada etiqueta hai un risco asociado de que a función nativa da proteína poida ser abolida ou comprometida pola interacción coa etiqueta. Por tanto, despois da purificación, as etiquetas son ás veces eliminadas por proteólise específica (por exemplo pola protease TEV, a trombina, o Factor Xa ou a enteropeptidase).

Lista de etiquetas proteicas (Ver aminoácido proteinoxénico para os códigos dunha letra (A-Z) dos aminoácidos).

Etiquetas de péptidos

AviTag, un péptido que permite a biotinilación polo encima BirA e así a proteína pode ser illada pola estreptavidina (GLNDIFEAQKIEWHE). Etiqueta de calmodulina, un péptido que se une á proteína calmodulina (KRRWKKNFIAVSAANRFKKISSSGAL). Etiqueta de poliglutamato, un péptido que se une eficientemente a unha resina de intercambio iónico como Mono-Q (EEEEEE). E-tag, un péptido recoñecido por un anticorpo (GAPVPYPDPLEPR). FLAG-tag, un péptido recoñecido por un anticorpo (DYKDDDDK). HA-tag, un péptido da hemaglutinina recoñecido por un anticorpo (YPYDVPDYA). His-tag, de 5 a 10 histidinas unidas a un quelato de níquel ou cobalto (HHHHHH). Myc-tag, un péptido derivado de c-myc recoñecido por un anticorpo (EQKLISEEDL). NE-tag, un novo péptido sintético de 18 aminoácidos (TKENPRSNQEESYDDNES) recoñecido por un anticorpo monoclonal IgG1, que é útil nunha ampla gama de aplicacións, como o western blot, ELISA, citometría de fluxo, inmunocitoquímica, inmunoprecipitación e purificación de afinidade de proteínas recombinantes. S-tag, un péptido derivado da ribonuclease A (KETAAAKFERQHMDS). SBP-tag, un péptido que se une á estreptavidina (MDEKTTGWRGGHVVEGLAGELEQLRARLEHHPQGQREP). Softag 1, para a expresión en mamíferos (SLAELLNAGLGGS). Softag 3, para a expresión procariótica (TQDPSRVG). Spot-tag, un péptido recoñecido por un nanocorpo (PDRVRAVSHWSS) para a inmunoprecipitación, purificacion de afinidade, inmunofluorescencia e microscopia de super-resolución. Strep-tag, un péptido que se une á estreptavidina ou á estreptavidina modificada chamada estreptactina (Strep-tag II: WSHPQFEK). TC tag, unha etiqueta de tetracisteína que é recoñecida por FlAsH e compostos biarsénicos ReAsH (CCPGCC). Ty tag (EVHTNQDPLD). V5 tag, un péptido recoñecido por un anticorpo (GKPIPNPLLGLDST). VSV-tag, un péptido recoñecido por un anticorpo (YTDIEMNRLGK). Xpress tag (DLYDDDDK).

Etiquetas de péptidos covalentes

Isopeptag, un péptido que se une covalentemente á proteína pilina pilina-C (TDKDMTITFTNKKDAE). SpyTag, un péptido que se une covalentemente á proteína SpyCatcher (AHIVMVDAYKPTK). SnoopTag, un péptido que se une covalentemente á proteína SnoopCatcher (KLGDIEFIKVNK). SnoopTagJr, un péptido que se une covalentemente a DogTag, mediado pola SnoopLigase (KLGSIEFIKVNK). DogTag, un péptido que se une covalentemente a SnoopTagJr, mediada por SnoopLigase (DIPATYEFTDGKHYITNEPIPPK).

Etiquetas proteicas

BCCP (proteína transportadora de carboxilos da biotina ou Biotin Carboxyl Carrier Protein), un dominio proteico biotinilado polo BirA que permite o recoñecemento pola estreptavidina. Etiqueta de glutatión-S-transferase, unha proteína que se une ao glutatión inmobilizado. Etiqueta de proteína fluorescente verde, unha proteína que é espontaneamente fluorescente e pode unirse a nanocorpos. HaloTag, unha haloalcano deshaloxenase bacteriana mutada, que se une covalentemente a substratos haloalcanos. SNAP-tag, unha ADN metiltransferase eucariota mutada, que se une covalentemente a derivados da bencilguanina. CLIP-tag, unha ADN metiltransferase eucariota mutada que se une covalentemente a derivados da bencilcitosina. Etiqueta de proteína de unión á maltosa, unha proteína que se une á agarosa amilosa. Nus-tag. Etiqueta de tiorredoxina. Etiqueta Fc, derivada do dominio Fc de inmunoglobulina, que permite a dimerización e solubilización. Pode usarse para a purificación da Proteína-A Sefarosa. Etiquetas deseñadas intrinsicamente desordenadas que conteñen aminoácidos que promoven a desorde (P,E,S,T,A,Q,G,..). Etiqueta de Dominio de recoñecemento de carbohidratos ou CRDSAT (Carbohydrate Recognition Domain-tag), unha proteína que se une á agarosa lactosa ou sefarosa.

Aplicacións Purificación de afinidade Matriz de proteínas Western blot

Notas

Categoría:Bioloxía molecular Categoría:Métodos bioquímicos Categoría:Proteínas Categoría:Técnicas de bioloxía molecular Categoría:Secuencias peptídicas