O voo 8501 de Indonesia AirAsia era un servizo regular internacional de pasaxeiros operado por Indonesia AirAsia, unha afiliada do grupo AirAsia, dende Surabaya, Indonesia, ata Singapur. O 28 de decembro de 2014 o Airbus A320 que operaba a ruta esnafrouse no mar de Xava, matando aos seus 162 ocupantes. Despois de que rematasen as operación de busca no mes de marzo de 2015 só se recuperaran 106 corpos.
En decembro de 2015, o Comité Nacional de Seguridade no Transporte indonesio (KNKT) publicou un informe concluíndo que un fallo non crítico no sistema de control do temón levou ao capitán a realizar un reinicio non estándar dos ordenadores de control de voo. Posteriormente perdeuse o control do aparello, resultando nunha entrada en perda e un descenso incontrolado cara ao mar. A falta de comunicación entre os dous pilotos foi citada como un factor que contribuíu ao accidente.
Avión O aparello era un Airbus A320-216, con número de serie 3648 e rexistro PK-AXC. Voara por vez primeiro o 25 de setembro de 2008, e fora entregado a AirAsia o 15 de outubro dese ano. O avión tiña seis anos e acumulara unhas 23 000 horas de voo nuns 13 600 ciclos. Pasara o seu mantemento máis recente o 16 de novembro de 2014. O avión estaba equipado con dous motores CFM International CFM56-5B6 e estaba configurado para levar 180 pasaxeiros.
Accidente O voo 8501 era un servizo regular dende Surabaya, Xava ata Singapur o domingo 28 de decembro de 2014. O avión agardaba saír do aeroporto de Juanda ás 05:20 WIB (UTC+7) e chegar ao aeroporto de Singapur ás 08:30 SST (UTC+8). O voo 8501 engalou ás 05:35. Indonesia AirAsia non tiña permiso do Ministerio de Transporte de Indonesia para operar a ruta os domingos.
Tras a saída o voo 8501 estaba en contacto co centro de control aéreo da área de Iacarta, que proporciona servizo de control de tráfico aéreo (ATC) no oeste do mar de Xava, e voou pola ruta aérea M635, cando se aproximou a unha liña de tormentas eléctricas na costa suroeste de Borneo. Ás 06:12 o voo 8501 estaba voando a un nivel 320, uns 32 000 pés, cando a tripulación solicitou e recibiu o permiso de desviarse á esquerda do seu curso orixinal para evitar as tormentas. O piloto solicitou entón subir ata o nivel de voo 380, o que foi aprazado polo ATC debido a que había outros avións na zona. AirNav Indonesia, que opera o centro de control da área de Iacarta, informou que o centro autorizou entón ao voo Flight 8501 voar ao nivel 340 ás 06:14, pero non recibiu ningunha resposta; solicitóuselles a outros avións na zona que contactasen co voo 8501, pero estes tampouco obtiveron resposta.
Entre as 06:17:00 e as 06:17:54, o avión trepou de 32 000 a 37 000 pés (9 800 a 11 300 m), superando unha taxa de subida de 10 000 pés por minuto. O gravador de datos de voo (FDR), amosou o aparello a 35 500 pés (10 800 m), e aínda subindo, a 159 nós (294 km/h), por debaixo da velocidade de perda para o peso do avión a esa altitude. O Ministro de Transporte de Indonesia interpretou o aparente comportamento do avión a súa maior altitude como unha perda aerodinámica, cando comezou a descender ás 06:17:54, caendo 1 000 pés (300 m) en seis segundos e 8 000 pés (2 400 m) en 31 segundos. O avión tamén comezou a virar cara a esquerda, realizando polo menos un xiro completo antes de desaparecer do radar ás 06:18:44. A súa derradeira posición rexistrada foi sobre o mar de Xava, no estreito de Karimata entre as illas de Belitung e Kalimantan, zona na que acabou esnafrándose. A gravadora de voces da cabina capturou múltiples avisos, incluído un aviso de perda, soando durante os últimos minutos do voo. Non se enviou ningún sinal de socorro dende o avión. As operacións de busca e rescate foron activadas pola Axencia Nacional de Busca e Salvamento de Indonesia (Basarnas) dende a súa oficina de Pangkal Pinang.
Notas
Indonesia AirAsia 8501 Categoría:Accidentes e incidentes de Airbus A320 Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2014