A revista Morcego é unha publicación especializada en videoxogos editada en lingua galega.
Alén de novas sobre a actualidade da industria do videoxogo, como lanzamentos, atrasos, actualizacións ou sucesos; tamén recolle reportaxes divulgativas sobre o medio, entrevistas e columnas de opinión de sinaturas diversas. Trátase dun medio non lucrativo, sen publicidade, e que tampouco recibe subvencións de ningunha entidade pública. A súa principal fonte económica é colectiva, a través de Patreon , sendo un dos máis exitosos na Galiza dentro da plataforma estadounidense. Tamén entraría dentro dos dez Patreon máis importantes no eido dos medios de videoxogos en España, segundo a base de datos DeVuego.
Tamén se inclúe dentro da revista dixital un podcast semanal que recolle as novas máis importantes dos últimos días, amais de incluír seccións propias nun ton informal e lixeiro. Chámase A Gruta de Gizamaluke.
Traxectoria Comezou a editarse en setembro do ano 2018 a iniciativa do xornalista Carlos Pereiro, actual director da revista.
O proxecto podería ser considerado cooperativo e colectivo, ao ter aberta a recepción de artigos e reportaxes. Doutra banda, desde que naceu, foi abordando, máis aló da web como tal, outros formatos audiovisuais como o programa radiofónico A Gruta de Gizamaluke, nado na súa primeira tempada como un proxecto en colaboración co medio dixital PontevedraViva. Tamén conta cunha canle en YouTube e outra en Twitch (colaboraron con Twitch en galego na retransmisión do Torneo do Grelo), cun contido diverso que vai dende gameplays a titoriais.
Para comezos do ano 2021, Morcego é considerado o principal foco de referencia informativa sobre videoxogos en lingua galega.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas A gruta de Gizamaluke - Podcast da revista en PontevedraViva.
Categoría:Medios de comunicación de Galicia Categoría:Revistas de videoxogos