Sardeña (en sardo: Sardigna, en italiano: Sardegna, en catalán: Sardenya, en corso: Sardegna) é a segunda illa máis grande do mar Mediterráneo despois de Sicilia. Cunha superficie de 24.090 km², é unha das vinte rexións de Italia, posuíndo un estatuto especial de autonomía rexional.
Sardeña ademais é unha das dúas rexións cuxos habitantes foron denominados "popolo" (pobo diferenciado) polo parlamento italiano, xunto coa rexión do Véneto. A orixe do nome da illa é incerta, mais é posible que proveña dunha tribo chamada os Sardos. Foi ademais chamada Ichnusa polos fenicios e Sandalyon polos gregos, xa que a súa forma lembra unha pisada.
Xeografía A capital da rexión de Sardeña é Cagliari, estando divida a rexión en oito provincias: Cagliari, Sassari, Nuoro, Oristán, Olbia-Tempio, Ogliastra, Carbonia-Iglesias e Medio Campidano.
Sardeña é, pola súa extensión, a segunda illa do Mediterráneo e da República Italiana, logo de Sicilia. É unha das cinco rexións da República Italiana que dispoñen dun estatuto de autonomía especial, xunto con Sicilia, Trentino-Tirol do Sur, Friúl-Venecia Xulia e o Val de Aosta.
A illa, con 1800 km de costa, está a 200 km ó oeste da península italiana, 200 km ó norte de Tunisia e a só 12 km ó sur da illa francesa de Córsega.
Xeografía física miniatura|esquerda|Imaxe satélite da illa miniatura|esquerda|Paisaxe granítica na Gallura O territorio de Sardeña caracterízase por ser relativamente montañoso, estando arredor do 80% do territorio conformado xa sexa por montañas ou outeiros. Canto aos outeiros e altiplanos rochosos representan o 67,9% da superficie, algúns deles, moi característicos, son chamados giare ou gollei. As montañas son o 13,6% e están conformadas por antigas rochas niveladas por un lento e continuo proceso de erosión.
Estas montañas teñen o seu cumio máis elevado no Perdas Caprias (en italiano: Punta La Marmora), cunha altura de 1834 m sobre o nivel do mar, no macizo do Gennargentu. Ao norte distínguense os montes de Limbara (1362 m), o monte Rasu (1269 m), o monte Albo (1127 m) e o Corriasi de Oliena (1463 m). Ao sur o monte Linas (1236 m) e os montes do Iglesiente que posúen menos altitude a medida que se aproximan ao mar.
A zona das planicies comprende o 18,5% do territorio; a chaira máis extensa é o Campidano, que separa os relevos centro setentrionais dos montes do Iglesiente, mentres a chaira de Nurra atópase na parte noroccidental, cara á cidade de Sassari.
Os ríos teñen natureza artificial, xa que os máis importantes están contidos por diques que conforman encoros utilizados, principalmente, para irrigación dos campos. O dique do lago Omodeo é o máis grande de Italia; séguenlle os diques de Flumendosa, Coghinas e Posada. Os ríos máis importantes son o Tirso, o Flumendosa, o Coghinas, o Cedrino e o Temo. O único lago natural é o de Baratz, ao norte de L'Alguer.
A costa se curva nos golfos de Asinara ao norte, de Orosei ao leste, de Cagliari ao sur, e de Oristano ao oeste. As costas son altas, rochosas e con pequenas enseadas que, cara ao nordés, vólvense profundas. Litorais baixos, areosos e ás veces pantanosos, atópanse nas zonas meridionais e occidentais: son os estanques costeiros, zonas húmidas moi importantes dende o punto de vista ecolóxico. A illa de Sardeña está circundada por múltiples illas e illotes entre as que se atopan Asinara, San Pietro, Sant'Antioco, Tavavola, e o arquipélago da Magdalena con Caprera.
