Jacinta Landa Vaz, nada en Badaxoz o 3 de novembro de 1884 e finada en México o 13 de xuño de 1993, foi unha mestra e musicóloga española. Era irmá de Matilde Landa Vaz.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Jacinta Landa naceu en Badaxoz, no seo dunha familia podente e librepensadora, na que se fomentaba a educación e a cultura. Filla do avogado krausista Rubén Landa Coronado e de Jacinta Vaz Toscano, que casaron polo civil en 1886 -algo moi infrecuente naquel momento- en Porcel (Portugal). Non foi bautizada, algo pouco habitual na época. Tivo dúas irmás: Aida e Matilde e un irmán, Rubén.

Dende nena tiña o costume de memorizar as cancións populares que cantaban nos sitios onde vivía e despois as gravaba. Foi educada no ambientes da Institución Libre de Enseñanza. Finalizou a carreira de Maxisterio en 1913, coa especialidade en criaturas xordas e cegas.

Casamento Casou polo civil con Xoán Vicente Viqueira no ano 1917 e dende ese ano ata o 1924 fixo un percorrido de inmersión na cultura galega que lle foi doado por ser súa nai portuguesa. Viviron na Quinta de San Vitorio (Vixoi, Bergondo) e tiveron dúas fillas e un fillo (Luisa, Jacinto e Carmen).

Marcha a Madrid Despois da morte do seu home en 1924 trasladouse a Madrid e, para manter aos fillos, fixo estudos de xinecoloxía e traballou como comadroa. Porén, axiña contactou con mulleres moi activas na loita polos dereitos sociais e participou como fundadora do movemento creado en Madrid, o Lyceum Club Femenino, un colectivo formado por algunhas das mulleres máis destacadas da República co obxectivo de ser escritoras, ter un trato igualitario e non ser consideradas como "autoras de literatura para mulleres". Baixo a presidencia da pedagoga María de Maeztu, e asociadas relevantes como Clara Campoamor, Victoria Kent, Isabel Oyarzábal, Zenobia Camprubí e Elena Fortún, entre outras, o Lyceum foi fundamental na defensa da igualdade, na incorporacióndas mulleres ao mundo laboral e do sufraxio feminino, entre outros avances de xustiza social.

A finais dos anos vinte do século XX, fundou e dirixiu xunto ao xurista e pedagogo José Castillejo e o seu irmán Rubén Vaz tamén pedagogo, a Escola Internacional (1928) e, posteriormente a Escola Plurilingüe (1933), ambas en Madrid e inspiradas nos principios da Institución Libre de Enseñanza (ILE).Jiménez-Landi, Antonio. La Institución Libre de Enseñanza y su ambiente: Periodo de expansión influyente. IV, Volumen 4. Edicions Universitat Barcelona, 1996. Foi este un experimento educativo único en Europa, "cuxa influencia na renovación da vida cultural española caracterizou toda unha época". Entre os anos 1933 e 1934 colaborou coas colonias escolares da ILE en Miraflores de la Sierra e tamén foi directora neses centros xunto a Alicia Ortiz, Luisa Viqueira Landa (a súa filla) e Xosé Otero Espasandín.

A Escola Internacional foi un proxecto persoal de Jacinta Landa, unha especie de cooperativa onde pais e nais tiñan a propiedade da empresa e mantiñan unha implicación grande por parte das familias. Alí estudaban "os fillos da intelectualidade madrileña" como Pedro Salinas ou Andrés Segovia.

Segunda República e exilio No verán do 1936, xunto co profesorado da Escola Pluirilingüe, cedeu o edificio para instalar un albergue na vila de Chamartín e coa axuda dun comité e as milicias poder prestar atención a fillos e fillas das familias que non tiñan ingresos por mor da guerra. A noticia publicouse no diario Crónica cunha reportaxe gráfica asinada por Elena Fortún.

Segundo avanzaba a guerra civil, o compromiso de Jacinta coa República conduciuna a se mover segundo se ía movendo o goberno republicano. Así, de Madrid, marchou cos fillos a Albacete, Valencia, Barcelona, Francia e, finalmente, ó exilio en México. Alí, gravou a capella un repertorio musical autóctono, recollendo pezas dende a súa infancia en Badaxoz, na quinta familiar de Cabezarrubias, as pezas portuguesas e galegas, cancións da ILE e da colonia de San Vicente de la Barquera entre outras cantigas infantís e contos.

Legado No ano 2017, o investigador e músico José Luis Pico Orjais, presentou en Lisboa O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz, unha obra que xunto co traballo de Domingos Morais, da Universidade de Lisboa e Pilar Barrios Manzano, da Universidade de Estremadura facían un repaso polo repertorio musical autóctono que a mestra gravou a capella durante o seu exilio en México. Estas gravacións recollen as melodías da infancia de Jacinta na súa Badaxoz natal, xunto con pezas portuguesas (terra da súa nai) e galegas; estas últimas lembranza da súa vida en San Fiz de Vixoi xunto co seu primeiro esposo, o filósofo e escritor Xoán Vicente Viqueira.

Cando Landa tiña 64 anos, comezou as gravacións para rexistrar en discos un conxunto de cancións cantadas por ela. Segundo se conta na investigación, o estudio de gravación estaba nunha dependencia anexa ao cinema Cinelandia, no número 6 da Rúa de San Juan de Letrán (México D.C). Como a describe Pico Orjais, Jacinta Landa, foi "unha exiliada republicana cun tesouro que nin sequera a rapina franquista lle puido confiscar: a súa memoria".

As gravacións foron a herdanza que deixou a súa descendencia, facendo posible esta investigación e contribuíndo a difusión e coñecemento desta muller silenciada pola historia. A antropóloga mexicana Jacinta Palerm Viqueira, neta de Jacinta Landa Vaz, fai o limiar da monografía dividindo a obra en catro partes con mesmo baixo continuo: a voz que canta e merece unha atenta escoita.

Itinerarios vitais: Cancións para unha viaxe. Afondamento nas distintas gravacións sonoras empregadas. Estudo minucioso do repertorio galego, portugués e estremeño. Conxunto de partituras que reflicten o que se pode escoitar no CD que acompaña o libro, entre as que salientan as tres pezas compostas por Xoán Vicente Viqueira (dúas das composicións baseadas en poemas de Rosalía de Castro, e outra, a Canción do Berce, con letra e música propias).

Recoñecemento A casa da mocidade do concello de Bergondo está adicada a Jacinta Landa Vaz.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

“Adivinanzas y cuentos que nos contaba María Medrano”, narrado por Jacinta Landa Vaz Carta de Xohán Vicente Viqueira a Jacinta Landa Vaz

Categoría:Musicólogos Categoría:Profesores de España Categoría:Nados en Badaxoz Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Nados en 1884 Categoría:Finados en 1993