Jack Roosevelt Robinson, nado en Cairo, Xeorxia (Estados Unidos) o 31 de xaneiro de 1919 e finado en Stamford, Connecticut o 24 de outubro de 1972, foi un xogador de béisbol profesional. Foi o primeiro xogador afroamericano en xogar na era moderna das Ligas Maiores de Béisbol (MLB). Robinson rompeu a barreira da cor do béisbol cando os Brooklyn Dodgers o colocaron como xogador titular na primeira base o 15 de abril de 1947. Cando os Dodgers asinaron a Robinson, anunciaron a fin da segregación racial no béisbol profesional que relegaba desde 1880 aos xogadores de cor ás Ligas Negras. Robinson foi seleccionado para o Salón da Fama do Béisbol en 1962.

Robinson tivo unha destacábel carreira de dez anos na MLB. No seu primeiro ano, 1947, recibiu o primeiro trofeo da historia outorgado ao mellor novato da MLB. Posteriormente, foi escollido seis temporadas consecutivas para xogar o Partido das Estrelas (1949–1954) e gañou o trofeo ao Xogador máis Valioso (MVP) da Liga Nacional, sendo o primeiro xogador de cor en conseguilo. A nivel colectivo, participou cos Dodgers en seis Series Mundiais, contribuíndo á vitoria na edición de 1955. En 1997, a MLB decidiu retirar o seu dorsal 42 para todos os equipos, sendo o primeiro atleta profesional en calquera deporte en recibir esa honra. Ademais, a MLB adoptou a tradición de celebrar cada ano o "Día de Jackie Robinson", no cal todos os xogadores de todos os equipos levan o dorsal 42.

O carácter de Robinson, o seu uso da non-violencia e o seu incuestionábel talento desafiaron as bases tradicionais da segregación que marcaba moitos outros aspectos da vida estadounidense. Influíu na cultura e contribuíu significativamente ao movemento polos dereitos civís. Robinson foi tamén o primeiro analista de televisión negro na MLB e o primeiro vicepresidente negro dunha gran corporación estadounidense, Chock full o'Nuts. miniatura|160x160px|Jackie Robinson nun dólar conmemorativo do seu 50 aniversario como xogador (1997) Na década de 1960, axudou a establecer o Freedom National Bank, unha institución financeira de propiedade afroamericana con sede en Harlem, Nova York. Despois da súa morte en 1972, en recoñecemento aos seus logros dentro e fóra do campo, Robinson recibiu postumamente a Medalla de Ouro do Congreso e a Medalla Presidencial da Liberdade.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Dólar de prata Jackie Robinson

Ligazóns externas Fundación Jackie Robinson

Categoría:Nados en 1919 Categoría:Nados en Xeorxia, Estados Unidos de América Categoría:Finados en 1972 Categoría:Xogadores de béisbol dos Estados Unidos de América Categoría:Xogadores dos Brooklyn Dodgers