Guajara ou Guaxara é o nome dunha muller guanche, personaxe do poema épico Antigüedades de las Islas Afortunadas de Antonio de Viana.

Traxectoria A única referencia da existencia deste personaxe débeselle ó poeta tinerfeño Antonio de Viana, quen publica a súa obra en 1604. Neste relato, Guajara é retratada ao principio como amante de Tinguaro, irmán do rei ou mencey Bencomo de Taoro, e como unha das amigas da infanta Dácil. Así mesmo, o autor indica que Guajara posúe dereitos á herdanza do reino de Anaga.

Á chegada dos conquistadores casteláns en 1494 ó mando do capitán Alonso Fernández de Lugo, o mencey de Anaga Beneharo promete a Tinguaro a man da súa filla Guacimara e a herdanza do seu reino se sae vitorioso na batalla. Celosa polo interese de Tinguaro en alcanzar a recompensa, Guajara manipula a Ruymán, sobriño de Tinguaro e amante de Guacimara, para que evite o matrimonio prometido. Finalmente, despois da fuxida de Ruymán e Guacimara, Bencomo obriga a Tinguaro a casar con Guajara, entregándolles tamén o goberno de Anaga. Porén, Tinguaro morre pouco despois na batalla de La Laguna, deixando á súa muller desconsolada.

Autores posteriores complementan a lenda de Guajara facéndoa tolear pola perda do seu amante ou por crelo en brazos de Guacimara, e optando por vagar pola illa ata que decide acabar coa súa vida botándose dende o alto dunha montaña, que por ela tomou o nome. Porén, os historiadores modernos consideran que foi ao revés, sendo Viana quen utilizou o topónimo dunha das montañas da contorna das Cañadas do Teide —Montaña Guajara— para nomear ó seu personaxe.

Para o médico-historiador Juan Bethencourt Alfonso, Guajara e Tinguaro tiveron cinco fillos que ó bautizarse tomaron os nomes de Ana Hernández Pérez, Pedro Hernández, Francisca Pérez, Inés Pérez e Juana Pérez.

Notas

Categoría:Conquista das Illas Canarias