Carmen Castilla Polo, nada en Logroño o 16 de novembro de 1895 e finada en Madrid o 5 de marzo de 1979, foi unha educadora e inspectora de Primeiro Ensino. Realizou os seus estudos na Escola Superior de Maxisterio de Madrid conseguindo o título de Mestra Normal na sección de ciencias na primavera de 1920.

Traxectoria Foi a primeira filla, de once, do matrimonio entre o empresario Cesáreo Castilla Moleda e a rioxana Rosa Polo Ortigosa e estivo casada con Emilio Álvarez Cot, que faleceu durante o transcurso da guerra civil.

Logo de obter o título de mestra, na Escola Superior de Maxisterio de Madrid no ano 1919, traballou como profesora no Instituto Escola de segundo ensino durante dous cursos 1918-1919 e 1919-1920. No verán de 1920, entra a formar parte do corpo de Inspectores de Ensino Primario sendo o seu destino a provincia de Teruel.

Na súa etapa estudantil, residiu na residencia de señoritas onde estabeleceu unha grande amizade coa súa directora María de Maeztu. Un pouco máis adiante, entre os anos 1921 e 1922 participou nun intercambio entre a Residencia de señoritas e o Smith College de Northampton, Massachusetts nos Estados Unidos, unha viaxe que supuxo un gran progreso na súa carreira profesional, e durante o cal estudou bioloxía e organización escolar. No Smith College asistiu a clases onde se impartían pedagoxía, ciencias e zooloxía. Mentres estudaba, aproveitou tamén, para visitar escolas e universidades.

Entre 1922-23 estivo a traballar no Museo Nacional de Ciencias Naturais, no Laboratorio de Zooloxía, onde realizaba un estudo comparativo entre métodos usados nos Estados Unidos (os cales aprendera na súa estancia neste país) para o estudo da Drosophila melanogaster, e os utilizados en España para especies semellantes. O traballo non se puido concluír por falta de tempo, pero malia as peticións de Carmen Castilla Polo e dos responsables do Museo, o Consello de Instrución Pública ditaminou en novembro de 1923 que non se podía conceder unha ampliación xa que a razón exposta non entraba nos motivos polos que estas se concedía.

Deste xeito, Carmen Castilla Polo volve ó seu traballo de inspectora de Ensino Primario e, tras estar en varias provincias da xeografía española traballando, conseguiu en 1932 unha praza como inspectora de Ensino Primario en Madrid, un cargo no cal estivo a traballar até a primavera de 1939, xusto antes do final da guerra civil. Durante a guerra civil, encargouse da organización de expedicións infantís á Comunidade Valenciana, xa que era membro do Padroado de Axuda Infantil na provincia de Castelló. Trala finalización da guerra civil, abríuselle un expediente de depuración que se resolveu en 1940 coa súa separación definitiva do Corpo de Inspectores. Sometérona a un Consello de Guerra no inverno de 1940, debido á súa afiliación ó Sindicato de Traballadores do Ensino (foi membro da Federación Española de Traballadores do Ensino da UXT e estivo afiliada á AS de Madrid dende o ano 1931) e ó Partido Socialista, pero o caso foi sobresido e absolvérona. Aínda que, iso si, tivo que pasar a obrigatoria depuración do franquismo entre os anos 1940 e 1947. En 1947 anulouse a Orde Ministerial de 26 de xullo de 1940, que a expulsou do Corpo de Inspectores, e foi nomeada Inspectora da provincia de Lugo.

Carmen Castilla Polo seguiu estudando e obtivo o diploma de profesora especial de xordomudos entre os anos 1955 e 1956 e, tamén, foi socia fundadora da asociación de logopedia e foniatría. Traballou como inspectora de Ensino Primario até a súa xubilación, á idade de 70 anos, en 1965 nas provincias de Guadalaxara e Cuenca, ademais de Lugo. Faleceu en Madrid o 5 de marzo de 1979, á idade de 83 anos.

Notas

Categoría:Nados en Logroño Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1979 Categoría:Profesores de España