Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936), unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931. pp. 101-110

Xestación miniatura|O mártir na fachada da capela do Convento de S. Paio de Antealtares, que puido servir de inspiración para o branco galán do poema "Danza da lúa". Galicia, a súa cultura e as súas paisaxes, entraron a formar parte da vida e das lembranzas de Lorca dende a súa primeira visita en 1916. En 1917 escribiu nun artigo: «Compréndese, vendo a paisaxe de Galicia, o carácter triste dos seus habitantes e a súa música, que di de penas, de amores, de imposibles». Ó repertorio de cancións que tocaba e cantaba nos concertos íntimos que ofrecía ós seus amigos incorporáronse cantigas, romances e cancións do folclore galaico-portugués. Era admirador da obra de Rosalía de Castro, e coñecía ben a de Valle-Inclán. Na súa conferencia sobre Góngora («La imagen poética de don Luis de Góngora», 1926) demostraba ter coñecemento dos tres cancioneiros que recollen case a totalidade da produción lírica galaicoportuguesa entre os séculos XII e XIV: o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancuti e o Cancioneiro da Ajuda. En 1928, na súa conferencia «Las nanas infantiles», aparece de novo o seu interese polas cancións populares de Galicia e refírese a unha cuestión que lle chama a atención: a presenza de numerosas cancións de procedencia galega e asturiana en Granada, froito da colonización da Alpujarra ó final da Reconquista, tema sobre o que volveu incidir en distintas ocasións. miniatura|Ernesto Guerra da Cal e Lorca en Madrid en 1934. Lorca tiña en Madrid varios amigos galegos: o musicólogo Jesús Bal y Gay, os poetas Eugenio Montes e Serafín Ferro e o mozo Ernesto Guerra da Cal (Ernesto Pérez Guerra), quen exerceu unha maior influencia sobre Lorca. Nacionalista galego, Pérez Guerra fascinaba a Lorca «pola súa prestancia física, pola súa vitalidade, pola súa intelixencia e pola paixón coa que falaba de Galicia e cantaba cancións galegas».

En 1932, de volta en Galicia, Lorca estaba preparado para o reencontro cun país que, segundo o seu biógrafo Ian Gibson, non «deixara de subxugalo dende lonxe». O seu entusiasmo durante a súa visita a Santiago de Compostela non coñecía límites. Tres meses despois, montouse o taboado da compañía La Barraca na pequena praza da Quintana, que el chamaba a «praza-butaca», o lugar onde fai danzar á lúa na súa «Danza da lúa en Santiago»:

A finais de outono de 1932 a revista Yunque publicou o «Madrigal á cibdá de Santiago» no seu número de decembro, que saíu á venda o día 6 do mes. De alí tomárono ese mesmo mes El Pueblo Gallego de Vigo, a revista Resol de Santiago e o xornal El Sol de Madrid. miniatura|Lorca cuns amigos en Betanzos, en 1932. En 1933 Pérez Guerra presentou a Lorca a Eduardo Blanco Amor, quen dous anos despois se encargou da publicación dos Seis poemas galegos. Malia a grande admiración de Blanco Amor cara ó poeta granadino a súa relación non foi estreita aínda que, en palabras de Gibson, tivo os seus «momentos de expansión». Á súa volta da Arxentina, Lorca reemprendeu a composición dos seus poemas galegos coa colaboración de Pérez Guerra, tarefa que se viu interrompida pola confección do seu Llanto por Ignacio Sánchez Mejías, completado a finais de outubro de 1934.

Foi durante a primavera de 1935 cando, finalmente, un tenaz Eduardo Blanco Amor conseguiu de Lorca os manuscritos, con letra de Ernesto Pérez Guerra, de cinco dos Seis poemas galegos, xunto a un recorte de prensa do «Madrigal á cibdá de Santiago», publicado por El Pueblo Gallego en 1932.Nota: conservados na Biblioteca e o Arquivo da Deputación de Ourense, segundo Conta Gibson que Lorca, entregado á creación de Doña Rosita la soltera, deu os poemas a Blanco Amor e desentendeuse do seu destino: «Non me fales máis disto até que me traias o libro». García Posada explica que a intervención de Blanco Amor na redacción dos poemas consistiu na revisión ortográfica, a corrección dalgúns castelanismos e a suxestión de cambios nalgúns títulos, que Lorca aceptou.

A publicación dos poemas foi anunciada pola revista Nós, no seu número correspondente a maio-xuño de 1935, entre as «novas obras publicadas» da editorial. Porén, o colofón do libro leva data do 27 de decembro de 1935. Blanco Amor prologou a edición, na que non se nomea a colaboración de Pérez Guerra, e suprimiu a dedicatoria a este da «Cantiga de neno da tenda».

No ano 1974 a Editorial Akal, na súa Colección Arealonguiña, dirixida por Xesús Alonso Montero, publicou unha Edición Tetralingüe (galego, castelán, catalán e éuscaro), de 48 páxinas. A tradución ao castelán é de Ánxel Fole, ao catalán é de Ricard Salvat e ao éuscaro é de Gabriel Aresti.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Con estudo introdutorio de X. A. Montero.

Outros artigos Impresiones y paisajes

Ligazóns externas

Categoría:Obras de poesía en galego Categoría:Obras literarias de 1935 Categoría:Federico García Lorca Categoría:Eduardo Blanco Amor Categoría:Artigos destacados sobre Galicia Categoría:Poemas