Dream Wife é unha banda baseada en Londres cun son que mestura punk rock, pop e indie rock. O grupo está composto por Rakel Mjöll (voz principal), Alice Go (guitarra e voces) e Bella Podpadec (baixo e voces).

En 2018 a banda foi incluída na lista da revista Rolling Stone das "13 mellores cousas que vimos" nese ano no festival Lollapalooza. Kev Geoghegan e Paul Glynn de BBC Music dixeron que Dream Wife "era unha banda asombrosa e unha das novas bandas máis comentadas de a 2018". Joe Lynch de Billboard escribiu "Dream Wife é indiscutibelmente unha das bandas de rock en vivo máis emocionantes que xurdiron nos últimos anos".

Historia A vocalista Rakel Mjöll naceu en Islandia e pasou oito anos da súa infancia vivindo en Santa Clara e San Jose, California. Tivo formación en jazz e ópera na súa adolescencia en Reiquiavik. A baixista Bella Podpadec, criada en Somerset, coñeceu á guitarrista Alice Go na Mid-Somerset Battle of the Bands. As tres mulleres asistiron á Universidade de Brighton e no ano 2014 formaron a banda como un proxecto da escola de arte. O trío tivo a idea de formar unha "banda de rapazas falsa" e graváronse a si mesmas compoñendo as cancións que finalmente interpretarían na exposición dunha galería de arte. A película foi rodada como un mockumentary inspirado por This Is Spinal Tap. Tras graduarse a banda mudouse a Londres.

A banda colleu o seu nome da comedia romántica de 1953 Dream Wife, protagonizada por Cary Grant e Deborah Kerr. As súas letras a miúdo abordan cuestións relacionadas co feminismo, os roles de xénero, a imaxinería corporal e a obxectificación sexual. Os membros da banda citaron como infliencias a artistas como Be Your Own Pet, Sleigh Bells, Le Tigre, Debbie Harry, Grimes, David Bowie e Madonna. Durante os seus concertos o grupo é coñecido por promulgar unha política de "bitches-to-the-front" onde piden á audiencia que permitan ás mulleres que queiran facer mosh xuntas que se coloquen preto do escenario.

En 2016 a banda publicou o seu primeiro EP autotitulado a través de Cannibal Hymns. O EP foi gravado na casa dos pais de Go en Somerset co seu pai tocando a batería. O ano seguinte publicaron outro EP titulado Fire. O título estivo inspirado en parte polo feito de que as tres membros da banda naceran baixo sígnos astrolóxicos de lume. Ese mesmo ano xiraron polo Canadá e tamén tocaron en festivais como o Iceland Airwaves en Reiquiavik e o South by Southwest en Austin, Texas.

En 2018 editaron o seu álbum de estrea, Dream Wife, con críticas positivas: Joe Goggins de The Independent deulle 4 de 5 estrelas e destacou que "publicaron un disco de estrea que non soa como un traballo DIY; é unha peza pulida e segura de punk melódico". Leonie Cooper de NME deulle 10 de 10 e escribiu: "Maldita sexa, estivemos esperando moito tempo por unha banda como Dream Wife". Emma Swann de DIY puntuouno con 4 de 5 e dixo: "Ás veces temos as bandas que queremos: ás veces - como no caso de Dream Wife - tamén son as bandas que necesitamos".

A banda continuou o lanzamento do seu disco cunha extensa xira por Europa e Norteamérica, abrindo para The Vaccines e Sunflower Bean nalgúns dos seus concertos nos Estados Unidos e o Canadá, para The Kills noutras datas nos Estados Unidos e para Garbage no Reino Unido, Alemaña e Francia. Ese mesmo ano a banda actuou en varias cidades de Australia como parte do St Jerome's Laneway Festival. No outono de 2018 Dream Wife comezou a súa primeira xira por Norteamérica como cabeza de cartel.

Orixinalmente a banda saía de xira cunha caixa de ritmos, pero agora está acompañada polo batería Alex Paveley.

En 2020 a banda lanzou o seu segundo álbum de estudio, So When You Gonna..., con críticas xeralmente positivas. O son do disco comparouse co de varias bandas lideradas por mulleres, como Yeah Yeah Yeahs.

O 9 de xuño de 2023 Dream Wife publicou o seu terceiro álbum de estudio, Social Lubrication.

Discografía ÁlbumAnoSeloDream Wife2018Lucky NumberSo When You Gonna...2020Lucky NumberSocial Lubrication2023Lucky Number Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina oficial

Categoría:Grupos musicais de Londres Categoría:Grupos musicais de punk rock Categoría:Grupos musicais de pop punk Categoría:Grupos musicais de indie rock Categoría:Grupos musicais formados en 2016 Categoría:Bandas de mulleres