Eleanora Derenkowsky (en ), nada en Kíiv o 29 de abril de 1917 e finada en Nova York o 13 de outubro de 1961, foi unha directora de cinema, bailarina, coreógrafa, poeta e escritora ucraína nacionalizada estadounidense, coñecida como Maya Deren. Foi unha das principais realizadoras de cine experimental dos anos 40. Está considerada a nai do cinema underground, surrealista e de vangarda nos Estados Unidos. Os seus filmes inspíranse na psicanálise e no surrealismo. A súa obra Meshes of the Afternoon, premiada no Festival Internacional de Cannes, está considerada un dos filmes experimentais máis importantes e influentes do século XX. A curtametraxe de carácter feminista explora as imaxes do interior dunha muller, que nos seus soños ten un terror cara aos obxectos da súa vida cotiá.
Traxectoria Primeiros anos e educación Maya Deren naceu en Kíiv, Ucraína. En 1922 despois dunha serie de pogromos antisemitas e polas simpatías do seu pai por Lev Trotski, a familia voou a Syracuse, Nova York. O pai acurtou o nome familiar a "Deren" pouco tempo despois de chegar a Nova York. Uniuse ao corpo de psiquiatras no “State Institute for the Feeble-Minded” en Syracuse. A súa nai mudouse a París para estar coa súa outra filla, mentres ela asistía á “League of Nations School” en Xenebra, Suíza dende 1930 ata 1933. En 1928, fíxose cidadá dos Estados Unidos de América.
Deren comezou os seus estudos de grao na Universidade de Syracuse, onde se uniu á “Trotskyist Young People's Socialist League”. A través da liga de mozos socialistas coñeceu a Gregory Bardacke, con quen casou aos 18 anos. Despois de graduarse en 1935 mudouse á cidade de Nova York. Ela e o seu esposo apoiaron varias causas socialistas na cidade. Graduouse da Universidade de Nova York. En 1939 divorciouse. Comezou estudos de mestría en literatura inglesa na New School for Social Research e completounos no Smith College.
Despois de graduarse no Smith, Deren regresou á New York’s Greenwich Village onde traballou como secretaria free-lance. En 1941 converteuse na secretaria persoal da coreógrafa Katherine Dunham e ao final dunha xira a compañía de danza detívose en Hollywood. Aí foi onde Deren coñeceu a Alexandr Hackenschmied, un fotógrafo e camarógrafo checo moi coñecido, quen se converteu no seu segundo esposo en 1942 e con quen compartiu a dirección dalgunhas das súas obras como directora cinematográfica.
Cinema A autora definía as súas propias obras co termo "filmes de cámara", posto que aspiraban a chegar a un público non moi amplo, a un público intimista. Non aspiraban a exhibirse nos grandes cines, pero tampouco á marxinalidade. Os seus circuítos eran as universidades, museos etc., todo o que estaba en mans da arte pero ao que o cinema non accedera aínda.
En 1943, adoptou o nome de Maya Deren e nese mesmo ano comezou a facer unha película con Marcel Duchamp, The Witche's Cradle, a cal nunca se terminou, mais están dispoñibles as partes gravadas sen editar. Nese momento o seu círculo social incluía a André Breton, Duchamp, John Cage e Anaïs Nin.
O segundo filme que realizou foi At Land en 1944. Fixo tamén A Study in Choreography for the Camera en 1947. Ritual of Transfigured Time é o filme máis parecido en forma narrativa a Meshes in the Afternoon que neste caso explora o medo ao rexeitamento e a liberdade da expresión nun ritual de depuración.
En 1946 foi galardoada coa bolsa Guggenheim pola súa creatividade fílmica converténdose na primeira muller do mundo en recibir dita bolsa para filmar con total liberdade.
En 1947 gañou tamén o Gran Premio Internacional por un filme en 16mm experimental por Meshes in the Afternoon no Festival Internacional de Cine de Cannes. Codirixido co seu marido, Alexander Hammid, a peza influíu especialmente en directores como Jean Cocteau, Luis Buñuel ou David Lynch. O filme foi adquirido polo MoMA de Nova York.
O filme Meditation on Violence foi realizado en 1948. Chao Li Chi foi o artista marcial que se encargou da acción, a cal é unha demostración de artes marciais chinesas que só é tocada unha vez na montaxe para engadir un salto do artista marcial a outro plano onde aparece máis ataviado e cunha espada. Este foi o primeiro filme de Deren que utiliza elementos da cultura afro-haitiana incluíndo dentro da música algúns tambores de Haití acompañados de frautas chinesas. Resulta moi interesante como precedente directo do que hoxe adoita chamarse world music.
En 1958 Deren en equipo coa Metropolitan Opera Ballet School creou The Very Eye of Night, o seu último filme concluído, onde un grupo de bailaríns se moven ao estilo de deuses gregos sobre un fondo de estrelas, aparentando estar libres da forza da gravidade.
Deren distribuía os seus propios filmes e promovíaos a través de clases e relatorios nos Estados Unidos, Canadá e Cuba. Tamén actuaba, montaba, escribía e dirixía as súas propias películas. A través da década dos 40 e os 50, Deren atacou a Hollywood polo seu monopolio artístico, político e económico sobre o cinema estadounidense. Dicía: "Fago os meus filmes co que Hollywood gasta en pintura de beizos", e queixábase de que Hollywood "foi un grande obstáculo para que o cinema se definise e desenvolvese como unha forma de arte creativa e fina". A súa posición sempre foi de oposición aos estándares e ás prácticas da industria fílmica de Hollywood. Deren fundou a Creative Film Foundation, fundación que xunto á colaboración con Cinema 16, dende 1956 ata 1961, se dedicou a premiar o traballo de cineastas independentes.
Deren tiña un grande interese polo vodú e grazas á bolsa Guggenheim puido financiar unha viaxe a Haití. Dunham, a directora da compañía de danza onde traballara anos atrás, realizara a súa tese sobre os bailes haitianos, o que influíu claramente nos intereses de Deren, quen non só filmou varias horas de rituais de vodú, senón que comezou a participar neles e adoptou a relixión. O seu libro Divine Horsemen: The Living God´s of Haiti e as súas horas de gravación documental foron organizadas e editadas vinte anos despois da morte de Maya polo seu terceiro marido, Teiji Itō e a súa esposa Cherel Itō.
Maya Deren tamén era escritora. O seu libro máis destacado foi Anagrama no que dá claves sobre a filosofía do seu cinema, de como todas as pezas teñen unha importancia fundamental no resultado.
Morte Deren morreu en 1961 á idade de 44 anos dun derramo cerebral causado por unha desnutrición avanzada. A súa condición tamén foi agravada polas anfetaminas que tomaba dende que comezou a traballar con Dunham en 1941, prescritas polo doutor Max Jacobson quen foi investigado por The New York Times por desenvolver adicción e dependencia ás drogas nos seus pacientes e foille retirada a licenza en 1975. Deren tamén estaba a tomar xunto coas anfetaminas algunhas pastillas para durmir, isto axuntado a un precedente de hipertensión familiar. Foi incinerada e as súas cinzas foron esparexidas no monte Fuji, no Xapón.
Influencias Está considerada como a nai do cinema underground nos Estados Unidos. O significativo da súa achega é que toda a súa carreira correu en paralelo á apertura de novas vías para o cine de vangarda. A súa obra serviu de bisagra entre as artes plásticas e o cinema. Maya Deren foi a primeira directora de cine estadounidense que visitou institutos e universidades para dar a coñecer o cinema experimental. Para comprender o conxunto da súa obra, é necesario considerar os tres alicerces fundamentais da súa formación artística:
En primeiro lugar, dende 1941 formouse coa bailarina, coreógrafa e antropóloga Katherine Dunham, que popularizou as danzas afrocubanas e afrocaribeñas e escribiu unha tese sobre as danzas de Haití. Maya Deren analizou e filmou durante tres anos o seu traballo en Haití. En segundo lugar, a influencia de Galka Scheyer, marchante de arte e profesora. Ela foi quen introduciu a Maya Deren en certos elementos da psicanálise jungiana e inspirouna no traballo de certos arquetipos universais: o mar, a mitoloxía grega, referencias ao corpo humano... A terceira influencia de Deren foi o cineasta de orixe checa Alexander Hammid, o seu segundo marido, quen a introduciu nas técnicas cinematográficas.
Filmografía O seu filme máis salientable é Meshes of the Afternoon de 1943, codirixido co seu entón esposo, Alexander Hammid. Nela parte do onírico no cine e a pintura europea e fai da muller a protagonista, interpretada por ela mesma. Ano Título Formato Duración Elenco Notas 1943 Meshes of the Afternoon16 mm14 minutosMaya Deren, Alexander HammidCodirixido con Alexander Hammid; B&N; música de Teiji Itō engadida en 1959 1943 The Witch's Cradle16 mm13 minutosMarcel Duchamp, Pajorita MattaB&N; inacabado 1944 At Land16 mm15 minutosJohn Cage, Maya Deren, Alexander HammidB&N 1945 A Study in Choreography for Camera16 mm3 minutosTalley BeattyB&N 1946 Ritual in Transfigured Time16 mm14 minutosRita Christiani, Maya DerenB&N; mudo 1947 The Private Life of a Cat16 mm29 minutosColaboración con Alexander Hammid 1948 Meditation on Violence16 mm13 minutosChao-Li ChiMúsica de Teiji Itō 1949 Medusa16 mm10 minutosJean ErdmanInacabado 1951 Ensemble for Somnambulists16 mm7 minutosObra da Toronto Film Society; inédito 1958 The Very Eye of Night16 mm15 minutosAntony Tudor (coreógrafo)En colaboración coa Metropolitan Opera Ballet School; axudante de dirección: Harrison Starr III; música de Teiji Itō 1959 Season of Strangers16 mm58 minutosTamén coñecido como Haiku Film Project; inacabado 1985 Divine Horsemen: The Living Gods of Haiti16 mm52 minutosJohn Genke (voz), Joan Pape (voz)Fotografía orixinal rodada por Deren (1947–1954); reconstrución de Teiji e Cherel Itō
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Videoartworld: The Masters Series
Categoría:Nados en Kíiv Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 1961 Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Poetas dos Estados Unidos de América Categoría:Directores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Bailaríns Categoría:Coreógrafos