David Rodríguez Rivada nado en Ourense o 4 de marzo de 1981, é un filólogo e músico galego. Dende o ano 2005 dá clase no IES Xesús Taboada Chivite de Verín.
Traxectoria Comezou os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Música de Vigo no ano 1991. No ano 2003 rematou a carreira de Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo, cursando o terceiro ciclo na UNED, e neste mesmo ano recibiu o Premio Extraordinario de Fin de carreira e tamén o Premio autonómico de Fin de carreira. O ano seguinte, no 2004, rematou o Grao profesional de violonchelo no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e ingresou na función pública como profesor de ensinanza secundaria na materia de Música.
No seu instituto levou a cabo unha serie de traballos, como a elaboración dun material didáctico nun libro de texto dixital para o curso de 2º de Educación Secundaria na materia de Música coa editorial Netex, a creación de diversos musicais escolares (Os miserables no ano 2013, Moulin Rouge no ano 2014, Mamma Mia no 2015, Hoxe non me podo levantar no 2016, Grease no 2017 e A Bela e a Besta no 2018) e concertos didácticos para escolares. Os dous primeiros musicais foron compartidos nas VI xornadas de Lingua e Literatura e nas I xornadas de Pedagoxía Musical no ano 2014 mentres que Grease recibiu o Premio de Dinamización e Innovación Lingüística no 2018. A EDUGA realizoulle unha entrevista sobre este musical premiado na cal se comenta o uso doutras formas de ensino non habituais e que xeran mellores relacións entre o profesorado e o alumnado coma neste caso.
O 21 de xullo de 2017 defendeu a súa tese El mito de Don Juan en la ópera: Don Giovanni de Mozart, dirixida por María del Carmen Becerra Suárez, que deu pé ao libro O mito de Don Xoan na ópera Don Giovanni de Mozart (2017), no que pretende dar conta dos mecanismos musicais e literarios que se articulan para dar paso a este mito. Para iso, tras expor brevemente a evolución do mito e identificar as súas variantes e o contexto do século XVI, repasa as fontes desta obra cume e analiza a partitura e libreto antes de mencionar o que deixou tras de si. O crítico musical Roberto Relova relata que é unha extraordinaria achega ás investigacións musicolóxicas acerca do mito e a construción mozartiana e cunha extensa e rigorosa proposta dende a visión da literatura comparada.
Estudou Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago de Compostela e mantivo o blog académico davidov3.blogia.com.
Obra O mito de Don Xoan na ópera Don Giovanni de Mozart (2017)
Notas
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1981 Categoría:Filólogos de Galicia Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes