Roger Gilbert Bannister, CBE, nado en Harrow, Londres, o 23 de marzo de 1929 e finado en Oxford o 3 de marzo de 2018,Muere Roger Bannister. ABC. foi un atleta mediofondista e neurólogo británico. Foi a primeira persoa da historia capaz de correr unha milla (1609 metros) en menos de catro minutos. Trala súa carreira deportiva comezou a traballar como neurólogo, chegando a ser o reitor do Pembroke College de Oxford antes de retirarse en 2001.

Traxectoria Bannister era fillo dunha familia adiñeirada e educouse nalgunhas das mellores escolas de Inglaterra. Compaxinou o atletismo cos seus estudos de medicina na Universidade de Oxford.

En 1950 logrou unha medalla de bronce nos 800 metros dos Campionatos de Europa disputados en Bruxelas. Dous anos máis tarde participou nos Xogos Olímpicos de Helsinqui, onde estivo preto de conseguir unha medalla, finalizando cuarto nos 1500 metros con 3:46,0.

A súa fazaña máis importante e pola que é máis coñecido realizouna o 6 de maio de 1954 no transcurso dun encontro atlético que tivo lugar nas pistas de Iffley Road en Oxford ante 3000 espectadores. Bannister obtivo a vitoria na milla cun tempo de 3:59,4 sendo a primeira persoa da historia en baixar dos catro minutos. A carreira foi todo un acontecemento en Inglaterra e foi retransmitida pola canle de radio da BBC,Inclúe imaxes completas da carreira. co antigo campión olímpico dos 100 metros Harold Abrahams como comentarista. O sueceso pasou a ser coñecido como a "milla milagre", xa que algúns dubidaban de que fose posible cubrir esa distancia en menos de catro minutos. Non obstante, isto formaba parte do mito que rodeaba esta proba, espallado polos xornalistas e comentaristas deportivos, e debíase máis a ser un número redonde que a unha análise técnica detallada. De feito, a nova marca só melloraba en dous segundos o récord mundial que estaba en poder do sueco Gunder Hägg dende había nove anos.

Só 46 días despois, o 21 de xuño, a marca de Bannister foi batida en Turku (Finlandia) polo australiano John Landy, que correu a distancia en 3:58,0. A raíz disto xerouse unha grande expectación por ver un enfrontamento directo entre estes dous atletas nunha mesma carreira. Esta tivo lugar o 7 de agosto do mesmo ano nos Xogos da Commonwealth celebrados en Vancouver. Era a primeira vez que Bannister e Landy competían xuntos. Landy dominou durante a maior parte da proba chegando incluso a ter unha pequena vantaxe na terceira volta. Porén, o final de Bannister era máis poderoso e acabou gañando cun tempo de 3:58,8 contra os 3:59,6 de Landy, que foi segundo. Esta carreira foi un grande acontecemento seguido amplamente polos medios de comunicación de todo o mundo, e os británicos celebrárono como un grande éxito nacional. En 1967, o escultor canadense Jack Harman realizou unha escultura en bronce en que aparecen os dous atletas correndo, e que adornou durante moitos anos a entrada do estadio de Vancouver. Cando o estadio foi demolido, a estatua foi trasladada.

Poucas semanas despois da súa vitoria sobre Landy, Bannister gañou a medalla de ouro nos 1500 metros nos Campionatos de Europa disputados en Berna con 3:43,8. Despois dese ano, Bannister retirouse do atletismo para concentrarse na súa profesión, e chegou a ser un distinguido neurólogo.

Recibiu moitas honras tanto no seu país como fóra del. Foi o primeiro en ser escollido "deportista do ano" pola revista estadounidense Sports Illustrated. Tamén foi o primeiro presidente do Consello Inglés de Deportes, e a raíña de Inglaterra nomeouno cabaleiro en 1975 polos seus servizos.

Foi diagnosticado con párkinson en 2011.

Na cultura popular A historia de Bannister foi obxecto de dúas adaptacións televisivas. A primeira foi unha miniserie de 1988 titulada The Four Minute Mile, protagonizada por Michael York. A segunda foi un telefilme de 2005 titulado Four Minutes, con Jamie Machlachlan no papel de Bannister.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Bannister, Roger (1955), The Four-Minute Mile. Revised and enlarged 50th anniversary (of the race) edition, 2004, The Lyons Press. Bascomb, Neal (2004), The Perfect Mile: Three Athletes, One Goal, and Less Than Four Minutes to Achieve It. . Cameron, Julia (1993), The Artist's Way. Oxford, Londres: Pan Books. .

Nelson, Cordner and Quercetani, Roberto (1985), The Milers, Tafnews Press, 1985, , pp. 181–215 Quercetani, R. L. (1964), A World History of Track and Field Athletics, 1864–1964, Oxford University Press. Ligazóns externas Roger Bannister, un atleta para ser recordado Roger Banister; The four minute mile Newsreel footage of Roger Bannister achieving the four-minute mile Roger Bannister and the Four-Minute Mile, original reports from The Times "Bannister triumphs with sub-four minute mile", original report from The Guardian (from the Guardian archive) Live TV coverage of the "Miracle Mile" Multiple System Atrophy Trust website – Bannister was patron of the MSA Trust Images of Roger Bannister in the Queen Square Archives (10 images) Roger Bannister on the History of Modern Biomedicine Research Group website (3 images) 2018 Oxford memorial event

Categoría:Nados en Harrow Categoría:Nados en 1929 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Atletas de Inglaterra Categoría:Mediofondistas Categoría:Médicos do Reino Unido Categoría:Alumnos da Universidade de Oxford Categoría:Finados por párkinson Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1952 Categoría:Atletas olímpicos do Reino Unido