Clima miniatura|263px|Vista do Gennargentu miniatura|263px|Panorámica de Cagliari O clima mediterráneo é típico en gran parte de Sardeña, excepto nalgunhas zonas do interior marcadas por un clima máis ríxido. Ao longo da zona costeira, onde reside gran parte da poboación, teñen invernos suaves, grazas á presenza do mar, con raras nevadas e veráns calorosos e secos. No interior da illa, a baixa humidade e o forte vento permite soportar facilmente as elevadas temperaturas estivais, capaces de alcanzar normalmente os 35-40 °C. Porén, nas zonas máis próximas á costa raramente se acadan ditas temperaturas. Nas zonas internas o clima é máis ríxido. Sobre os montes do Gennargentu nos meses de inverno neva e a temperatura descende baixo cero. No verán o clima é fresco, abrigo durante as horas nocturnas e raramente caloroso durante días consecutivos.
As precipitacións resultan escasas ao longo da costa e na zona meridional cunha media inferior aos 500 mm anuais; en particular, a localidade de Capo Carbonara rexistrou o valor mínimo absoluto tanto da rexión coma de todo o territorio italiano cunha media de 266 mm anuais. Nas áreas internas da meirande parte da illa a precipitación media é de 500–800 mm, e nas proximidades dos principais relevos montañosos pódense superar os 1.000 mm anuais.
Rexións históricas Sardeña está dividida historicamente en subrexións que derivan directamente, nas denominacións e nas extensións, dos distritos administrativos, xudiciais e electorais, chamados en sardo curadorias.
Algunhas denominacións xa non están en uso, namentres outras resistiron até hoxe e son aínda utilizadas de xeito habitual polos sardos. Algunhas das máis coñecidas son: Anglona, Barbagia, Barigadu, Baronie, Campidano, Logudoro, Gallura, Goceano, Mandrolisai, Marghine, Marmilla, Meilogu, Monteacuto, Montiferru, Nurra, Ogliastra, Planargia, Quirra, Romangia, Sarcidano, Sarrabus, Sulcis ou Trexenta.
Historia Prehistoria
miniatura|Restos fenicios de Tharros miniatura|Igrexa de estilo románico pisano miniatura|Eleonora di Arborea miniatura|Cagliari, capital de Sardeña A historia da Sardeña data xa de moi antigo. Por exemplo en 1979 foron datados vestixios humanos do 150.000 a.C. Na Prehistoria os habitantes da Sardeña estabelecéronse e comercializaron obsidiana, unha pedra usada na produción de bastas ferramentas, e este comercio revelou algúns contactos entre os sardos e a meirande parte do mediterráneo. Entre o Neolítico e a época do Imperio Romano, deuse a civilización nuráguica. Mesmo actualmente, 7.000 anos despois, Nuraghe sobrevive. Hai sospeitas de que a misteriosa poboación Shardana chegou á Sardeña, vindo do Mediterráneo Oriental, arredor do século 20 a.C.
Pouco se sabe sobre esta xente, cuxo nome (que probabelmente signifique Xentes do Mar) foi atopado nunhas inscricións exipcias. Segundo algúns estudos lingüísticos, este pobo partira de Sardis (Lidia) e chegou ao mar Tirreno, formando relacións con sardos e etruscos.
A partir do 1000 a.C., os mariñeiros fenicios estabeleceron varios portos na costa sarda, que introduciron a escritura na illa arredor do 600 a.C. Porén, no 509 a.C., a guerra estalou entre os nativos e os propios fenicios, que pediron axuda a Cartago, pasando finalmente a illa a formar parte do Imperio Cartaxinés. No 238 a.C., despois de ser derrotada pola República Romana durante a primeira guerra púnica, Cartago cedeu Sardeña a Roma.
Roma Coa chegada dos romanos á illa foi desenvolvida unha rede de estradas organizada, que facilitaba o desprazamento das tropas e dos comerciantes. Esa rede serviu como base ao sistema actual de estradas. Os romanos aproveitaron abundantemente os recursos de Sardeña, que chegou a ser un celeiro do imperio debido ás súas abundantes colleitas de trigo de alta calidade. Construíronse anfiteatros, e posteriormente a relixión cristiá difundiuse en Sardeña debido á chegada de xudeus e cristiáns exiliados, disidentes do Imperio. No 227 Córsega formou parte da provincia romana de Córsega e Sardeña. Cando o imperio se debilitou, a presenza de tropas romanas comezou a declinar.
