Arístides Quintiliano (grego: Ἀριστείδης Κοϊντιλιανός) foi un teórico da música grego, de formación non só musicolóxica senón filosófica, de cuxa vida apenas sabemos nada, agás que tivo que vivir nunha época posterior a Cicerón (século -I), ao que menciona, e anterior a Marciano Capella (século V), quen utiliza pasaxes da obra de Arístides. Foi autor dun tratado musical, Perì musikês (Περί Μουσικῆς, Sobre a música) no que pretendeu mostrar todos os aspectos concernentes á música, tanto os especificamente técnicos, como os filosóficos, tentando conciliar a teorización aristoxenista e a pitagórica. A primeira edición da súa obra e a súa tradución ao latín foi realizada por Marcus Meibomius (Antiquae Musicae Auctores Septem, 1652).

Sobre a música O tratado ten un carácter enciclopédico e presenta unha visión totalizadora da música. O interese da obra reside en que nos proporciona abundante información sobre a música na Antigüidade, tanto sobre a práctica musical, como sobre a súa teoría. Na música teórica distingue entre a música da arte (teoría harmónica, rítmica e métrica) e a música da natureza (matemática musical e constitución musical do universo). Na música da arte inclúe a danza, a poesía e a interpretación escénica. No libro I fai unha descrición detallada do sistema musical grego no seu conxunto, expondo a Harmónica, a Rítmica e a Métrica. Xunto a iso transmítenos as escalas en uso na época de DamónArist. Quint. 19-20 (as mencionadas por Platón n'A RepúblicaPlatón, República, 399a). No libro II ocúpase da música práctica ou educativa, explicando a importancia da música na educación e na formación do éthos, así como na terapia das paixóns. Transmite a teoría de Damón sobre a influencia da música na alma. Así mesmo, proporciona unha explicación de carácter pitagórico-platónico para xustificar a acción da música sobre a alma, baseada na teoría da resonancia (co exemplo da corda da lira que soa por resonancia sen ser pulsada directamente) e na afinidade dos instrumentos musicais coa constitución adquirida pola alma no seu descenso a través das rexións celestesArist. Quint. 86-90. Xunto a iso ofrécenos unha descrición da práctica do solfexo na música antigaArist. Quint. 79-80. No libro III dedícase aos aspectos matemáticos da música, é dicir, ás relacións numéricas que constitúen os intervalos musicais (proporcións aritmética, xeométrica e harmónica) e á súa extrapolación á astronomía da súa época, o que el chama a música da natureza.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Extracto do tratado de música: pasaxe referente ao número nupcial de Platón. Texto grego, con introdución e comentarios en francés, no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011).

Categoría:Escritores en lingua grega antiga Categoría:Música antiga