Vándalos Entre 456 e 534, Sardeña formou parte do curto imperio dos vándalos, un pobo de orixe xermánica que migrara cara ao sur das súas terras orixinarias durante todo o século V. Este pobo, a parte das illas, conseguiu dominar o Norte de África, onde se estabeleceron tomando Cartago no ano 439. Finalmente a illa foi reconquistada por Xustiniano, emperador bizantino. Baixo dominio de Bizancio, o representante imperial gobernaba a partir de Caralis, mais ese goberno era practicamente inexistente na rexión montañosa de Barbagia, na parte oriental da illa, onde un reino bárbaro persistiu por nove séculos.
Idade Media Comezando o Século VIII, os árabes e bérberes realizaron varios ataques á Sardeña. Especialmente logo da conquista de Sicilia en 832. Os bizantinos non foron quen de defender este territorio, o máis afastado deste Imperio, polo que o gobernador local asumiu unha autoridade independente. Para mellor defensa, dividiu a illa en catro Giudicati: Gallura, Logudoro, Arborea e Caralis. No ano 900 estes distritos tornáronse en catro monarquías constitucionais independentes, caendo por varias veces no poder de Xénova, de Pisa ou mesmo do papado.
No 1323, o Reino de Aragón comezou unha campaña para conquistar a Sardeña da man do infante Afonso, en alianza co reino, ou giudicato, de Arborea. Este reino, máis tarde, tornariase o seu inimigo e, por un tempo, gobernou case a totalidade da illa con Eleonora di Arborea, até que o último xuíz decidiu vender as terras remanentes por 100.000 florins de ouro. Os habitantes ligures nativos de Alghero, cuxa cidade foi cedida polos reis de Arborea, foi repoboada polos invasores cataláns, cuxos descendentes aínda hoxe falan catalán.
Reino de Sardeña
O dominio da Coroa de Aragón prolongouse até o século XVIII, mantendo na illa unha ríxida organización de tipo feudal. Máis tarde a Guerra de Sucesión española provocou que Sardeña fose ocupada por un exército anglo-holandés no 1708 e pasase no 1713 ao dominio da Austria mediante o Tratado de Utrecht. Aínda que a illa foi rapidamente recuperada no 1717 por Filipe V de España, mais ao ano seguinte este tivo que regresala tras a súa derrota fronte a Cuádrupla Alianza, formada polo Sacro Imperio Romano Xermánico, as Provincias Unidas dos Países Baixos, o Reino de Francia e o Reino da Gran Bretaña.
Finalmente no 1720, Sardeña tornouse en reino independente baixo a Casa de Savoia, os gobernadores do Piemonte. Co Reunificación de Italia, no 1860, o reino sardo pasou a formar parte da nova Italia unificada.
Actualidade No 1948, co nacemento da República Italiana, fóiselle outorgado á Sardeña un Estatuto especial, ao igual ca outras catro rexións (Sicilia, Trentino-Tirol do Sur, Friúl-Venecia Xulia e Val de Aosta) co obxectivo de evitar separatismos.Annie CHEMLA-LAFAY, Randhir AULUCK, Céline CHOL, Brigitte COUÉ, Marie-Thérèse DELEPLACE, Brigitte DENGLER, Michel MARÉCHAL, 25 ans de réforme de la gestion publique dans les pays de l'OCDE, Convergence et systémique, Institut de la gestion publique et du développement économique, Mai 2006, p.33.
Xa que logo, a lei constitucional número 3 do 26 de febreiro de 1948 permitiu unha transferencia do poder da república á rexión. Daquela, Sardeña, xunto coas súas illas menores, constitúese nunha Rexión Autónoma. Dende ese intre a rexión organizouse en tres provincias (Cagliari, Nuoro e Sassari, e posteriormente agregaríase Oristano) e tres órganos dos poderes rexionais. O poder executivo é administrado pola Xunta Rexional, o poder lexislativo polo Consello Rexional, e finalmente, o Alto Comisario (pouco despois chamado Presidente da Xunta ou Comisión rexional), elixido polo Consello para ser o representante da rexión sarda. No 2004 o Presidente da Xunta cambiou de nome outra vez a Presidente da Rexión. Con isto, a rexión de Sardeña tenta unir a súa identidade propia, o mantemento da súa cultura e o legado da súa longa historia.
Demografía miniatura|Alghero, cidade ao norte da illa onde aínda se fala catalán miniatura|Vestimenta típica do Entroido de Mamoiada, na Provincia de Nuoro